MÁIS DE MEDIO CENTO DE COLECTIVOS GALEGOS PIDEN A MORATORIA A NOVOS PARQUES EÓLICOS E UN NOVO MARCO REGULADOR PARA A ENERXÍA EÓLICA EN GALIZA, A TRAVÉS DO MANIFESTO “ALDEAS CON HORIZONTE”
Galiza, a 19 de novembro de 2020.- Uns 60 colectivos galegos do ámbito ecoloxista, sindical, veciñal, cultural, xunto con plataformas de persoas e comunidades de montes afectadas por parques eólicos abusivos en Galiza lanzan o manifesto “Aldeas con Horizonte” polo que demandan a moratoria de novos parques eólicos, a revisión dos xa aprobados nos que haxa conflito social e/ou ambiental e a elaboración dun novo marco normativo en materia eólica que promova no país un modelo de implantacion desta enerxía máis ordenado, sostíble, social, participativo, xusto e racional. Os colectivos asinantes pretenden con este manifesto alertar sobre a ameaza que está a supoñer para o rural galego a actual implantación de parques eólicos e que segue un modelo depredador e abusivo coas comunidades locais, ademais de desatender a normativa actual en materia ambiental, patrimonial e paisaxística. O manifesto que hoxe sal a luz indica un mínimo de 15 principios básicos que deberan guiar a nova normativa de desenvolvemento eólico en Galiza.
Aberto a novas adhesións
O manifesto “Aldeas con Horizonte” segue aberto a novas adhesións de entidades e colectivos, que poderán enviar o seu apoio ao correo electrónico: redegalegaporunruralvivo@gmail.com Proximamente, tamén poderán apoiar o manifesto persoas particulares a través dunha petición na plataforma Change.org que estará dirixida ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e ao vicepresidente segundo e conselleiro de Industria, Francisco Conde.”