[Un artigo da Asociación Véspera de Nada por unha Galiza sen petróleo]
Os efectos causados polo temporal na rede eléctrica de Galiza, que ten a milleiros de familias aínda sen subministración eléctrica 5 días despois, debería servirnos de lección e de advertencia sobre a vulnerabilidade do país perante situacións que previsiblemente serán cada vez máis frecuentes debido á dupla ameaza do esgotamento do petróleo e do cambio climático acelerado.
O mesmo que as folgas do trasporte e os súpetos medres no prezo do petróleo nos fan ver o fráxil que é unha sociedade dependente deste escaso recurso ata nun 95% (caso do trasporte), a interrupción imprevista e masiva de subministración eléctrica fálanos da falta de seguridade enerxética nos domicilios, pequenos comercios e explotacións gandeiras. Esta situación é máis grave no medio rural debido a un sistema eléctrico centralizado que dirixe a súa atención aos grandes centros de consumo (cidades e grandes industrias), con redes de distribución eléctrica en mal estado e claramente
ineficientes en aldeas e pequenas vilas. Isto resulta máis grave cando estas localidades conviven a cotío con centros produtores (encoros, parques eólicos, térmicas…) e con liñas de alta tensión dirixidas a transportar á enerxía aos lugares de gran consumo (galegos ou de fóra de Galiza).
Un modo de evitar os peores efectos atmosféricos pasa por unha estrutura de produción descentralizada e diversificada, con sistemas de xeración doméstica e compañías municipais ou comarcais de produción e distribución eléctrica baseada nos recursos enerxéticos renovables de cada lugar (eólica, solar, biomasa, maremotriz…) no axuste das redes eléctricas ao consumo local e non a evacuación ás zonas de maior consumo, acompañados de medidas de redución do consumo e da dependencia de aparatos eléctricos. Deste xeito evitaríamos as deficiencias dos actuais sistemas centralizados, de natureza insostible, e aceleraríamos enormemente a capacidade de recuperación da subministración.
3 reflexións sobre “Unha lección enerxética que aprendermos do temporal”