A resolución aprobada por Oakland establece o obxectivo de independencia dos combustibles fósiles para 2020, de acordo co obxectivo xeral primario de Suecia, experiencia que esta cidade toma como referente. Despois de aprobaren esta resolución, produciuse un longo proceso para crear a Oil Independent Oakland Task Force, e pediúselle que realizase un informe sucinto que contemplase as recomendacións principais. En outubro de 2006 aprobou a creación da comisión e en decembro aprobou un complexo regulamento de nomeamento e o funcionamento da mesma. O informe foi presentado e aprobado en febreiro de 2008, co nome Oil Independent Oakland Action Plan. O informe céntrase especialmente no transporte, porque consume o 40% da cidade e o 97% do petróleo. Propón adoptar o Protocolo de Esgotamento do Petróleo, que supón unha redución anual do consumo de petróleo do 3%, o que provocará unha redución do consumo dun 30% no periodo 2008-2020 (do mesmo xeito que en Suecia, o obxectivo é moito máis reducido có inicial). Para isto propón a definición de plans para favorecer os desprazamentos peonís e en bicicleta e para dar un forte pulo ao transporte colectivo mediante, entroutras políticas, un forte investimento en infraestruturas. Oakland pretende, asemade, acadar un 30% de produción local de alimentos para 2030, partindo dunha nula produción. Propón a creación de Urban Villages, é dicir, descentralizar a cidade en distritos de alta densidade e con gran nivel de autosuficiencia, onde a xente poida vivir, traballar, ter servizos comerciais, educación básica, espazos sociais e culturais, etc. e xerar a súa propia enerxía. Asemade, a descentralización reduce a mobilidade e facilita a realizada en forma non motorizadas. Outras recomendacións son: definir plans de emerxencia; poñer impostos ao uso dos combustibles fósiles; maximizar a produción local de alimentos; promover o consumo sostible; realizar unha campaña masiva de educación cidadá sobre a crise enerxética que se aveciña, etc.
Fonte:
- Bermejo, Roberto (2008). Un futuro sin petróleo. Colapsos y transformaciones económicas. Los libros de la catarata.