O 26 de Agosto de 2009 o concello galego de Teo converteuse no primeiro do noso país (e tamén de todo o Estado Español, aínda que segunda entidade local tras o cabildo de La Palma) en recoñecer oficialmente o Teito do Petróleo. A resolución que foi aprobada cos votos favorables do BNG e abstencións do resto de grupos políticos da cámara municipal, comprométese a tomar as seguintes medidas:
- Recoñecermos como administración a gravidade da cuestión do teito do petróleo e a necesidade de adoptar medidas que conduzan a afortalar o noso concello para resistir as súas consecuencias, tanto no plano social como económico e dos servizos públicos.
- Realizar os contactos precisos para a constitución en colaboración coa concellalía de medioambiente dun comité técnico na materia, para a realización dun estudo da vulnerabilidade de todos os aspectos da vida do concello fronte a esta ameaza, e colaborar cos recursos ao alcance do concello na elaboración do estudo.
- Estudar a aplicabilidade das medidas adoptadas noutros lugares do mundo por concellos de características análogas.
- Integrar todas estas accións nun Plan de Transición Enerxética Local que teña como obxectivo evitar na maior medida posible os impactos para os veciños, as empresas e a propia administración local de Teo dunha carencia de petróleo barato, avaliando e reducindo a nosa dependencia do petróleo en todas as áreas, nomeadamente na alimentar, e camiñando con decisión cara unha economía sostible no noso municipio.
- Informar desta cuestión aos nosos veciños e empresas e invitalos a participar na elaboración do devandito Plan.
- Comunicar aos demais concellos galegos a través da FEGAMP a nosa resolución, convidando aos mesmos a adoptar similares medidas e a cooperar para a adopción de estratexias comúns a nivel galego.
- Solicitar dos parlamentos galego e español que constitúan grupos de estudo multidisciplinares para analizar a vulnerabilidade que a eses niveis existe e para deseñar medidas no menor tempo posible, como se ten feito noutros países como Suecia, Irlanda, Escocia e Australia.
Martiño Noriega respondeu en setembro dese mesmo ano a unhas cuestións que lle prantexamos desde a nosa organización, nunha entrevista que se pode ver neste mesmo blog. Dela entresacamos algunhas frases:
O Concello de Teo é consciente da ameaza do teito do petróleo porque ten un ollar crítico co modelo social que nestes intres é o que marca a pauta mais sobre todo porque intenta escoitar ás redes cidadáns que teñen cousas que decir.
(…)
Agardamos que esta iniciativa que se ven de aprobar axude a sensibilizar ás distintas administracións dunha problemática real como é esta e aporte un efecto catalizador na toma de posición doutros concellos semellantes.
(…)
Coido que a declaración foi un punto de partida e que agora toca colaborar activamente cos movimentos sociais. O Concello ten que saber que agora toca neste tema acompañar e non tutelar (…)
(…)
visualizo un Concello que recorte o gasto en petróleo e derivados, que promova campañas de concienciación cidadán, que poida defender un transporte público autonómico digno e que aposte polo emprego de enerxías alternativas.
O 27 de Abril de 2010 formouse o Comité Técnico que se ha encargar de elaborar un Estudo de Vulnerabilidade do concello ao Teito do petróleo, así como un Plan de Medidas para o descenso enerxético.
Na segunda xuntanza deste Comité celebrada en xuño de 2010 fóronse concretando avances en canto a difusión do problema entre os veciños e entre o resto de concellos galegos.
Nunha nova xuntanza en xuño de 2013 presentouse unha serie de medidas de actuación urxente, deseñadas por Véspera de Nada, que o alcalde amosou a intención de elevalas ao pleno.
Máis información
- Páxina do web do Concello con información sobre a resolución aprobada.
- Xornadas Terra e Cultura Sustentable, que contaron co apoio do Concello de Teo.
- Noticia no web do concello sobre a formación do Comité sobre o Teito do petróleo.
- Presentación no Concello de Teo da Guía para o descenso enerxético.
3 reflexións sobre “Teo sen petróleo”