Hoxe imos comezar o envío da seguinte pregunta aos principais partidos políticos que han concorrer ás vindeiras eleccións ao Parlamento de Galiza do 1 de marzo:
Perante os datos achegados por organismos internacionais oficiais (como a Axencia Internacional da Enerxía), empresas do sector, comités científicos gobernamentais e independentes, acerca da chegada da produción do petróleo ao seu cénit ou teito a nivel mundial en moi poucos anos, e o grave impacto que isto vai supoñer para as nosas sociedades (reflectido entre outros, no Informe Hirsch preparado pola administración Bush), e que xa ten levado a países como Irlanda ou Suecia a desenvolver ambiciosos planos para eliminar a vulnerabilidade das súas sociedades e economías aos devanditos impactos, solicitamos do seu partido:
Coñecer qué medidas inclúe no seu programa electoral para analizar e facerlle fronte a este problema preparando a sociedade e a economía galegas, durante os vindeiros 4 anos, habida conta de que segundo apuntan moitos estudos o cénit do petróleo se está producindo xa ou se producirá nese periodo (2009-2013).
A información que nos acheguen será incluída no web que a nosa asociación ten no enderezo http://www.VesperaDeNada.org para contribuír a un voto informado na cita electoral do 1 de Marzo.
Iremos informando neste post das súas respostas. Os galegos temos o dereito a saber se pensan tomar algunha medida e, nese caso, de que tipo, para afrontarmos este punto crítico da nosa Historia como sociedade e como país. E os que gobernen Galiza os vindeiros 4 anos teñen o deber de axir.
7 reflexións sobre “Propostas políticas en Galiza para facer fronte ao cénit do petróleo”