Capitalismo disfrazado de verde vs. Sostibilidade real

Segundo podemos ler no artigo de David Rodríguez no que tan claramente debulla o que foi o discurso de Walden Bello a semana pasada en Compostela, o mundo vai camiño dunha nova solución en falso á Multicrise planetaria:

Bello debullou na conferencia organizada polo Foro Social Galego e pola Universidade Invisíbel os reposicionamentos aos que se verá abocado todo o espectro político despois da crise financeira mundial. Se após a crise do 29 o keynesianismo dun Franklin Delano Roosevelt impúxose como a boia que habería reflotar —en feliz metáfora do orador— o submarino avariado da economía mundial; na era Obama será o neokeynesianismo dos Stiglitz, Krugman, Soros, Held e mesmo Bill Gates, a medicina que paliará a enfermidade mortal que ciclicamente padece o capitalismo.

Falou Bello da Socialdemocracia Global como a doutrina que ha hexemonizar, con toda probabilidade, o vindeiro pensamento político e económico despois de décadas de reinado neocon. En opinión do filipino, este conglomerado de ideas caracterizarase, grosso modo, polos seguintes principios:

  • Mantemento do proceso globalizador e da integración dos mercados.
  • Mantemento do crecemento económico mitigando as posibles desigualdades que este poida xerar.
  • Mantemento do libre comercio pero cunha maior atención ás políticas ambientais.
  • Restablecemento do multilateralismo.
  • Diminución ou condonación parcial da débeda externa dos países pobres para reactivar a economía.
  • Potenciación, baixo o paraugas dos obxectivos do milenio, de programas de axuda, tipo Plan Marshall, aos países pobres.
  • Impulso dunha segunda revolución verde en África baseada principalmente no uso de sementes transxénicas.
  • Impulso dunha economía máis ou menos sostible liderada polos gobernos.

A tarefa asignada por Bello aos “verdadeiros progresistas” ante este programa da Socialdemocracia Global é a de —aproveitando o que estas políticas teñan de positivo— desenmascarar o que teñen de maquillaxe ou —directamente— de salvavidas do capitalismo. As principais eivas glosadas por Bello destas políticas foron:

  • Non cuestionar o proceso globalizador e partir de que a globalización é querida polas persoas.
  • Non cuestionar a existencia do mercado.
  • Tratarse dun proxecto tecnocrático onde as decisión son tomadas de arriba a abaixo sen consultar ás persoas.
  • Asumir a tarefa de salvadora e relexitimadora do capitalismo global igual que o keynesianismo o foi, no seu momento, do capitalismo nacional.
  • Preferir a xestión social fronte á liberación social.
  • Preferir a tecnocracia fronte á participación.
  • Preferir o capitalismo monopolista fronte á creación dun sistema post-capitalista de propiedade.
  • Preferir globalizar fronte a desglobalizar.
  • Preferir un capitalismo verde fronte a unha verdadeira economía sostible.