Medidas: Enerxía

(Páxina aínda en desenvolvemento)

Nestas páxinas iremos recopilando as medidas que nas diversas áreas da sociedade e da economía propoñen diversos autores e organizacións, para nos prepararmos fronte ás consecuencias do teito ou cénit do petróleo. Malia térmolas separado para unha máis doada consultar e organización, por áreas, advertimos de que deberían ser parte dunha actuación transversal, xa que o problema atinxirá practicamente a todos os aspectos da nosa vida.

Medidas relativas á enerxía

En xeral son medidas conducentes á redución do consumo enerxético e o troco dun modelo centralizado baseado en combustibles fósiles a un descentralizado e autosuficiente baseado ao máximo en enerxías renovables (as únicas sustentables).

Hai que sinalar que as medidas de aumento da eficiencia enerxética sen outras medidas que en paralelo promovan un cambio de modelo e un drástico aforro, non serven de nada e poden ser mesmo contraproducentes debido ao denominado paradoxo de Jevons.

Moitas das medidas públicas deberían ser acompañadas de medidas fiscais para incentivar ou reducir os diversos tipos e niveis de consumo enerxético.

Loxicamente a relocalización das actividades sociais e económicas tambén contribuirá a esta redución de consumo enerxético, así como outras medidas propostas nas áreas de alimentación, economía, etc. Aquí non se inclúen as relativas a enerxía consumida polo transporte, por teren un lugar de seu.

Nivel nacional e/ou local (políticas públicas)

– Promover unha nova cultura enerxética que poña énfase no aforro, na eficiencia, e nuns modelos de mobilidade e ordeación do territorio que reduzan o consumo. [Carpintero, 2007, p.157]
– Garantir os dereitos enerxéticos básicos dos cidadáns: coñecer a orixe da enerxía e os seus efectos ecolóxicos e sociais; captala, xerala e vendela localmente; acceder xustamente ás redes [Puig i Boix, 2007, p. 111]
– Promoción da soberanía enerxética: non dependermos do exterior para a enerxía que consumamos.
– Aposta decidida polas enerxías renovables.
– Fomentar a venda de electricidade por parte de pequenos produtores. Fomento do cooperativismo enerxético.
– Fomento das empresas eléctricas municipais.
– Obrigar a poñer paneis solares nos edificios, miniturbinas eólicas e outros sistemas de autoabastecemento enerxético.
– Incluir na normativa de construción a obriga de illamento térmico.
– Revisar o Código Técnico de Edificación con criterios de aforro, eficiencia e sustentabilidade.
– Gravar cun imposto especial as bombillas incandescentes e outros sistemas de uso enerxético non-eficientes.
– Adopción do Oil Depletion Protocol (como xa comezaron facer algúns gobernos locais noutras partes do mundo) e promoción do mesmo entre os concellos galegos.

Nivel persoal

– Exercer as responsabilidades enerxéticas básicas como cidadáns: informarnos e esixir que nos informen; eficiencia; xeración da maneira máis eficiente e limpa ao noso alcance; aforro, autolimitación e solidariedade coas xeracións futuras. [Puig i Boix, 2007, p. 112]
– Axeitar o noso estilo de vida aos fluxos de enerxía solar (directa e indirecta). [Puig i Boix, 2007, p. 112]
(Pendentes de engadir)

Referencias

– Puig i Boix, Josep (2007). De los combustibles fósiles y nucleares a los sistemas energéticos limpios y eficientes del siglo XXI en El final de la era del petróleo barato.
– Carpintero, Óscar (2007). Biocombustibles y uso energético de la biomasa: un análisis crítico en El final de la era del petróleo barato.
– Hopkins, Rob (2008). The Transition Handbook.
(Pendentes de engadir)