A dependencia do petróleo do noso modo de alimentarnos

Tamén durante a preparación do artigo sobre as Cidades en Emerxencia Enerxética para a revista Tempos Novos, pedín a opinión de Lidia Senra, secretaria de organización do SLG acerca do tema seguinte:

Ata que punto é dependente o noso modelo de alimentación do petróleo, comezando pola produción agrogandeira e rematando pola gran distribución comercial?

Os consumidores e os mesmos produtores non son conscientes desa dependencia. Cal pensas que sería o camiño para rachar con ela? Que outro modelo de alimentación sustentable sería posible?

Lidia Senra (fotografía tirada de Altermundo.org)Lidia Senra: Na actualidade tanto o modo de producción como a comercialización dos productos agrários son tremendamente dependentes do petróleo.

Co modelo de producción imposto polas políticas agrarias que estamos sofrindo na actualidade, no proceso de producción dos alimentos hai unha dependencia, total do gasoleo para mover as maquinarias. Temos tamén dependencia do petroleo nos transportes dos alimentos dos animais, Europa é fortemente dependente e importa grandes cantidades de millo e de soia e outros productos para os pensos, transporte de sementes, fertilizantes, pesticidas, etc. A esto habería que engadir todos os productos que se elaboran con derivados do petroleo como poden ser plásticos, tuberías para regadíos,…

A dependencia é tanta que en canto sube o petróleo, practicamente todos os insumos suben, e esto nótase tremendamente nos costes de producción.
Se abordamos a comercialización, tamén podemos observar a forte dependencia que temos. A grande distribución move cantidades inxentes de productos alimentarios de punta a punta do planeta. A inmensa maioría dos alimentos que se venden nos supermercados instalados no noso territorio, teñen percorrido moitos miles de quilómetros. Logo están os plásticos cos que se nos obriga a envolver os productos agrarios para a venda. Agora, por decir so un exemplo, no canto de atar con algún producto vexetal os manoxos das verduras, cada vez obrígasenos máis a metelos en plásticos.

Eu penso que non somos conscentes para nada desa dependencia, nin das consecuencias que este modelo ten en termos de despilfarro enerxético, nin a incidencia no cambio climático. A cousa chega mesmo a extremos tan absurdos como en ámbitos onde estas cousas deberían estar minimamente claras, como poidera ser a agricultura ecolóxica, onde se nos presentan productos ecolóxicos certificados, como por exemplo mazás que viaxan dende a Arxentina , cereais que veñen de Alemania,… (serán orgánicas, pero ecolóxicas dende o noso ponto de vista non son).

O camiño para rachar con todo esto, está na información, no debate social sobre as consecuencias a todos os niveis das políticas agrarias e alimentarias que temos e no compromiso do conxunto da cidadanía para loitar para un cambio profundo das mesmas e tamén no debate para que todas e todos nós teñamos información suficiente para ser máis conscentes de que mercar é un acto político e, que non ten as mesmas implicacións mercar productos alimentarios procedentes da agricultura industrial e da grande distribución, que mercar productos do país nos mercados locais e de proximidade.

Nós defendemos un modelo de producción e alimentación baseado no Dereito a Soberanía Alimentaria dos pobos. Precisamos que as políticas agrarias debe abandonen a vocación exportadora e que promovean e prioricen que cada pobo, que as labregas e os labregos de cada país, produzan os alimentos básicos para a súa cidadanía. Que os modos de producción sexan sustantábeis a nivel social e medioambiental e as explotacións o máis autosuficientes posíbeis. Un modo de producción en base á terra, sen utilizar productos que deixen residuos perigosos para a saude e para o medio. Producir prioritariamente para os mercados locais e de proximidade.

Fomentar o consumo responsábel e respectuoso co medio e cos recursos. Potenciar o consumo dos productos frescos e de tempada e a granel. Apoiar a creación de iniciativas de transformación e venda dos productos en circuitos curtos. Crear redes de distribución que coloquen os productos das nosas explotacións nos mercados locais (pequeno comercio), promover que as prazas e os mercados volvan ser espazos para que as labregas e os labregos podan vender os seus productos directamente á cidadanía. Non autorizar a instalación de máis grandes superficies e inciar o proceso para ir pechando as xa instaladas