Charla sobre o Peak Oil en Lugo (martes 25 de abril)

O vindeiro martes, 25 de abril, terá lugar unha charla-coloquio organizada polo Mercado da Terra e pola Rede Galega de Decrescimento de Lugo, dirixida ao público en xeral, e que versará sobre a crise enerxética mundial e máis concretamente sobre o Peak Oil e as súas consecuencias no mundo e no modo de vida occidental. Tamén tocara, máis superficialmente, o esgotamento doutros recursos fundamentais para o mantemento da sociedade tecnolóxica actual. Para moitos divulgadores do Peak Oil a crise que se vive actualmente está directamente relacionada coa chegada do petróleo convencional ao seu teito no ano 2006, segundo ten recoñecido a AIE (Axencia Internacional da Enerxía).

A charla estará impartida por dous especialistas e divulgadores de Véspera de Nada: por unha banda Xoan R. Doldán García, profesor de Economía Aplicada da Universidade de Santiago que explicará en qué consiste a crise enerxética mundial e o Peak Oil e, por outra, Begoña de Bernardo Miño, Enxeñeira Agrónoma e presidenta de VdN que poñerá enriba da mesa as propostas de adaptación e resiliencia para a nova situación que poden e deberían adquirir as persoas, empresas, comunidades e administración para mitigar no posible as consecuencias deste cambio de paradigma.

A charla precede a unha segunda que tratará sobre as propostas do Decrecemento e que será impartida por Hector Tejón, membro portavoz de RGD.

O evento terá lugar no mercado municipal da R/ Quiroga Ballesteros, s/n (soportais a carón da praza de abastos) ás 18:00 h do martes 25 de Abril.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.