Hoxe podíamos ver unha noticia no Telexornal acerca dos primeiros intentos por recuperar o cultivo do liño en Galiza, como insumo para un produto relativamente novo, o leite de vacas alimentadas a base de pastos e sementes de liño, que tenta reproducir unha alimentación natural das vacas produtoras de leite, un produto que foi lanzado o ano pasado pola cooperativa galega Feiraco baixo o nome de Unicla.
Sen entrar a valorar se este tipo de alimentación é ou non natural si que semella cando menos máis sustentable ao non depender de pensos transxénicos. Porén, vemos o problema de que ese liño debe vir de Canadá e ser procesado en Portugal, co cal acumula milleiros de Km ata que chega ás explotacións gandeiras. É un claro exemplo da necesidade e mesmo conveniencia comercial, de que os nosos agricultores recuperen cultivos tradicionais como o liño [URL de Flocos.tv eliminada o 06-09-2014] para poder fornecer esas toneladas de alimento que precisan hoxe as vacas de Feiraco, e mañá, cando os pensos de fóra teñan prezos prohibitivos pola escalada inevitable dos combustibles, para calquera gandeiro/a galego/a. Temos a nosa toponimia chea de liñeiras e liñares… e non tan lonxe a memoria de industrias do liño… Vai sendo hora, xa que logo, de apostar por facer futuro recuperando os cultivos propios desta terra durante séculos.
(E iso sen mencionarmos que, cando fiquemos sen algodón -un produto que non podemos cultivar aquí, que importamos masivamente de países lonxanos e que é en boa medida tranxénico- deberemos volver a vestirnos con materiais locais: lá e liño, principalmente.)