Aínda que antes das eleccións publicamos a nosa crítica á planificación eólica do goberno PSdeG-BNG, salientando en especial a viraxe do BNG (responsable de Enerxía nese goberno) nos últimos 4 anos que tiveron a rendas da materia en Galiza, parece que está claro para quen o analice con rigor desde a Economía Ecolóxica, que supoña unha mellora con respecto á política do PP, quen agora de novo, tras o fracaso do bipartito na súa reválida perante os cidadáns, volverá coller nas súas mans esta cuestión. Así o publicaba esta semana A Nosa Terra, facéndose eco dun estudo do grupo de investigación que dirixe Xavier Simón sobre Economía Ecolóxica e Agroeconomía da Universidade de Vigo.
Estes decretos que permitiron a posta en marcha do Plan Eólico Empresarial foron, segundo estes investigadores, un éxito desde o punto de vista da oferta “Galicia pasou de ter cero megavatios no 1995 a máis de tres mil trece anos despois”, pero un fracaso desde o punto de vista da redistribución da renda, do fortalecemento do mundo rural e das condicións de vida dos habitantes do rural.
Agora mesmo eses éxitos parciais poderían estar en perigo se o PP sae coa súa e dá marcha atrás nesa planificación eólica.