Hai poucos días coñeciamos por medio de Cenit-del-Petroleo.info o que a prensa económica ortodoxa trasmitía ao respecto das últimas previsións feitas públicas pola AIE. Xoán Doldán pescudou un pouco nas fontes orixinais desa nova e esta é a súa análise:
A demanda é a cantidade de bens e servizos que poden ser adquiridos nun momento determinado de acordo con un determinado tipo de prezos. A demanda depende entre outras cousas dos ingresos dos consumidores, do seu número, da cantidade demandada e dos prezos.
Cando a AIE afirma a través do seu economista xefe (Fatih Birol) que o requirimento de cru dos países industrializados non volverá ao nivel rexistrado en 2006-2007, deberíamos indicar, en principio, varias cousas, algunha delas obvias:
- fala de requirimento de cru, polo tanto suponse que fala da cantidade (non do seu valor monetario)
- fala da demanda dos países industrializados, non da demanda mundial. No entanto a demanda mundial de petróleo cru dos países industrializados (OCDE) supón máis do 52% do total mundial segundo a mesma AIE
- establece dous escenarios diferentes segundo os países. Os industrializados irían descendendo a súa demanda (aínda que con altibaixos) mentres que os non industrializados irían aumentando o seu consumo
- por declaracións recentes (decembro) o resultado final é un aumento da demanda mundial
Pero se consultamos directamente en Reuters, que é a axencia da que sae a información, Fatih Birol di tamén que unha elevación dos prezos por riba dos actuais poría en perigo a recuperación económica.
Admite ademais que os investimentos en novos xacementos baixaron un 19% en 2009 respecto a 2008, e iso que os prezos están a aumentar. E se a demanda de China e India segue a medrar o risco de subida dos prezos do petróleo pode ser factíbel.
En canto á OCDE, o que se ven dicir é que en 2010 o consumo será semellante ao de 2009 (estancamento).
Na información de Reuters tamén se recolle esta información de interese:
“Muhammed al-Sabban, head of the Saudi delegation to UN talks on climate change, said the possibility that oil demand might peak this decade was a “serious problem” for Saudi Arabia.”
Aínda que se relaciona co cambio climático, o feito de que o xefe da delegación de Arabia Saudita na ONU manifeste preocupación porque a demanda alcance un pico nesta década non deixa de ser significativo.
Conclusións da lectura e hipóteses que se suxiren:
- A crise actual supuxo o reaxuste de moitas actividades manufactureiras en occidente, contracción da demanda (en xeral) e dos fluxos de mercadorías entre os países industrializados e o resto do mundo.
- Neste fenómeno tiveron que ver moito a elevación dos prezos do petróleo e, malia a forte caída posterior, a lenta recuperación a prezos altos que se foi dando nos últimos meses. O encarecemento dos custes enerxéticos afectou moi directamente na estrutura de custos das industrias occidentais e nos custes do transporte, ademais da perda adquisitiva e de confianza nos consumidores.
- O desprazamento industrial a outros países (os chamados metaforicamente emerxentes, como China ou India) nos últimos anos, con custes de produción máis baixos, permite manter, malia a elevación dos prezos da enerxía o seu papel como fornecedor de bens de consumo aos países industrializados, ao que se suma a elevación da demanda interna, ligada a un aumento da renda dispoñíbel neses países.
- Froito desta conxuntura, poderíamos estar ante un futuro inmediato onde mentres na OCDE se estanca a demanda interna (tamén da enerxía), no resto do mundo (en particular en países como China, India, Brasil ou México) a demanda siga a medrar (tamén o consumo enerxético). Como consecuencia a demanda mundial pode seguir medrando.
- Este dobre comportamento da demanda non é favorábel a incrementar os investimentos na industria do petróleo, agás para o consumo local onde este medre.
- Con baixos investimentos na industria do petróleo e con elevación da demanda mundial o prezo tenderá a subir, máis a menor presión da demanda da OCDE pode aliviar a tensión sobre os prezos e que a suba sexa máis lenta. En calquera caso, esas subidas tirarán aínda máis para baixo a demanda da OCDE e pode que no resto do mundo, desincentivando aínda máis os investimentos.
- A falta de investimentos acompasará a caída da demanda con unha caída da oferta (ou ao revés), e dependendo como sexa o desaxuste entre ambas a incerteza sobre os prezos será maior.
- E esta debe ser a preocupación que manifestan os árabes.
- E en isto moi pouco teñen que ver os coches eléctricos, aspecto que se destaca en Expansión tomando palabras de Fatih Birol. Porén, aínda non coñecemos as contas (nin por aproximación) de en canto sairá cambiar o parque actual e automóbiles por outro eléctrico, canto custará un sistema de distribución de enerxía eléctrica (as electrolineiras) por todo o territorio, canto custará fornecer de (nova) enerxía eléctrica para este novo sector de consumo eléctrico e baixo que fórmula de xeración, e cantos anos son necesarios para facer todo este cambio (un ano, dous, cinco, dez, vinte…,) e mentres con que se moverán os coches. Tendo en conta que só en España había matriculados –segundo o INE- en 2007 case 22 millóns de turismos particulares e supoñendo que se cambiasen 1,6 millóns de automóbiles ao ano –os matriculados en 2007- tardaríamos 13,5 anos, e isto facendo os cálculos sobre un ano que non había crise. Gasolineiras en España hai algo máis de 8000, a que ritmo habería que adaptalas o construír outras novas para que se fosen localizando segundo se cambia o parque móbil?, ademais, non debería ofrecerse primeiro este servizo para incentivar o cambio de automóbiles?