Vota polas 10.000 árbores do novo bosque de Froxán! (#Froxan10000)

Primeiras actividades de plantación do bosque de Froxán

Hai pouco presentabámosvos o proxecto de amadriñaxe que os nosos compañeiros de Froxán (monte comunal local + Coluna San Fins + Verdegaia) están a levar a cabo, recadando diñeiro entre todas as persoas e colectivos que queiran apoiar a substitución de especies invasoras por frondosas autóctonas neste monte, recoñecido a nivel internacional pola ONU como exemplo de xestión comunitaria.

Ben, pois agora están a piques de obteren outro recoñecemento mundial, o da EOCA, que vai premiar con 30.000 euros aquel proxecto que recibir máis votos de aquí ao venres 23 de marzo. O proxecto de Froxán quedou finalista neste concurso, e agora só precisa dos nosos clics para gañar: non fai falla rexistrarse, tan só entrar na páxina desta asociación internacional e premer no botón de “Vote Now…”, seleccionar que liches as condicións legais do concurso (“Terms & Conditions”) e darlle a “Cast your vote” para o enviares.

E despois de o faceres, non deixes de animar os teus contactos nas redes sociais, Telegram, Whatsapp, etc. para que o fagan tamén. Cada clic que consegas suporá un pasiño máis preto de conseguir esas 10.000 novas árbores, que serán plantadas nas 20 hectareas que pode chegar a ter este bosque restaurado e que se converterá nun referente aínda máis importante, para toda Galiza e mesmo a nivel mundial!

Ah, e podes usar este enderezo curto para difundir a páxina onde votar: http://bit.do/froxan

Vota polo proxecto galego no concurso de EOCA 2018

#Froxan10000

Imaxe do monte comunal de Froxán, procedente do web do ICCA.

Unha reflexión sobre “Vota polas 10.000 árbores do novo bosque de Froxán! (#Froxan10000)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.