O fin da pseudodemocracia e a ameaza autoritaria (adianto do libro «A esquerda ante o colapso da civilización industrial»)

Capa do novo libro que publica Véspera de Nada. Deseño: Martiño Picallo.

Capa do novo libro que publica Véspera de Nada. Deseño: Martiño Picallo.

Publicamos un adianto en exclusiva do novo libro que coeditará a nosa asociación, o ensaio de Manuel Casal Lodeiro titulado A esquerda ante o colapso da civilización industrial de cuxo proceso de financiamento mediante precompra xa vos informabamos recentemente. Lembramos que este proceso está a piques de rematar e, con el, a posibilidade de conseguir o libro a 2/3 do seu prezo final.

O fragmento que vos ofrecemos forma parte do cap. 4 do libro, titulado “Mutacións do capitalismo moribundo”:


O fin da pseudodemocracia e a ameaza autoritaria

Como veño dicindo, un dos aspectos sobre os que debe estar máis alerta a esquerda nos anos que temos por diante, é o proceso mediante o cal o caos socioeconómico e o resentemento social que con seguridade van acompañar o colapso desta civilización industrial fósil-dependente, poden virar en caldo de cultivo para o xurdimento do autoritarismo e mesmo de novas ou vellas castes de fascismo [1].

Sexamos claros: o sistema político actual é incompatible coa situación de colapso progresivo que viviremos ata que acabe de morrer esta civilización. As saídas diante desta situación redúcense claramente a dous estremos: ou se decatará cara a unha auténtica democracia, ou cara a unha auténtica ditadura. O que pretendo dicir é resulta innegable que a fin desta civilización vai abrir unha oportunidade irrepetible de construírmos utopías —agora si: tamén ecotopías— impensables ata hai pouco, e a esquerda debería asumir ese enorme reto nas súas auténticas dimensións, inéditas na historia humana [2]; pero, traxicamente, tamén vai abrir a porta ás maiores monstrosidades, incluíndo a posibilidade dun auténtico omnicidio [3]. Explican Fernández Durán & González Reyes que este avance do escenario fascista se vai dar en dúas fases progresivas [4]:

En las etapas iniciales de la Crisis Global, para el poder financiero todavía son más útiles los mecanismos de dominio que no descansen sobre nuevos fascismos. El ejemplo más claro son las imposiciones, haciendo uso del yugo de la deuda, de políticas y hasta de políticos (…). Esto está contando con la aquiescencia de la socialdemocracia y los partidos conservadores, así como de sus decrecientes bases electorales. Es previsible que estas estrategias tengan un recorrido corto, de hecho ya están haciendo aguas, como evidencia la caída en picado de la popularidad de los partidos mayoritarios. Por ello, la opción por la que se apostará probablemente serán neofascismos (…)

Esta perspectiva tan extrema pode ser difícil de asumir, pero existen síntomas de que tal radicalidade cada día está máis preto de se plasmar en mudanzas impensables. Así, algunha das voces que foron pioneiras en alertar á humanidade da situación á que nos dirixiamos, pide agora nin máis nin menos que renunciarmos ás democracias e substituílas por unha caste de ecoditaduras. Jørgen Randers, coautor do famoso estudo The Limits to Growth, revelouse nunha recente entrevista [5] como favorable a este novo tipo de sistemas autoritarios, xa que considera que a democracia actual é parte do problema, segundo a súa conclusión e tal e como eu apuntara anteriormente falando do curtopracismo electoral. En parecidos termos se ten expresado o autor da Teoría Gaia, James Lovelock [6]. Pero a confusión destes autores resulta tráxica: o problema non é que a democracia non sexa un bo sistema, senón que o problema radica precisamente en que, en realidade, non vivimos en democracias. Así que a solución non é menos democracia, senón máis, moita máis: unha democracia auténtica con verdadeira soberanía do pobo e ceibe dos condicionantes do oligopolio mediático e das interferencias pseudorrepresentativas dos partidos políticos tradicionais [7]. Neste sentido achamos sombríos ecos da crítica á democracia que se deu nos tempos previos ao auxe do nazismo, que —como conta Carl Amery— proviñan non só da intelligentsia conservadora ou do clero, senón tamén dos “expertos científicos e técnicos, é dicir, dos portadores do progreso” [8].

Desgraciadamente non son Randers e Lovelock os primeiros nin os únicos que se apoian nos defeutos do sistema actual e na súa errada consideración de democrático para demandar que se renuncie ao ideal da democracia. Levamos tempo escoitando ese ruxe-ruxe, que se ergueu como unha caste de oubeo dun espectro neototalitario en todas as democracias occidentais [9]. Pero estes autores, coa autoridade que lles dá a súa traxectoria ecoloxista e científica, elevan ese berro e afirman con rotundidade, para o noso abraio: temos que eliminar a democracia se queremos salvar o mundo!

Curiosamente o outro autor supervivinte —ademais de Randers— daquela trascendental obra que foi Limits to Growth, Dennis Meadows, tamén se lanzou publicamente a opinar sobre o fracaso das chamadas democracias, pero nuns parámetros que considero ben máis interesantes [10]:

FORMAT: ¿Teme el fin de la democracia?

Meadows: Observo dos tendencias. De una parte, el desmembramiento de los Estados en unidades más pequeñas, en regiones como Cataluña, y por otra parte una superpotencia fuerte, centralizada. No un Estado, sino una combinación fascista de industria, policía y ejército. Puede que en el futuro existan incluso ambos. La democracia no es sino un experimento sociopolítico muy joven. Y no existe en realidad. Sólo ha producido crisis que no puede resolver. La democracia no ayuda en nada en estos momentos a nuestra supervivencia. Este sistema colapsará desde dentro, no por un enemigo exterior.

FORMAT: Está hablando de la “Tragedia de los comunes”.

Meadows: Ese es el problema fundamental. Si en un pueblo todos llevan a pastar sus vacas al prado común —lo que llamaban en la antigua Inglaterra los commons— el beneficio a corto plazo se lo lleva quien elige poseer más vacas. Pero si eso dura demasiado, muere todo el pasto, y todas las vacas.

FORMAT: Así que de ahí surge un acuerdo, para el mejor uso del prado. Podría ser la democracia bien entendida.

Meadows: Podría. Pero si el sistema democrático no puede resolver este problema a nivel mundial, lo intentará probablemente con una dictadura. Después de todo, se trata de temas como el control de la población mundial. Llevamos ya 300.000 años en este planeta y nos hemos gobernado de muy diferentes maneras. Las más exitosas y efectivas eran la tribu y el sistema de clanes, no las dictaduras ni las democracias.

A disxuntiva que plantea Meadows remítenos a esa alternativa, a esa polarización de dous futuros posibles, sobre a que falo en diversos puntos deste ensaio: autoritarismo vs. comunitarismo. É dicir, unha vez que a mestura de ditadura-democracia actual deixa de ser viable, a realidade política hase decantar ou ben cara a unha ditadura apenas disfrazada ou cara a unha auténtica democracia con características decrecentistas, localistas, feministas, ecosocialistas/ecocomunistas ou ecoanarquistas… Poderiamos ver ambas tendencias sociais como expresión dun dos mecanismos de resposta ou defensa psicosocial ante o estrés descritas por Irving Janis: o xurdimento de necesidades afiliativas [11]. É dicir, confrontadas as persoas co colapso, tenderían a se identificaren ou ben co poder representado polo Estado, ou ben con subgrupos sociais (comunidades) cos que se compartiren ideoloxía e/ou necesidades. A diferencia entre un tipo de identificación e outro ten moito que ver co grau de percepción acerca da responsabilidade pola situación, o cal nos remite ao tratado anteriormente nos apartados [do libro] de “A crise que a paguen os ricos” e “Denantes fascistas ca sinxelos”. Sen dúbida esta tendencia está a ser aproveitada por movementos como os que describiremos no seguinte capítulo, e sería un erro estratéxico a esquerda política non o considerar dentro dos factores máis relevantes que determinen a súa actuación futura, pois, moi probablemente, este mecanismo de defensa psicolóxica de grupo se vai ver intensificado nos vindeiros anos, a medida que as consecuencias do colapso civilizatorio impactaren a máis persoas e dunha maneira máis profunda [12].

Neste punto tampouco podemos esquercer a incompatibilidade de raíz entre capitalismo e (verdadeira) democracia, como ten sinalado repetidamente Noam Chomsky, entroutros. Desde mediados do século XX son numerosos os críticos que desde posicións de esquerda nos veñen advertindo de que o capitalismo só admite os sistemas democráticos —de tipo burgués, cos medios de comunicación de masas ben controlados e o xogo parlamentar limitado ás dúas caras da mesma moeda da chamada alternancia entre partidos do réxime, é dicir, o que eu adoito denominar pseudodemocracias— como un mal menor, e só na medida en que teme a alternativa dunha revolución popular. Nunha democracia dese tipo, o capitalismo cede parte do lucro potencial a un Estado que redistribúe parte da riqueza, pero en troques ve reducirse a tensión social que podería derivar nunha revolución que eliminase total ou parcialmente a propiedade privada dos medios de produción. Ese acordo tácito que veu sustentando o status quo desde polo menos a Segunda Guerra Mundial, unido á subordinación da esfera política ante a esfera económica (por suposto, capitalista) [13], son factores que non podemos deixar de ter en conta na situación actual, para podermos prever axeitadamente os movementos estratéxicos dese capital ameazado por unha perda de lucros inaudita debida á fin do crecemento económico causada pola queda enerxética a nivel mundial.

Deseño de Martiño Picallo a partir dunha idea de Casdeiro.

Deseño de Martiño Picallo a partir dunha idea de Casdeiro.

Notas

  • 1: A Grande Escaseza á que nos leva o devalar enerxético non é o único vector que nos dirixe ao fascismo. Tamén apuxa, con tanta ou máis forza, no mesmo sentido a outra cara da moeda da tolemia histórica de queimar o carbono fósil capturado en épocas prehistóricas, é dicir, o caos climático producido polas emisións desa queima desaforada. Vid. Christian Parenti (2013), “Fascismo poscrisis”, Guerrilla Translation (28/10/2013). URL: http://www.guerrillatranslation.es/2013/10/28/fascismo-poscrisis/
  • 2: Fuentes Muñoz (2015a), entroutros.
  • 3: A destrución de todo: un ecocidio unido a un xenocidio total da raza humana. O concepto de ecocidio + xenocidio é recorrente na obra recente de Jorge Riechmann. Cf. Riechmann & Carpintero: “¿Cómo pensar las transiciones poscapitalistas?”, op. cit.
  • 4: Fernández & González (2014), op.cit., vol. II, p. 68.
  • 5: Rob Hopkins: entrevista a Jørgen Randers, ’2052′ – “It’s the story of humanity not rising to the occasion”, Transition Culture (17/08/2012).
  • 6: Leo Hickman: “James Lovelock: Humans are too stupid to prevent climate change”, The Guardian (29/03/2010).
  • 7: Para unha crítica máis extensa destes posicionamentos de Randers, remítome ao meu artigo “Jorgen Randers proposes to remove Democracy to save the World… But what Democracy?”, De(s)varia materia (18/08/2012).
  • 8: Amery: Auschwitz, ¿comienza el siglo XXI?, op.cit., p. 28.
  • 9: É interesante en referencia a este tema o artigo de Federico Ruiz: “Ecofascismo”, Ecologista, 83 (reproducido en http://www.15-15-15.org/webzine/2015/01/12/ecofascismo/ ). Pero despois de ler a Carl Amery compréndese con espanto que o nazismo foi en esencia o que agora moitos chaman un ecofascismo e que o que hoxe se adoita chamar asegurar os intereses nacionais non deixa de ser un eufemismo do Lebensraum (espazo vital) nazi. Segundo explica Amery (p. 27, p.ex.) xa entón se comezaba a intuír que se achegaba o esgotamento dos recursos materiais.
  • 10: Dennis Meadows (2012): “No hay nada que podamos hacer”, FORMAT. O futuro que albisca Meadows remítenos unha vez máis a obras de fición distópica como a clásica The Iron Heel, que xa mencionara.
  • 11: Relacionadas coa situación de colapso civilizatorio por Lambert & Lambert (2011).
  • 12: Explican Lambert & Lambert (2011) que esta tendencia á capaz de derrubar as barreiras que habitualmente existen entre as persoas e que “este mecanismo de defensa a nivel de grupo adoita producirse en momentos de elevado estrés, especialmente cando o perigo de resultar feridos ou mortos é inminente. Isto exprésase normalmente como unha necesidade inusitadamente alta de compaña e afecto entre os individuos do grupo e cadra cunha predisposición a deixar caer as barreiras psicolóxicas normais. Cando un gran grupo de persoas se ven enfrontadas coa morte ou o dano físico inminentes, estas necesidades afiliativas fortes tenden a dar como resultado a formación de subgrupos de individuos de mentalidade afín dentro do grupo máis amplo. [Así,] grupos de descoñecidos poden experimentar a sensación súbita de unidade cando se expoñen a un perigo percibido.” Advirten tamén estas autoras de que este tipo de mecanismos poden dar como resultado un auxe do nacionalismo e mesmo realimentar outra das tendencias grupais ante o estrés: a procura de chibos expiatorios.
  • 13: Salienta Doldán (com. pers. 01/03/15) que “no capitalismo a esfera económica ten desprazado a un segundo plano á esfera política, de modo que esta se subordina —case sempre— á primeira. É dicir, a política posíbel determínase pola economía dominante —en realidade polos intereses económicos dominantes—. Non sucede, en cambio, á inversa: a política non determina case nunca como debe ordenarse a economía. A política dominante identifícase deste modo cos intereses económicos dominantes. Non é que estes vínculos non sucederan no pasado, senón que o capitalismo establece un rango de prevalencia a favor da economía. As portas xiratorias son unha manifestación extrema deste fenómeno.”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *