«Este non é un libro máis sobre a crise económica»

(Texto de presentación do libro Por que é que a crise non acabará nunca, por Xoán R. Doldán. Engadíronse hiperligazóns para a súa publicación neste blog.)

Esquema extraído da p. 12 do libro.

Esquema extraído da p. 12 do libro.

Este non é un libro máis sobre a crise económica, nin é un libro máis sobre o teito do petróleo, a pesar de que trata ambos temas. Tampouco é un libro con información única ou inédita. Porén a maior virtude desta obra é ser capaz de sintetizar en poucas páxinas as cuestións máis relevantes que permiten observar unha mesma realidade que manifesta diversas faces. E isto, que podería semellar simples, en verdade é unha ardua tarefa que os autores culminan con éxito. Dar resposta a tantos interrogantes como os que se abren cando se formula a cuestión dunha diminución drástica da dispoñibilidade de petróleo convencional nun futuro próximo obriga, as máis das veces, a extensas explicacións que non sempre son fáciles de comprender para persoas non especializadas nesta temática. Alén diso, circula moita información que, sobre postulados non sempre demostrábeis, tende a menosprezar o problema con argumentos tecnoptimistas, ou baseados nunha fe cega na capacidade ilimitada dos mercados para axustar os problemas de escaseza de calquera tipo de recurso.

Capa do novo libro publicado por Véspera de Nada.

Capa do novo libro publicado por Véspera de Nada.

Desde a Asociación Véspera de Nada por unha Galiza sen petróleo congratulámonos da oportunidade de traducir ao galego este libro de Jordi Solé e Francesc Sardá, despois de terse difundido pola editorial Laertes en catalán e español. Agradecemos aos autores, membros do Oil Crash Observatory, a súa autorización e o seu encomiábel traballo para facer accesíbel á maior parte do público un tema de tan urxente actualidade. Con este libro continuamos na nosa asociación co labor de difusión editorial que comezou coa Guía para o descenso enerxético, continuou cunha pequena escolma de artigos, O fim do petróleo, posteriormente con A esquerda ante o colapso da civilización industrial de Manuel Casal Lodeiro —en coedición con Touda—, e a tradución ao galego do libro Límites Revisitado: Unha revisión del debate sobre os límites do crecemento de Tim Jackson e Robin Webster.


O libro sairá á venda ao prezo de 7 € o vindeiro día 25 de xullo, no que o presentaremos dentro do Festigal, en Compostela.

Unha reflexión sobre “«Este non é un libro máis sobre a crise económica»

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.