Grupo parlamentario advirte de que os combustibles fósiles poderían chegar ao seu teito en todo o mundo en menos de dez anos

Membros do parlamento británico presentan un informe de referencia sobre os inminentes límites medioambientais ao crecemento económico.

(Artigo de Nafeez Ahmed, publicado con permiso expreso do autor. Tradución de Benxa González Barreira, revisada por Manuel Casal Lodeiro. O informe ao que fai referencia esta noticia está dispoñible en galego nas páxinas do noso blog, traducido ao galego.)

Esta exclusiva está publicada por INSURGE INTELLIGENCE, un proxecto de xornalismo de investigación polo ben común mundial financiado de forma colaborativa.


Un informe encargado por conta dun grupo inter-partidos de membros do parlamento británico, escrito por un antigo asesor do goberno do Reino Unido, o primeiro de este tipo, di que a civilización industrial leva actualmente camiño de experimentar “un eventual colapso de produción e estándares de vida” nas próximas décadas se continúa o modelo actual.

All-Party Parliamentary Group (APPG) on Limits to GrowthO informe publicado polo novo Grupo Intraparlamentario (APPG, All-Party Parlamentary Group) sobre os Límites do Crecemento, que foi presentado na Cámara dos Comúns o martes pola tarde, revisa o mérito científico dun controvertido modelo de 1972 elaborado por un equipo de científicos do MIT, que prevía un posible colapso da civilización debido ao esgotamento dos recursos.

O informe presentado na Cámara dos Comúns foi dirixido por Anders Wijkman, copresidente do Club de Roma, que encargara orixinariamente o estudo do MIT.

No seu momento, as conclusións do equipo do MIT foran amplamente criticadas nos medios por ser alarmistas. Ata o día de hoxe, créese con frecuencia que as previsións dos Límites do Crecemento foron dramaticamente erróneas.

Capa da versión en galego do informe (versión dixital).

Capa da versión en galego do informe (versión dixital).

Pero o novo informe feito polo APPG sobre os Limites do Crecemento, cuxos integrantes son membros do Parlamento dos partidos Conservador, Laborista, Verde e Nacional Escocés, revisa a literatura científica e acha que o modelo orixinal aínda é sorprendentemente robusto.

Escrito polo profesor Tim Jackson da Universidade de Surrey —quen foi Comisionado Económico na Comisión de Desenvolvemento Sostible do Goberno do Reino Unido— e por Robin Webster —antigo analista da publicación Carbon Brief Policy— o informe conclúe que:

“Existe unha inquietante evidencia de que a sociedade está seguindo o “escenario estándar” do estudo orixinal —que conduce finalmente ao colapso—. Recentes e detalladas análises suxiren que os teitos de produción para algúns recursos clave poden estar só a décadas de distancia.”

O equipo de 1972 utilizou a dinámica de sistemas no seu modelo de consumo de recursos planetarios clave, para explorar unha gama de escenarios diferentes.

Tal e como o profesor Jackson e Webster explican no informe do APPG:

“No escenario estándar, os recursos naturais (por exemplo petróleo, ferro e cromo) vólvense cada vez máis difíciles de obter. O desvío de cada vez máis capital para a súa extracción deixa menos capital para investimento na industria, o que leva ao declive industrial a partir de aproximadamente 2015. Arredor de 2030, a poboación mundial alcanza o seu teito e comeza a decrecer a medida que a taxa de mortalidade se ve aumentada pola falta de alimentos e servizos de saúde.”

Non todos os escenarios modelados resultan neste desenlace, pero a maioría deles “amosan o descenso da produción industrial nos anos 20 e descenso da poboación nos anos 30 deste século. Os investigadores non puxeron datas precisas nas súas proxeccións. De feito, deixaron deliberadamente o cronograma un tanto vago.”

Descenso de recursos

O informe do APPG sinala dous desafíos primordiais que afronta a sociedade mundial: o sobreconsumo dos recursos planetarios e materias primas, e a ruptura de límites planetarios críticos, desencadenando cambios medioambientais irreversibles.

Segundo recentes estudos científicos revisados por pares que foron examinados no informe do APPG, recursos clave coma o fósforo (esencial para a fertilización do agro), o carbón, o petróleo e o gas, “alcanzaron xa o seu teito de produción ou chegarán a el nos vindeiros 50 anos.”

O informe avalía en particular a evidencia respecto do peak oil ou teito do petróleo —o momento no que a produción de petróleo chega ao seu máximo posible, tralo cal comeza a declinar—. Un recente modelo, acha o informe,…

“… suxire que a produción total de petróleo está de feito chegando ao seu teito. A combinación do decrecente petróleo convencional co incremento do subministro de petróleos non convencionais resulta entón nunha “meseta” no subministro cara a fin de século, antes de que comence o declive.”

A producción global de combustible fósil, indica o modelo, “é previsible que alcance o seu teito arredor de 2025”, para o que faltan menos de 10 anos:

“É previsible que a produción global de combustible fósil chegue ao seu teito arredor do 2025… en gran medida a causa do teito de produción do carbón en China. En resumen, o petróleo non convencional semella procurarnos algunhas décadas máis antes de que comecen a notarse os efectos do esgotamento do recurso.”

Unha cuestión importante e moitas veces mal entendida que aclara o informe é que o risco de colapso non é a causa do esgotamento dos recursos, senón porque a calidade dos recursos dispoñibles diminúe, ao mesmo tempo que aumenta o seu custe de extracción.

O colapso acontece non debido a “o esgotamento absoluto de recursos, senón por unha simple e inevitable diminución da súa calidade”.

Límites planetarios

O consumo excesivo dos recursos planetarios conduciu á civilización industrial a trastornar cada vez máis os procesos ecolóxicos que regulan a terra, o océano e a atmosfera, nos que se basea o “entorno seguro” para a supervivencia humana.

Catro destes “límites planetarios” —perda de biodiversidade, danos aos ciclos do fósforo e o nitróxeno, cambio climático e uso do solo— xa foron sobrepasados.

“A humanidade transformou o medio natural tan profundamente, que pode ter creado una nova —e moito más imprevisible— época xeolóxica, segundo recentes investigacións. O medio relativamente estable do Holoceno, un período interglaciar que comezou hai uns 10,000 anos, proporcionou as condicións para que as sociedades humanas se desenvolveran e prosperaran. Porén, agora o mundo entrou nunha nova era coñecida como o Antropoceno, onde as actividades dos seres humanos son a influencia predominante na atmosfera e no medio ambiente.”

Ao mundo quédanlle só 6 anos para “descarbonizar completamente a economía” e dese modo evitar un incremento nas temperaturas medias de 1,5 ºC, alén do cal entraremos no terreo dun perigoso cambio climático.

Recesión permanente

A combinación desas crises converxentes amosa que o crecemento económico continuado está alcanzando límites inherentes á relación da humanidade co medio ambiente.

“O razoamento tralas afirmacións do Club de Roma, é, dende o meu punto de vista, claramente válido aínda” di o Dr. Rupert Read, filósofo político na Universidade de East Anglia e presidente do Green House Think Tank. “E algúns dos seus escenarios modelo achéganse de xeito alarmante a como o é o mundo hoxe, 44 anos despois.”

Segundo o co-presidente do APPG Barry Gardiner, Ministro na Sombra[1] para a Enerxía e o Cambio Climático, nunha intervención na Cámara dos Comúns, manifestou que nunha recente reunión do Fondo Monetario Internacional á que asistiu, se recoñecía abertamente que “a austeridade non funciona, e no seu lugar precísanse maiores inversións en tecnoloxías baixas en carbono”.

Segundo os autores do informe, o crecemento podería moi ben estar chegando á súa fin, de xeito permanente.

Sinalan que mesmo Larry Summers, antigo economista xefe do Banco Mundial, que foi Secretario do Tesouro con Clinton e director do Consello Económico Nacional da Casa Branca con Obama, sostivo que o mundo está nunha nova era de “estancamento secular”: un estado no que as economías desenvolvidas non teñen expectativas de volver nunca aos niveis previos de crecemento económico.

O crecemento da produtividade freouse de xeito dramático nos Estados Unidos, e é aínda peor no Reino Unido.

O informe do APPG sobre os Límites do Crecemento cita datos do Banco de Inglaterra que revelan que o crecemento da produtividade no Reino Unido leva nunha traxectoria negativa durante máis dunha década —desde o colapso das empresas punto com—.

Gráfica extraída do informe acerca dos límites do crecemento:, Auxe e queda do crecemento da produtividade laboral no Reino Unido

Gráfica extraída do informe acerca dos límites do crecemento:, Auxe e queda do crecemento da produtividade laboral no Reino Unido

O Grupo Interparlamentario sobre os Límites do Crecemento está presidido por Caroline Lucas (Partido Verde); e co-presidido por George Kerevan (Partido Nacional Escocés), Daniel Zeichner (Laborista), Stuart Andrew (Conservador), Barry Gardiner (Laborista) y Baron Howarth (Laborista).

A súa secretaría é o Centro para a Comprensión da Prosperidade Sustentable (CUSP, Centre for the Understanding of Sustainable Prosperity) da Universidade de Surrey, dirixido polo profesor Tim Jackson. Anteriormente, Jackson fundara e dirixira na universidade o Grupo de Investigación de Estilos de Vida Sustentables, con financiamento conxunto do Departamento de Asuntos Rurais e Medioambientais do Reino Unido (DEFRA, Department for Environment and Rural Affairs), do Consello de Investigación Económica e Social (ESRC, Economic and Social Research Council) e do Goberno Escocés.

Jackson, autor principal do informe, proporcionou entre 2005 e 2010 amplo asesoramento sobre sustentabilidade e economía a varios departamentos do goberno do Reino Unido, incluíndo o DEFRA, o Departamento de Innovación Empresarial y Formación (BIS, Business Innovation and Skills), o Cabinet Office e o Home Office[2], así como o Programa Medioambiental da ONU e a Comisión Europea.

A pesar de 40 anos de acumulación de evidencias científicas dende que o estudio orixinal dos “límites do crecemento” foi publicado, el e o seu co-autor lamentan que os actores políticos fracasaron á hora de actuar.

“Moitos dirixentes empresariais están agora preparándose abertamente para un mundo con escasez de recursos” conclúe o informe Jackson. “Pero os gobernos aínda son reticentes a pensar alén do corto prazo. As demandas dos Límites do Crecemento suxiren unha necesidade urxente de que os actores políticos adopten unha visión a máis longo prazo: non só arredor dos desafíos urxentes coma o cambio climático senón tamén arredor do futuro dos recursos, que distan só unhas poucas xeracións no mellor dos casos.”

A actual traxectoria —recomenda o informe— debería dar un novo pulo aos esforzos para redefinir a prosperidade dun modo mais acorde coa natureza humana, co medio natural, e as súas interrelacións:

“Esta análise deixa ben claro que a economía non pode, de forma realista, permitir moito máis en termos de crecemento material… Unhas visións do benestar que proporcionen a todos a capacidade de prosperar, ao mesmo tempo que a sociedade no seu conxunto permanece dentro dun entorno seguro, son claramente o primordial. Xa existen varias visións como a descrita. É vital desenvolvelas e facelas operativas.”

Ateigada presentación na Casa dos Comúns do informe  do APPG acerca dos límites do crecemento (cortesía de @BarryGardiner)

Ateigada presentación na Casa dos Comúns do informe do APPG acerca dos límites do crecemento (cortesía de @BarryGardiner)

Entre os mecanismos para conseguilo, manifestou o co-presidente do Club de Roma Anders Wijkman á audiencia da presentación do informe da APPG, está trasladar a carga impositiva desde a xente cara aos danos medioambientais e as súas causas. Outra é mobilizar a presión popular sobre o sector financeiro: “Unha cousa que pode facer mañá: pregúntelle ao seu fondo de pensións polas súas estratexias de inversión sustentable.”

Finalmente —dixo— o indicador do Produto Interior Bruto é profundamente erróneo, e falla á hora de capturar a visión de conxunto da calidade de vida e o benestar humano. Necesitamos un novo indicador, no que a sociedade sexa central na forma de definir a prosperidade económica.

Caroline Lucas, Presidenta do APPG, parlamentaria do Partido Verde por Brighton & Hove, dixo que esta lóxica debe ser aplicada nos orzamentos nacionais: “Temos que atopar o xeito de “reverdecer” o departamento do Tesouro, porque ten poder sobre importantes carteiras ministeriais.”

Pero quizais a recomendación máis precisa, resumindo o cometido do novo grupo interparlamentario chegou dos comentarios da audiencia, de Kate Raworth, economista da Universidade de Oxford:

“Necesitamos unha economía na que prosperemos independentemente de se crecemos ou non. Non ao contrario.”


O Dr. Nafeez Ahmed e un xornalista de investigación, autor superventas e estudoso da seguridade internacional. Escribiu para The Guardian, publica a columna The System Shift para VICE’s Motherboard, e é columnista semanal para Middle East Eye.

Foi o gañador do premio “Proxecto Censurado” na categoría de Xornalismo de Investigación Destacado polo seu traballo en The Guardian, e foi seleccionado dúas veces polo Evening Standard‘s entre os 1000 londinienses máis influíntes mundialmente, en 2014 e 2015.

Tamén ten escrito e informado para The Independent, Sidney Morning Herald, The Age, The Scotsman, Foreign Policy, The Atlantic, Quartz, Prospect, New Statesman, Le Monde Diplomatique, New Internationalist, The Ecologist, Alternet, Counterpunch e Truthout, entre outros.

É profesor visitante na Facultade de Ciencias e Tecnoloxía na Universidade Anglia Ruskin, onde investiga a relación entre as crises sistémicas globais e o descontento social para Springer Energy Briefs.

Nafeez e o autor de A User’s Guide to the Crisis of Civilization: And How to Save It (2010), e do thriller de ciencia ficción Zero Point, entre outros libros. O seu traballo sobre as causas primarias e as operacións encubertas relacionadas co terrorismo internacional contribuíron oficialmente á Comisión do 11-S e á Investigación Forense 7/7 [3].


Este artigo foi publicado gratuitamente no interese do público, e foi posible grazas ao micromecenado colectivo. O autor desexa dar as grazas á súa incrible comunidade de patrocinadores polo seu apoio, que lle permitiu traballar neste artigo. Por favor, apoia o xornalismo independente de investigación para os comúns mundiais por medio de Patreon.com, onde podes doar o pouco ou moito que queiras.


Notas do tradutor

  • 1: No sistema de goberno británico, o Ministro na Sombra (Shadow Minister) é un membro da oposición parlamentaria que ostenta a portavocía do seu partido sobre un área que coincide cunha carteira ministerial. (N. do T.)
  • 2: Cabinet Office e Home Office: Organismos oficiais do Reino Unido análogos ao Ministerio da Presidencia e ao Ministerio do Interior do Reino de España, respectivamente (N. do T).
  • 3: 7/7 Coroner’s Inquest: Investigación forense sobre os atentados de Londres do 7 de xullo de 2005 (N. do T.).

2 reflexións sobre “Grupo parlamentario advirte de que os combustibles fósiles poderían chegar ao seu teito en todo o mundo en menos de dez anos

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.