Nas pasadas semanas a asociación Véspera de Nada fixo entrega a todos os grupos políticos con representación no Parlamento da Galiza da tradución do informe “Límites revisitado: unha revisión do debate sobre os límites do crecemento” encomendado por un grupo interpartidario do Parlamento británico aos expertos Tim Jackson e Robin Webster, publicado en abril deste mesmo ano.
Este informe explica dunha maneira concisa, ecuánime e moi ben informada, moitas das cuestións que nos preocupan en Véspera de Nada, por iso pensamos en traducilo ao galego e divulgalo na nosa lingua. Así a finais de maio tiñamos pronta a tradución e na primeira quincena de xuño unha pequena tiraxe impresa, feita coa intención de entregar algúns exemplares aos grupos parlamentarios galegos.
Nas seguintes semanas fúmonos reunindo cos distintos grupos parlamentarios, incluíndo o mixto, para lles presentar o informe. En todos os casos fomos recibidos moi amablemente, e tivemos uns interesantes intercambios de pareceres, e animámolos a constituír no parlamento galego un grupo/comisión semellante ao británico.
O informe
En 1972 saíu do prelo “Os límites do crecemento”, un informe encargado e publicado polo Club de Roma, que expresou por vez primeira a natureza dinámica da nosa dependencia dos recursos físicos e dos sistemas ecolóxicos. O informe suscitou durante anos unha forte controversia política e académica e inspirou a xeracións de pensadores sobre o medio ambiente e a sociedade, e continúa a deitar luz na problemática económica, social e medioambiental do século XXI.
O novo estudo “Límites revisitado”, já comentado anteriormente na nosa web, resume as conclusión do informe do Club de Roma, recolle a polémica que provocou, disipa algúns dos mitos tecidos sobre o mesmo, esclarece as acesas discusións que se teñen desenvolvido durante corenta anos após a súa publicación e explora novos datos relacionados coa hipótese orixinal. Resulta inquietante que, segundo novos estudos, a traxectoria que segue a nosa sociedade coincida co ‘escenario estándar’ do estudo orixinal, no cal a sobrecarga dos ecosistemas ten por consecuencia final un colapso da produción industrial e do nivel de vida. É máis, estudos recentes e detallados suxiren que para algúns recursos chave apenas fican décadas de vida. Outros límites ao crecemento –menos visíbeis no informe de 1972– presentan retos igualmente prementes á sociedade moderna. Así, no informe saliéntanse algúns recentes traballos sobre as “fronteiras planetarias”, que estamos próximos a franquear, o cal se ilustra co desafío que supón o Acordo de París sobre as mudanzas climáticas. Por último explórase tamén o reto económico dun “estancamento económico secular”.
All-Party Parliamentary Group (APPG) on Limits to Growth
O grupo interpartidario sobre os límites do crecemento é un grupo oficializado de parlamentarios británicos, constituído na actualidade por membros, das dúas cámaras, dos seguintes partidos: 5 traballistas, 3 independentes, 2 conservadores, 2 verdes e 1 nacionalista escocés. Na actualidade está presidido por Caroline Lucas (Verdes) e co-presidido por George Kerevan (SNP) e Daniel Zeichner MP (Traballista). Os obxectivos principais deste grupo son: crear o espazo para un diálogo entre partidos sobre os riscos económicos específicos relacionados cos límites ambientais e sociais; avaliar as evidencias de tales límites, identificar os riscos e procurar o apoio para tomar as medidas axeitadas; e contribuír ao debate internacional na redefinición de prosperidade e das medidas de crecemento.
Repercusión mediática
Para dar conta da nosa iniciativa enviamos aos medios galegos unha nota de prensa, o cal permitiu que o informe e a súa entrega tivese unha certa repercusión mediática:
- Artigo en Sermos Galiza: O decrecemento peta nas portas do parlamento galego
- Entrevista en La Voz de Galicia: Vimos sensibilidade no Parlamento galego sobre os límites do crecemento
- Entrevista en Radio Cerna: A revisión do informe “Os límites do crecemento” no Parlamento galego .
Unha reflexión sobre “Levamos “Límites revisitado” ao parlamento”