Os seguintes son extractos especialmente significativos para a nosa asociación, dun traballo recentemente publicado na Revista Galega de Economía porque quen foi ate hai pouco director do INEGA, Xoán Ramón Doldán García, agora profesor na USC, titulado A situación enerxética galega no contexto europeo (PDF).
Recomendamos a lectura do artigo completo pero queremos salientar aquí a modo de resume o que nel atinxe ao panorama de dependencia das enerxías fósiles do noso país. Coidamos que é un estudo demoledor de moitos dos mítos enerxéticos que adoitan defender os 3 partidos políticos actualmente presentes no Parlamento Galego, fundamental para comprendermos o impacto que sobre Galiza vai ter o cénit, pico ou teito do petróleo, e do que deberán tomar boa nota tanto os politicos como os activistas galegos que traballen sobre cuestións enerxéticas, ambientais e de modelo económico-social.
[o obxectivo marcado polo Consello Europeo de acadar para o ano 2020 o 20% do consumo total de enerxía da UE fornecido por renovábeis] viase moi difícil (…) por varias razóns. A primeira, o feito de que aínda que estea a descender o custo da maioría das fontes de enerxía renovábeis seguen sen ser a opción de menor custo no curto prazo, por non se incluír sistematicamente os custos externos nos prezos de mercado, o que lles dá aos combustíbeis fósiles unha vantaxe que carece de xustificación económica. A segunda razón é a complexidade, a novidade e o carácter descentralizado da maioría das aplicacións da enerxía renovábel que ocasionan numerosos problemas administrativos, entre os que estarían procedementos pouco claros de autorización da planificación, da construción e do
funcionamento dos sistemas, normas opacas e discriminatorias de acceso á rede eléctrica, falta xeral de información a todos os niveis, etcétera. Outra explicación estaría en que a eficiencia enerxética non avanzou tanto como se agardaba, provocando un consumo enerxético superior ao previsto e obrigando a que a produción con renovábeis debese aumentar máis para poder alcanzar o obxectivo de cubrir o 12% do consumo interior.(…)
[o district heating é un] Sistema técnico para quentar ou fornecer auga quente sanitaria ás vivendas dun ou varios barrios dunha localidade e, en ocasións, para actividades industriais, habitual nalgúns países europeos e lamentabelmente inusual en Galiza ou España. Prodúcese calor nunha central situada a non moi longa distancia e distribúese de xeito centralizado, mediante unha rede de tubarias, en forma de vapor ou auga quente. O combustíbel utilizado pode ser biomasa, biogás, fuel ou gasóleo queimados nun forno ou nunha planta de ciclo combinado que produce tanto calor coma electricidade, ou nunha central xeotérmica.
(…)
No caso do petróleo a dependencia na UE pasaría do 75-80% do período 1990-2005 ao 95% no ano 2030.
(…)
No período 2001-2005 a enerxía primaria de orixe galega nunca superou a cuarta parte do total; como mínimo as tres cuartas partes importábanse do exterior. É pouco probábel que esta situación mude nos próximos anos; presumibelmente o nivel de autoabastecemento irá diminuíndo. No ano 2006 transformáronse en Galiza 13.731 ktep de enerxía primaria (táboa 4), o 77,2% procedente da importación, polo que podemos falar dunha clara dependencia enerxética nas súas fontes primarias. Ademais, estas cifras implican que case un 10% das transformacións de enerxía primaria de todo o Estado español se realicen en Galiza. O cru de petróleo, os produtos petrolíferos e o carbón supoñen, no período 2001-2006, entre o 90 e o 95% das fontes de enerxía primaria importadas e en torno ao 70% do total de enerxía primaria transformada, o que determina que o sector enerxético galego teña unha base netamente non renovábel, contaminante e claramente dependente do exterior.
(…)
Considerando que algo máis do 85% da enerxía primaria transformada en Galiza −maioritariamente importada− é non renovábel, podemos cualificar o sector enerxético galego coma un auténtico devorador de enerxía de alta entropía, cun elevado potencial polucionante, ao tempo que axuda a consolidar lazos de dependencia económica co exterior.
(…)
O PEG considera que a fabricación actual de bioetanol a partir de cereais se manterá case inalterada, mentres que en biodiesel se pretende producir 400.000
t/ano (359 ktep) en plantas de tratamento situadas en diferentes puntos de Galiza, para posteriormente realizar o “blending” con gasóleo para a súa distribución e comercialización. Esta cifra excedería os obxectivos comunitarios de consumo dun 5,75% de biocarburantes sobre o total da demanda de gasolinas e gasóleos no ano 2010. Esta forma de enerxía provocou unha profunda controversia polas dúbidas razoábeis que existen en canto ao balance enerxético da súa fabricación, é dicir, que non está constatado que sexa netamente inferior a cantidade de enerxía necesaria
para o cultivo (normalmente en grandes extensións de países latinoamericanos ou africanos, cunha agricultura de tipo industrial moi intensiva no consumo de enerxías fósiles), a primeira transformación, o transporte até as plantas de tratamen-to e refinado e o transporte até os puntos de destino, á cantidade de enerxía contida no produto destinado ao consumo final (bioetanol ou biodiesel). Esta posíbel irracionalidade enerxética explicaríase polo feito de que o prezo do produto final está subvencionado. Ademais, a controversia esténdese á interferencia dos cultivos enerxéticos cos cultivos tradicionais destinados á alimentación, ou con outros usos agrícolas, e á influencia que isto poida ter sobre o encarecemento de alimentos básicos.(…)
A pesar do seu crecemento [da enerxía eólica en Galiza], non compensará nin a desaparición do carbón autóctono nin os aumentos previstos da demanda interna, é dicir, amortecerá levemente o aumento da dependencia enerxética pero non evitará que esta sexa maior.
(…)
tal e como sinala Menéndez (2004), a biomasa, como fonte de enerxía primaria e sustentábel, non debe
chegar a competir nin coa alimentación, nin co mantemento da biodiversidade, polo que sería desexábel que a política enerxética neste ámbito se subordinase a unha axeitada política agraria e forestal e non á inversa.(…)
No ano 2006 Galiza dispoñía do 10,9% da potencia eléctrica instalada no Estado español, porcentaxe máis elevada en certos aproveitamentos: o 16,9% da potencia hidráulica, o 17,7% da potencia en centrais termoeléctricas de carbón, o 23,6% da potencia eólica ou o 23,3% da minihidráulica. En termos de xeración eléctrica, a participación galega dentro da economía española é igualmente relevante: o 9,9% da xeración eléctrica total, o 24% da electricidade obtida con renovábeis de todo o Estado e o 18,9% da electricidade xerada con carbón. Estas cifras axudan a entender que o 36,1% da enerxía eléctrica dispoñíbel en Galiza sexa exportado: os 1.017 ktep que van ao exterior case duplican a enerxía primaria de orixe eólica, equivalentes a aproximadamente o 84% do conxunto da enerxía primaria hidráulica (grande e minihidráulica), eólica e solar que suman 1.212 ktep no ano 2006. Se comparamos a electricidade exportada coa enerxía dispoñíbel total de orixe renovábel, considerando as perdas na transformación, o resultado é que, aínda sumando a electricidade de orixe hidráulica, eólica, solar, biomasa, biogás e residuos (1.261,2 ktep), apenas alcanzan o 80% da electricidade exportada. Isto é, a capacidade para xerar electricidade con fontes renovábeis apenas cobre a destinada á exportación.
Polo tanto, serán fontes non renovábeis de orixe galega ou importadas as que satisfagan algo máis do 85% da demanda interna de electricidade, coas consecuencias ambientais coñecidas en forma de xeración de gases de efecto invernadoiro e de chuvia ácida. Esta situación debería levarnos a reconsiderar seriamente o papel orientado ao exterior do sector eléctrico galego.
(…)
a demanda enerxética galega interna cóbrese unicamente nun 24,6% con fontes renovábeis e no 75,4% restante con fontes non renovábeis que, na súa maior parte agora e na súa case totalidade en pouco tempo, procederán da importación. A insostibilidade económica e ambiental deste modelo é obvia.
(…)
A imaxe que, en ocasións, continua mostrándose de Galiza como unha potencia enerxética segue a ser unha fantasía non desprovida de certa irresponsabilidade (…)
(…)
O potencial que existe para desenvolver o uso de enerxías renovábeis autóctonas debería ir dirixido a solucionar os problemas de dependencia enerxética e non a favorecer ou manter o establecemento de actividades ou actitudes manifestamente ineficientes en termos enerxéticos.
(…)
A promoción no uso de fontes enerxéticas renovábeis de orixe autóctona é necesaria se querermos construír unha alternativa enerxética menos dependente, máis aínda cando o carbón está practicamente esgotado. Esta orientación é, por outra parte, a única que permitirá ir cara a un abastecemento enerxético sostíbel ambientalmente.
Ora ben, as cifras que acabamos de ver tamén demostran que ese camiño non é o único, nin sequera o máis importante que hai que abordar. Aínda no suposto de que o consumo interno se mantivese inalterado, algo case imposíbel, como
veremos, habería que multiplicar por máis de cinco a produción galega baseándose en fontes renovábeis para cubrir a demanda só con renovábeis.(…)
Neste caso, de manterse alén do ano 2012 os niveis de crecemento do consumo eléctrico previstos até esa data, a produción eléctrica galega con renovábeis debería duplicarse en vinte e catro anos, triplicaríase en corenta
e cuadriplicaríase en corenta e oito anos.(…)
Diante desta situación faise cada vez máis necesario o establecemento dunha planificación enerxética rigorosa que se enfronte aos retos dun futuro con múltiples incertezas internas e internacionais. Cómpre, ademais, profundar na crítica a un modelo enerxético que condena a un territorio a transformar, que asigna o lucro aos axentes particulares que se dedican á xeración, transporte e distribución, e que lles outorga a outros territorios os beneficios colectivos. Doutra parte, as preocupacións pola dependencia enerxética e a evolución do consumo deben ser dous eixes vertebradores da planificación.
(…)
En definitiva, manténdose, ou mesmo reducíndose, o grao de dependencia enerxética galego é vital e prioritario formular políticas ambiciosas e contundentes para o control da demanda enerxética, comezando pola eléctrica e de calor, para continuar coa demanda de derivados do petróleo para o transporte. Isto implica que as Administracións responsábeis deben educar no aforro e na eficiencia enerxética
[Nota a pé: Sobre todo no aforro, posto que as melloras na eficiencia enerxética se trasladaron habitualmente ao consumo en forma dunha maior intensidade. Por exemplo, un menor consumo de combustible por quilómetro nos automóbiles vese compensado á alza cunha maior frecuencia nas viaxes, con viaxes máis longas e cun incremento do número de automóbiles. De non se acompañar as melloras da eficiencia con prácticas de aforro. o resultado mesmo pode ser peor que a situación de partida.];
informar sobre que prácticas se poden realizar en todos os sectores e dominios da vida; fomentar con regulación,
axudas e asesoramento as devanditas prácticas; e comprometerse seriamente sendo exemplares na súa aplicación. O compromiso da sociedade no seu conxunto é imprescindíbel para reducir o consumo enerxético en termos globais. O control da demanda enerxética pasa, ademais, por modificar os procesos produtivos, modificar as pautas de consumo e as características e orixe dos bens consumidos, en particular os alimentarios, e fundamentalmente en formularnos un cambio radical na forma de transportar persoas e mercadorías.Desafortunadamente as políticas enerxéticas seguen presas dunha visión estreita e reducionista, meramente sectorial, que trata a enerxía como se fose un sector industrial máis, cando é urxente que sexa considerada coma unha política transversal presente en todas e cada unha das políticas sectoriais. Por este motivo, son permanentes as contradicións entre o fomento de prácticas de aforro e eficiencia enerxéti-ca dunha parte e o fomento de actividades e procesos produtivos, e actividades sociais, claramente ineficientes e estragadores de enerxía. Por outra parte, tanto a nivel
local como autonómico ou estatal seguen sendo anecdóticas as propostas para un cambio real cara a un modelo de transporte sustentábel onde, sen dúbida, está unha das chaves para solucionar ou paliar a dependencia enerxética actual e futura. Estoutro modelo de transporte debería ir alén do cumprimento dos obxectivos da UE para o uso de agrocarburantes. Deberíase avanzar cara a unha mudanza na importancia que debe ter o transporte colectivo público, tanto urbano coma metropolitano, promover que o transporte ferroviario gañe peso nas comunicacións internas galegas, e considerar unha estreita vinculación da política de transportes coa planificación urbanística de modo que esta non partille os espazos para habitar, de traballo e de lecer, e non condene ao mundo rural fronte ao urbano. Isto significa unha sociedade máis descentralizada, o mesmo carácter que teñen as enerxías renovábeis.
Unha reflexión sobre “A situación enerxética de Galiza”