Gordon Brown reclama un plan urxente para evitar que o prezo do petróleo rache coa recuperación económica

Parece que a alarma lanzada polo Comisario europeo da Enerxía (e outros axentes políticos e económicos) vai callando nalgún goberno europeo gravemente preocupado pola recuperación da súa economía. E nada menos que o do Reino Unido, que segundo Rob
Hopkins, o fundador do movemento das Cidades en Transición Enerxética, aseguraba sen rubor algún que o teito do petróleo non sería algo do que preocuparse ate o 2020:

The British Government still takes the position that peak oil is something we need not worry about until at least 2030.

…aínda nos lembraba Hopkins o día 23. Se cadra Hopkins aínda non escoitara as noticias cando publicou ese post: Brown demands emergency plan to stop oil wrecking recovery. Aínda que non lle boten a culpa ao teito do petróleo, a preocupación é curiosamente coincidente coa de Andris Piebalgs:

Gordon Brown aínda non recoñece o cénit pero...Gordon Brown ordenou aos seus ministros do Tesouro e de Economía que deseñen plans para afrontar prezos en alza do petróleo e a seca de crédito para as empresas británicas, no medio de temores de que a recuperación da economía do país descarrile.

Brown busca un acordo internacional que coute o aumento do custo do cru, que case chegou a 72$ o barril o pasado venres.

Coas economías do Golfo (incluída Arabia Saudita) en risco de caer en recesión no que queda de ano, segundo previsións do Fondo Monetario Interncional, os gobernos occidentais temen que os países da OPEP terán un forte incentivo para restrinxir a produción e elevar aínda máis os prezos.

(…)

A preocupacion agora en Whitehall é que uns prezos máis altos das materias primas disparen a inflación e tenten o Banco de Inglaterra a apretar a súa política antes de que economía estea de novo en pé.

(…)

(…) Dixo que unha suba de 25$ nos tres últimos meses era unha preocupación crecente: “Un repunte nos prezos dos recursos básicos podería ralentizar a recuperación. Debemos actuar -conxuntamente con outros países- para reducir a volatilidade dos prezos”, dixo.

Apuntando a axenda política do goberno, Darling dixo que Gran Bretaña quere mellorar a transparencia do mercado do petróleo, eliminar as barreiras á subministración de enerxía e mellorar a eficiencia enerxética.

O goberno cre que a actual prezo do petróleo non está xustificado pola debilidade da economía mundial e que a acción internacional podería poñelo de novo nun nivel máis axeitado.

(Perdoade a imprecisión da apurada tradución.)

É curioso que pretendan que por arte de maxia a acción concertada dos gobernos do mundo poida facer que un recurso finito imprescindible para o funcionamento da economía mundial poida manter un prezo baixo nun contexto de demanda crecente (recuperación económica) e oferta minguante (teito do petróleo). Cando abandonarán as súas fantasías anticientíficas e os mitos do crecemento perpetuo? Ou xa as abandonaron pero fan como que non diante do público, con tal de non recoñeceren que co teito de petróleo non vai haber recuperación que valla? Mentres, claro, está a OPEP para lle botar a culpa. E se non, serán os especuladores, ou se cadra pasado mañá… os terroristas ou Irán.