Tal como fixéramos hai catro anos, co agallo das eleccións ao Parlamento de Galiza de 2012, a nosa asociación presenta hoxe á sociedade galega e aos partidos políticos que se presentan ás eleccións deste 25 de setembro, un conxunto de medidas para afrontar o Peak Oil e outras ameazas confluíntes: Por unha Galiza resiliente: Preparando Galiza para unha nova civilización.
Xa no título se pode apreciar que aínda que conservamos unha atención moi central aos efectos que vai ter o declive da enerxía fósil (Peak Oil) no noso país, nesta ocasión quixemos pór o foco máis no concepto da resiliencia, fundamental para afrontar o colapso civilizatorio en marcha. A resiliencia é a capacidade de resistir fortes perturbacións (como as esperables a raíz do esgotamento da principal fonte enerxética do noso modelo civilizatorio, do caos climático en marcha, etc.) mantendo as partes vitais da estrutura e as funcións principais. As sociedades modernas industrializadas son, neste sentido, moi pouco resilientes, e polo tanto moi proclives a un colapso catastrófico se fallan puntais básicos para o seu continuo funcionamento e mantemento, como é a enerxía. Consideramos que é moito horas de que o noso país comece a reconstruír resiliencia para sermos capaces de sobrevivir como país e como sociedade co menor sufrimento posible os duros tempos nos que nos adentramos.
As numerosas medidas, froito da actualización das sucesivas propostas que Véspera de Nada foi facendo no terreo político para actuar a nivel galego (2012), municipal (2011-2016), europeo (2014) e español (2015), están organizadas en dez epígrafes ou áreas:
- Administración pública (24 medidas)
- Economía (24 medidas)
- Educación (14 medidas)
- Enerxía (33 medidas)
- Hábitat, rural e urbanismo (27 medidas)
- Agricultura, etc. (24 medidas)
- Transporte (29 medidas)
- Fiscalidade (10 medidas)
- Sanidade, saúde pública e protección civil (9 medidas)
- Difusión e concienciación cidadá. Outras medidas e medidas de carácter xeral (13 medidas)
É dicir, non é un documento de área, para ser abordado parcialmente dentro do ámbito de Medio Ambiente nos partidos políticos galegos, senón un plan estratéxico trasversal, cunha visión integral, xa que o declive enerxético e a necesidade de construírmos resiliencia como país, non pode ser abordada de maneira illada en ningunha comisión ou consellaría de Medio Ambiente, senón que afecta de maneira directa ou indirecta a todas as áreas de competencia da Xunta.
En paralelo a esta publicación do documento no noso blog, farémolo chegar nas vindeiras horas a todos os grupos políticos galegos, coa intención de que estean á altura do momento histórico e o recollan nos seus programas.
3 reflexións sobre “Propostas de Véspera de Nada para as eleccións galegas 2016: por unha Galiza resiliente”