Retransmitimos esta interesante convocatoria:
Xornadas Galegas de Economías Alternativas: troco e cesión, bancos de tempo, moedas alternativas, ferramentas financeiras éticas
Centro Social do Calvario, Vigo (rúa Numancia, 3)
27 e 28 de xuño de 2009
¿Estamos en crise? O sistema económico neoliberal, baseado no espellismo do crecemento sen freo, na especulación absurda e a depredación do medio afúndese, fagocitándose a si mesmo
¿Estamos en crise? Os bancos e as multinacionais que esquilman a terra coa súa delirante obsesión polos beneficios ven como se acenden todas as alarmas.
¿Estamos en crise? Os gobernos, cómplices durante décadas do desenvolvismo salvaxe, bótanse as mans á cabeza e declaran que chegou o momento de que a bolsa salvadora do Estado pague as facturas dos especuladores.
Son eles os que están en crise, pero nós os que a sufrimos. E pretenden que, unha vez máis, as cidadáns lles saquemos as castañas do lume.
É tempo de mudanzas. Cando o Estado se afunde, cobran forza unha vez máis os sistemas económicos éticos: propostas claras, viables e sensatas, respectuosas coa contorna, que non confunden benestar con incremento da produción e que apostan pola reciclaxe, a utilización consciente dous recursos, a solidariedade e o ben común.
As asociacións e colectivos integrantes da rede de troco e cesión Vigotroca, Amarante, Árbore, Caleidoskopio, Verdegaia e Centro Social do Calvario, invitámosvos a participar, os próximos 27 e 28 de xuño, en Vigo, nun encontro galego de economías alternativas: bancos de tempo, troco, cesión…
O obxectivo destas xornadas é propiciar un contacto entre os grupos e organizacións galegas que traballan para impulsar una economía ética. O encontro iniciarase a mañá do sábado 27 coa celebración do mercadiño mensual de troco e cesión de Vigotroca, na rúa Urzáiz de Vigo, e seguirá, tras un xantar conxunto, coa presentación dos colectivos participantes e a exposición das actividades que estades a desenvolver. Troco, cesión, bancos de tempo, moedas alternativas, instrumentos financeiros éticos… A economía real, a economía decente.
E, o domingo, realizaremos un roteiro guiado polo espazo natural das Gándaras de Budiño e Ribeiras do Louro, en Porriño. Porque a economía é tamén, ecoloxía.
Programa do sábado 27 de xuño
- 11:00-13:00 Mercadiño de troco e cesión na rúa Urzáiz, fronte ó mercado do Calvario.
- 14:00 Xantar conxunto das persoas asistentes ás xornadas.
- 16:00 Asemblea de organizacións de troco, cesión, bancos de tempo e economías alternativas. Presentación, posta en común de experiencias, propostas de futuro.
- 19:00 Presentación de ferramentas financeiras éticas (Coop-57, Fiare, etc.); redes de Troco (Ourense, Ferrol, etc); e moedas alternativas
- 21:00 Cea conxunta na Cova dos ratos, A.C. Caleidoskopio: actuacións e lecer.
Programa do domingo 28 de xuño
- 10:00 Partida cara as Ribeiras do Louro, no Porriño.
- 11:00 Roteiro guiado polo espazo natural.
- 14:30 Xantar conxunto das persoas asistentes na Cova dos ratos, A.C. Caleidoskopio.
Recórdao: os días 27 e 28 de xuño, implícate connosco en Vigo. Por ti. Por todas.
Asinado: Amarante, Árbore, Caleidoskopio, Verdegaia e Centro Social do Calvario
http://vigotroca.arkipelagos.net