Enteirabámonos hai pouco por unha nota de prensa de que existían uns denominados Núcleos de sostibilidade no noso país:
Amigos da Terra inicia en Allariz (Ourense) as actividades destinadas a concienciar sobre o desenvolvemento sostible
Amigos da Terra, en colaboración con IDOM e as consellerías de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e de Traballo e Benestar, comeza coa difusión das actividades destinadas aos ‘Núcleos de Sostenibilidade’, sete experiencias piloto na comunidade galega coas que se pretende lograr un desenvolvemento local sostible.
A primeira parada terá lugar no Concello de Allariz (Ourense) con dúas actividades, unha exposición sobre cambio climático e un cineforum. Ambas as dúas levaranse a cabo no Centro de Educación Ambiental ‘O Rexo’. Ademais, o centro acollerá dende mañá e ata o 24 de maio a mostra ‘Cambio climático: o noso mundo, o noso futuro, a nosa opción’.
Procurando máis información sobre o tema vemos que se trata dun proxecto piloto da Xunta, vencellado ás Axendas 21, e que os concellos que foron seleccionados para tentar ser núcleos de sostibilidade son:
- Abegondo
- Muros
- Guitiriz
- Covelo
- O Barco de Valdeorras
- Concellos da Reserva da Biosfera “Área de Allariz”: Allariz, A Bola, Rairiz de Veiga e Vilar de Santos
- Bisbarra de Pontevedra: Barro, Poio, Pontecaldelas e Vilaboa
Saudamos este proxecto e calquera outro que serva para avanzarmos cara á sostibilidade, e estaremos atentos aos seus avances e resultados, pero achamos de menos unha ollada necesariamente integral, trasversal e coa enerxía como eixo fundamental, inseparable do aspecto medioambiental, como defende p.ex. a Economía Ecolóxica. Parécenos que a orientación ambientalista deste proxecto é claramente insuficiente para os necesarios pasos cara á sostibilidade real e integral dos nosos concellos, e que debe abranguer todos os aspectos da vida socioeconómica, nun contexto inminente de escaseza enerxética.
Coidamos que os obxectivos e actuación previstas do proxecto revelan este aspecto parcial da sostibilidade:
O obxectivo deste proxecto, a desenvolver inicialmente como experiencia piloto, é posibilitar a integración, a nivel local, de todas as accións susceptibles de ser promovidas ou respaldadas polas administracións municipal e autonómica que garden relación directa coa consecución dun desenvolvemento local sostible, coordinándoas en aplicación dos diversos instrumentos que se poden implementar (Avaliación estratéxica da sostibilidade do Plan Xeral de Ordenación Municipal, Axendas 21 local e escolar, educación ambiental, instrumentos de sostibilidade empresarial, de gobernanza municipal, etc). Para ilo elaboraranse, de forma simultánea e harmonizada, todas estas ferramentas de planificación da sostibilidade, co fin de deseñar un “plan integrado de sostibilidade local”, vertebrando actuacións que serán consideradas de carácter prioritario, no só pola Administración local senón tamén polas de orden superior, e que por tanto recibirán o apoio preferente destas para a súa execución posterior.
O plan integrado de sostibilidade local será pois o instrumento básico de decisión nas actividades de goberno do concello, onde se sentarán as bases dun proxecto a longo prazo, definindo liñas de acción específicas que coordinen os recursos e esforzos provenientes das distintas Administracións públicas e das diversas áreas de goberno municipal para satisfacer todas las necesidades comúns, estruturais ou innovadoras. Para adaptar as súas propostas aos cambios e movementos no tempo, de acordo coas condicións políticas, económicas, sociais e tecnolóxicas de desenvolvemento, conterá indicadores de seguimento sobre os resultados, sempre contando coa participación dos axentes sociais e económicos.
(…)
[Actuacións] A nivel de gobierno municipal
1. Gobernanza. Instrumentalizar a mellora de aspectos organizativos internos do concello: coordinación e intercambio entre concellerías /delegacións, procedementos de información interna e á poboación, mecanismos de participación cidadá nas tomas de decisións.
2. Integración Ambiental: articular a introdución da consideración dos aspectos ambientais nas políticas e disposicións do goberno municipal.
3. Implantación de sistema de xestión ambiental no Concello, ou, a lo menos, nas concellerías /delegacións /servizos de máis repercusión (obras e servizos, parques e xardíns, medio ambiente, etc.).
4. Protección ambiental: sometemento voluntario á Avaliación Ambiental de plans e programas (competencia autonómica) mesmo en casos nos que non sexa de obrigado cumprimento.
5. Xornadas de sensibilización e curso técnico de formación, para edís e técnicos municipais, coa participación necesaria do axente local de sostibilidade.
6. Prospección e diversificación dos mecanismos de captación, por parte da administración local, de recursos de financiamento públicos e privados, especialmente de iniciativas e programas comunitarios que poidan amparar as accións do plan integrado de sostibilidade local.[Actuacións] De carácter xeral
7. Sensibilización e educación sobre sostibilidade do conxunto da poboación, e especificamente de colectivos de especial interese (asociacións de veciños, amas de casa, etc.).
8. Implantación e/ou desenvolvemento da Axenda 21 local no concello que se levará a cabo mediante a realización dunha Auditoria Ambiental, dun Plan de Acción, dun Plan de Participación Cidadá, e dun Plan de Seguimento.
9. Implantación da Axenda 21 escolar nos centros educativos do concello que conlevará a formación do profesorado no eido das Axendas 21, a divulgación da dinámica participativa entre toda a comunidade educativa (profesorado, alumnado, persoal non docente e pais) e a posta en marcha de accións específicas de carácter ambiental nos centros.
10. Establecemento dun servizo de información/reclamación para o cidadán, centrado fundamentalmente nos asuntos de sostibilidade local.
11.Implantación da base dun sistema de información xeográfica (SIX), acorde cos principios de accesibilidade pública e posibilidade de intercambio da información espacial.[Actuacións] No sector privado
12. Cursos de formación básica en materia de sostibilidade dirixidos a empresarios, colectivos profesionais e agrupacións (sindicatos, confrarías, consellos reguladores, cooperativas, etc.).
13 Cursos para a aplicación de boas prácticas e de sistemas de xestión ambiental nas empresas do municipio.
14 Xornadas formativas para a adopción de prácticas de responsabilidade social corporativa e elaboración de memorias de sostibilidade.Tamén se levarán a cabo investimentos, propostos polo Concello e aprobados pola Consellería, nalgún destes eidos: eficiencia enerxética, adecuación da estructura urbana ás necesidades dos modos de mobilidade sostible e fomento das sinerxías entre o patrimonio natural e cultural.