Vimos de constituirnos como asociación Véspera de Nada por unha Galiza sen petróleo na cidade de Compostela, co seguinte obxectivo definido nos nosos estatutos:
É o fin desta asociación a difusión entre os galegos e galegas de conceitos e actividades que teñan interese potencial para Galiza nun contexto presente e futuro de escaseza de petróleo. Eses conceitos abranguerán, entroutros:
- autosuficiencia enerxética
- transicion enerxética postfosilista
- enerxías renovables
- autosuficiencia alimentar
- agricultura e gandeiría ecolóxica
- recuperación de saber tradicional
- economías locais e alternativas
- sistemas de troco e moedas alternativas
- permacultura
- vida frugal, desconsumo
- ecoaldeas
- construción tradicional
- construción bioclimática
- recuperación de aldeas abandonadas
- retorno ao campo
- horticultura urbana e periurbana
- sustentabilidade
- decrecemento controlado
- etc.
As súas actividades tentarán tender pontes, crear redes e sinerxias e apoios mutuos entre os proxectos que outros colectivos e persoas leven a cabo nesas áreas; e informar á poboación en xeral sobre os beneficios que tales proxectos que poden supoñer para minguar os efectos sociais, económicos, ecolóxicos e de toda índole que implicará para Galiza a chegada ao denominado “cénit ou pico da produción de petróleo” e efectos derivados ou colaterais ao mesmo. Tamén traballará para concienciar á sociedade galega en xeral sobre eses efectos así como sobre as maneiras de previlos e/ou evitalos. Tentará achegar recursos culturais, intelectuais, formativos, informativos, divulgativos e de todo tipo aos galegos e galegas para poder faceren fronte e resistiren o impacto social e económico do fenómeno.
Se che interesa unirte ou colaborar connosco de calquera maneira, escríbenos a vesperadenada ARROBA redegalega PUNTO org.
2 reflexións sobre “Constitúese a asociación Véspera de Nada”