FACUA: “Hai que parar o consumo”

Comeza o ano cunha nota para a esperanza. Hoxe no informativo das 14 h en Radio Galega, na entrevista ao responsable de comunicación da organización española de consumidores FACUA, puidemos comprobar que a conciencia sobre a necesidade de frear o desorbitado consumo actual chegou non só ás organizacións ecoloxistas (vid. como exemplo a aposta polo decrecemento de Ecoloxistas en Acción) senón tamén ás asociacións de consumidores.

Segundo o representante de FACUA, debemos resistir a dupla chantaxe das empresas amenazando con que haberá despedimentos senón se incrementa o consumo, e do Goberno que incentiva o mesmo coas súas medidas e declaracións. Aínda que FACUA non semella facer este chamamento anticonsumista desde unha percepción dos límites ecolóxicos e xeolóxicos do planeta, senón desde unha óptica económica e contraria á roda de consumo-endebedamento, si que é esperanzador ver que teñen este claro enfoque antisistema: “Se este sistema só pode funcionar así, será que hai que cambiar o sistema”, afirman sen rodeos. Eles apostan por estancarmos o consumo, e moitos outros van alén e piden reducírmolo (movemento polo decrecemento).

As análisis están a converxer, os dereitos como cidadáns, como consumidores-traballadores, como habitantes dun planeta sobreexplotado son inseparables, e as loitas son á fin a mesma. Parabéns a FACUA por esta valente aposta e sorte coa súa denuncia e concienciación.

Mentres ao Goberno lle importa no fondo un pito a sustentabilidade do modelo de vida e económico que defenden e impulsan, e que só beneficia a curto prazo ás grandes empresas, os cidadáns-consumidores-traballadores debemos retomar as rendas das nosas vidas e baixarnos deste desbocado tren de vida cara ao precipicio, cara ao choque coa realidade física do planeta. O diñeiro non ten substancia física e pode por tanto medrar exponencialmente de maneira indefinida, pero o consumo de recursos e produción de residuos ten natureza totalmente física e por tanto non pode medrar indefinidamente. É así de lóxico e así de difícil de ver para algúns.

É hora de decrecermos paulatina e controladamente, ou os límites físicos do planeta se han encargar de facernos decrecer de golpe e polas malas.