Chris Martenson é un investigador que tras unha carreira nos negocios farmacéuticos (foi vicepresidente de Pfizer e estivo na listaxe do Fortune 300) creou un seminario en vídeo chamado Crash Course que está a ter unha considerable difusión en Internet, e que foi traducido a outras linguas como o castelán. Nese curso por capítulos Martenson explica a situación económica desde unha perspectiva realista, achegada á realidade física na que se fundamenta a economía.
Marteson é un autor respectado no campo do estudo do Teito do Petróleo, sobre todo na relación deste fenómeno coa economía, e fai parte do Post Carbon Institute, o principal think tank a nivel internacional para a preparación social cara un mundo sen petróleo.
En Véspera de Nada quixemos traducir co seu permiso un recente artigo no que explica claramente a situación sen saída na que está a economía e a diferenza entre as opcións de política económica que se están a tomar no mundo e as que comprería na súa opinión tomar. A continuación, o seu artigo:
Como é o conto en realidade
Agora que volvín da miña viaxe polo Reino Unido, onde tiven a oportunidade de presentar a mensaxe central do Crash Course no Parlamento, na London School of Economics e a concelleiros e membros do Parlamento Escocés, veño cunha sensación aínda maior das verdadeiras dimensións da situación sen saída na que estamos e do que se debe facer.
Precisamos desesperadamente comezar a contarnos un novo conto, unha historia que polo menos encaixe nos datos coñecidos, e precisamos unha preparación moito máis urxente para un futuro que temos xa enriba de nós. E non é un conto para os EUA nin para o Reino Unido, senón un que se nos aplica a todos por igual, sen importar onde vivirmos. É o conto do mundo.
Un conto antes de durmir
As vendas de vivenda nova caeron en Xaneiro [nos EUA], afundindo ata os niveis máis baixos en case 50 anos. É algo que non me sorprende. A economía non vai ben, non se está a recpuerar, e escorrega por unha costa abaixo de débeda excesiva e por décadas de demasiada indulxencia e desequilibrios estruturais que nos van levar ben tempo amañar. E iso asumindo que non teñamos polo camiño choques exóxenos producidos pola escaseza do petróleo ou doutros recursos.
A pesar de todo o que está saíndo á luz e que revela os profundos defectos estruturais da nosa economía e das súas teorías principais, poucos nos medios e no goberno semellan ser quen de pillar o concepto de que o conto mudou e de que todo esforzo feito para perpetuar “o conto” só prolongará a agonía e empeorará as cousas.
Examinemos a evidencia:
Os economistas sorprendidos coa caída das vendas de vivenda nova ao nivel máis baixo en case 50 anos
Xoves, 25 de Febreiro de 2010
As vendas de casas novas caeron en picado, inesperadamente, en Xaneiro ao seu nivel máis baixo en case cinco décadas, fornecendo unha evidencia máis da fraxilidade do mercado inmobiliario.
As compras de casas unifamiliares caeron un 11,2% en Xaneiro con respecto a Decembro a una taxa anual axustada estacionalmente de 309.000, segundo informou o mércores o Departamento de Comercio. As vendas caeron en todas as rexións [dos EUA] agás no Medio Oeste, e o número bruto de novas vivendas no mercado elevouse por primeira vez en case tres anos.
“Non hai maneira de adozar estas cifras”, escribiu Mike Larson, analista de Weiss Research, nun comunicado aos seus clientes. “Son horribles”.
Estas cifras son as últimas nunha cadea de diversos indicadores acerca da saúde do mercado inmobiliario e anovan as preguntas sobre se o goberno federal debería seguir cos seus plans para rematar de contado as iniciativas que pretenden estimular as vendas. Eses esforzos inclúen un programa da Reserva Federal [Banco Central dos EUA] que axudou a baixar os xuros e unha dedución fiscal para primeiros compradores e outros.
É ese último parágrafo o que me amola. O goberno meteu decenas de milleiros de millóns de dólares en rebaixas fiscais e programas de modificación de préstamos nun intento de convencer máis xente para comparen casas (ou polo menos para facer que non as perdan), mentres a Reserva Federal leva gastado máis dun billón de dólares en comprar hipotecas no intento de facer baixar os seus tipos.
Por suposto, canto máis baixo o tipo de xuro, máis doado é que alguén poida permitirse pagar unha determinada casa. A regra aproximada é que por cada 1% de variación nos tipos de xuro, prodúcese máis ou menos unha variación do 10% na asequibilidade dunha casa. Así que o programa de merca de hipotecas da “Fed” debería en realidade chamarse “o programa para manter os prezos por riba do que a xente pode realmente permitirse”.
Chegados a este punto, pode que nos preguntemos se é axeitado en absoluto que o goberno/banco central sexa responsable de manexar o mercado inmobiliario desta maneira. Eu digo que non.
Apareceron outras malas novas no mercado das casas de segunda man, salientando aínda máis ata que punto as deducións fiscais inmobiliarias probablemente non fagan máis que acelerar unhas poucas compras.
As vendas de vivendas de segunda man caeron un 7,2% a niveis mínimos dos últimos 7 meses
As vendas caen en picado tras a primeira expiración da dedución fiscal
WASHINGTON (MarketWatch) – As vendas de casas e pisos nos EUA caeron un 7,2% en Xaneiro a unha taxa anual axustada estacionalmente de 5,05 millóns, o nivel máis baixo en 7 meses, e elevaron as preocupacións acerca da duración da recuperación inmobiliaria, segundo informou o venres a Asociación Nacional de Axentes Inmobiliarios.
As vendas de casas de segunda man caeron por dous meses consecutivos despois de ter aumentado de maneira continuada durante o outono apoiadas por un subsidio federal aos compradores da súa primeira vivenda. A caída do 16,2% en Decembro foi a meirande que se ten rexistrado nunca; a caída de Xaneiro, a segunda máis grande desde 1999, cando a asociación comezou rexistrar vendas consolidadas de vivendas unifamiliares e pisos.
Non só está claro que o mercado inmobiliario non ten aínda resolto a súa situación, senón tamén que calquera recuperación que houbera era debida principalmente á dedución fiscal.
Para ver de que vai o conto oficial, todo o que un(ha) ten que facer é ler calquera noticia acerca do mercado bancario. Nesta, onde se lamentan dunha aguda caída no nivel de préstamos bancarios, podémolo apreciar plenamente.
A caída dos préstamos é un asunto preocupante a medida que a economía comeza a se recuperar. As empresas van volvendo á plena capacidade, enchendo os postos de traballo baleiros con novos traballadores ou poñendo en funcionamento máis horas cada día os seus equipos. Pero para que a recuperación continúe, para que os negocios se expandan e o emprego medre, o crédito tamén debe comezar a se expandir.
Ben, é ou non é un bo lío sistémico no que nos temos metido? Para a nosa economía funcionar simplemente a nivel básico, o crédito “tamén debe comezar a se expandir”. Temos tragado no noso conto colectivo que o diñeiro ten que prestarse para crearse, e o autor ou auotra dese artigo ten toda a razón. Os créditos teñen que expandirse, pero a idea de que hai outros modelos económicos onde non é ese o caso queda fóra desa afirmación.
Non sería moito mellor termos un modelo económico que puidese funcionar ben, independentemente de se está en expansión ou mesmo en contración?
Todo isto acaba levándonos á pregunta de se estamos seguindo o conto correcto. Eu diría que a parte da historia que está interpretando o goberno/banco central é algo así:
“O mercado inmobiliario é un compoñente importante da economía que nos gustaría ver medrar máis rápido. Xa que logo, calquera cousa que poidamos facer para tentar rescatar o mercado inmobiliario é unha boa cousa. Se non actuamos, a xente perderá as súas casas, a economía minguará, e iso será políticamente impopular. Sen expansión do crédito, a nosa economía non pode funcionar. Mesmo aínda que os tipos baixos de xuro prexudiquen os aforradores e os prudentes, é máis importante que apoiemos artificialmente a expansión do crédito. Xa que logo as nosas accións están xustificadas.”
Teño certa simpatía por esta visión e comprendo como pode espallarse con emoción polos corredores do poder. É convincente, e dalles tanto aos políticos como aos burócratas a capacidade de exercer un enorme poder mentres semellan estar facendo algo.
Porén, eu teño outro guión para o conto, e evos así:
“A extrema escalada nos prezos inmobiliarios era soamente un síntoma da maior, e máis inconsciente burbulla de crédito da Historia, o impacto da cal se extende practicamente a todo tipo de activos. Un efecto da burbulla de crédito foi que vivimos moito máis alá das nosas posibilidades económicas durante case dúas décadas. Tentar soster esa situación insostible con aínda máis préstamos e impresión de billetes non é só probablemente imposible, senón que nos pon no risco da completa destrución do propio diñeiro. E o que é peor: o conto máis amplo (que estamos vivindo moi por riba da capacidade de carga da Terra) está a ser completamente ignorado.”
Son dous contos ben diferentes. Onde os gobernos de todo o mundo están tentando facernos retornar ao crecemento económico o máis axiña posible -calquera tipo de crecemento, a eles tanto lles ten- eu estaría buscando dirixir as nosas enerxías dun xeito moito máis enfocado.
As cuestións máis profundas da nosa Historia están agora xusto na superficie, e estamos a perder unha oportunidade para as explorarmos. Cuestións como “Canto é suficiente?” e “Cal é o rol da especie humana no planeta, como un máis dos moitos organismos vivos que forman un entorno complexo?” son críticas e requeren unha atención significativa.
Onde os economistas tradicionais meten a pata ata o fondo
O que ofrece o Crash Course é un marco para entender o mundo máis amplo. Podes adornalo con casos pasados, encaixar nel novos acontecementos, e utilizalo para facer predicións sobre o futuro. Ata o de agora, coido que ofrece tanto unha capacidade mellor de explicación como de predición con respecto á economía tradicional, o que significa que me resulta máis útil.
Estou lendo un libro fantástico que enfocou aínda máis agudamente as razóns para isto. Estou profundamente impresionado tanto pola mestría do autor sobre o asunto como por o seu lúcido estilo. Chámase The Origin of Wealth (A orixe da riqueza) e é de Eric D. Beinhocker.
O fulcro da primeira parte do libro é que a economía clásica se artellou ao redor dun enfoque matemático que fundamentalmente representa de maneira errada a natureza máis básica dun sistema económico, e daquela veu utilizando o tipo de matemáticas errado, e apoiando todo isto sobre asuncións profunda, probable e obviamente defectuosas acerca do comportamento humano.
A revelación máis importante é que a economía tradicional presume e modela a economía como un sistema pechado. Velaquí como o explica Eric:
Un sistema pechado é calquera conxunto definido de espazo, materia, enerxía ou información entorno ao cal nos interesa debuxar unha caixa e estudalo. O universo en si mesmo é un sistema, e dentro dese, o maior de todos os sistemas, un(ha) pode definir calquera cantidade de sistemas máis pequenos. Por exemplo, o noso planeta é un sistema, como o é o noso corpo, a nosa casa, ou unha bañeira chea de auga. Un sistema pechado é un sistema que non ten interacción ou comunicación con ningún outro sistema: non hai enerxía, materia ou información que flúa cara dentro ou cara fóra del. O universo en si é un sistema pechado. Non hai nada fóra do universo, non hai outro sistema alén dos seus límites co que poida interactuar.
O problema, por suposto, é que a economía non é para nada un sistema pechado. Sen enerxía, todo o diñeiro, desexos, e creatividade humana do mundo non terían o máis mínimo efecto. É bastante obvio que a economía é un sistema aberto. De novo, o que di Eric:
O segundo tipo de sistema é o sistema aberto, con enerxía e materia que flúen para dentro e para fóra del. Un sistema así pode usar a enerxía e a materia que circulan através del para loitar temporalmente contra a entropía e crear orde, estrutura e patróns durante un tempo. O noso planeta, por exemplo, é un sistema aberto; está situado no medio dun río de enerxía que flúe desde o sol. Este fluxo de enerxía permite a creación de moléculas grandes e complexas que á súa vez teñen permitido a vida, e a creación da biosfera que ofrece conxuntamente orde e complexidade.
A importancia deste modelo non pode ser esaxerada. Facendo a asunción de que a economía é un sistema pechado, os economistas quedaron liberados de ter en conta nunca os límites dos recursos: os outros dous ‘E’s [NdT: Enerxía e Ecosistemas?]. Isto representa un fallo colosal, e moito terá que mudar no campo da economía para que poida resultarnos útil nun futuro de recursos escasos. Unha cita máis:
Os sistemas pechados sempre teñen un estado final predecible. Aínda que poidan facer cousas impredicibles polo camiño, sempre, ao final, rematan nun equilibrio de máxima entropía. Os sistemas abertos son moito máis complicados. Ás veces poden estar nun estado estable, como de equilibrio, ou poden amosan patróns de comportamente moi complexos e impredicibles que están lonxe do equilibrio: patróns como o medre exponencial, o colapso radical ou oscilacións. Na medida en que un sistema aberto teña enerxía de balde, pode ser imposible predicir o seu estado final ou tan sequera se van chegar algunha vez a un estado final.
Así que non pensemos na nosa economía como unha colección de números e complicados produtos financeiros e confusas estatísticas. No canto, pensemos nela como un sistema que debe a súa complexidade e organización á constante entrada de enerxía útil de alta calidade e doutros recursos. Se sacamos esa enerxía e eses recursos, podemos predicir doadamente que imos perder unha certa complexidade e organización. Exactamente cómo e ónde, é máis difícil de predicir, pero a tendencia xeral do proceso cara unha perda de complexidade é ben doada de predicir.
E velaí o punto capital do asunto: ao ignoraren a importancia da enerxía no mantemento da estrutura de complexidade da nosa economía de sistema-aberto, os economistas fixeron moito máis mal ca ben. O risco que encaramos, o que ten atraído a tanta xente ás ideas contidas no Crash Course, é moi simple: unha gran e posiblemente súpeta perda de complexidade, cando (porque non hai dúbida que de pasará) o vasto subsidio de enerxía dos pasados 150 anos comece a desaparecer.
Xa que a nosa economía é un sistema complexo (e non un lineal), é virtualmente imposible predicir como se van desenvolver as cousas nun nivel preciso de detalle, pero podemos describir o proceso básico. Pensemos nunha onda impactando na praia: non podemos predicir cada remuíño turbulento ou anaco de escuma proxectado, pero o feito de que se erguerá, formará unha cresta e impactará para despois retirarse é algo que sabemos. De maneira semellante, a nosa economía está apoiada por un fluxo exponencialmente crecente de enerxía e recursos, como unha fermosa onda que se ergue, e podemos predicir claramente que pasará un punto de altura e estrutura máximas e que despois pasará caoticamente a un estado moito máis baixo e menos organizado, a non ser que se lle meta máis e máis enerxía.
Oxalá todos poidamos apreciar que este é un punto de inflexión na Historia, posiblemente o máis crucial dos que nunca houbo. Estamos a piques de participar nun experimento enorme, onde colleremos o sistema económico máis grande e complexo xamais inventado e farémolo morrer de fame sen o fluxo de enerxía exponencialmente crecente sobre o que foi enteiramente forxado.
É moi difícil esaxerar a trascendencia disto. Vai afectar literalmente a todo o que facemos.
E é por iso que non hai ningunha “solución” aí fóra. E é a razón pola que estou continuamente dándolle voltas á pregunta de “Que deberíamos facer?” porque moitas veces é formulada dun xeito que implica que o que se pregunta é outra cousa: “Que podemos facer para manter todo o que vemos agora arredor de nós?” A non ser que atopemos unha nova fonte de enerxía masiva e de gran calidade, non hai practicamente maneira de manter a nosa economía na súa forma actual.
E é por iso que eu afirmo que os vindeiros vinte anos serán totalmente diferentes aos pasados vinte. Non teñen necesariamente que ser terribles, pero certamente non van seguir unha traxectoria semellante.
É vital que comprendamos que non nos afrontamos a un problema, senón a una situación sen amaño. Os problemas teñen solucións, pero nas situacións sen amaño só tes consecuencias. Podes resolver os primeiros pero as segundas só podes xestionalas.
Xa que temos unha xigantesca situación sen saída nas nosas mans, e non podemos predicir como van evoluír ou desenvolverse as cousas cando o noso modelo económico comece a morrer de fame enerxética, a única resposta racional é tentar construír a resiliencia nos nosos sistemas operativos máis básicos e críticos.
Neste punto teño que dicir que sinxelamente non creo que haxa tempo para acadarmos novos e meirandes entendementos e esperarmos que penetren nas nosas principais institucións o suficientemente axiña. Penso que precisamos o triaxe [NdT: priorizar na atención médica entre as vítimas dun desastre, a aquelas que teñen máis probabilidades de sobrevivir, tendo en conta uns recusos dispoñibles escasos] e, a falta de mellor información, proporía concentrarmos os nosos esforzos nos nosos sistemas de soporte vital máis básicos, coa auga, alimentación, saneamento e enerxía nos primeiros chanzos da escada, e a sanidade, educación e outros servizos básicos no seguinte.
Conclusión
Comecei cunhas poucas historias interesantes acerca dos mercados inmobiliario e bancario para ilustrar ate que grao estamos aínda aferrados ao vello conto. Con cada día que pasa, con cada semana e mes que continuamos a malgastar un tempo precioso perpetuando o vello conto, estamos a nos poñer no grave risco dun crash súpeto e espantoso do noso sistema económico.
Sen unha economía que funcione, todos os nosos soños, esperanzas e desexos tecnolóxicos non terán lugar. Non imos coller o derradeiro petróleo de 10.000 metros baixo o chan, non teremos baterías cerámicas en cada garaxe, e non transitaremos gradualmente a unha nova economía. Non imos ter nada diso. En troques, o que máis probablemente imos ter será unha economía que irá de maneira continua a peor, e que por veces afundirá supeta e aterradoramente, paralizando as nosas mentes e minando a nosa vontade.
Sucederá todo isto, a non ser que desenvolvamos un marco diferente para interpretar a maneira en que o mundo funciona en realidade. Eu coido que non estaría mal simplemente centrármonos nos fluxos de enerxía, e namentres imos construíndo ese novo conto, sermos aforrativos no que usamos e convertérmonos en gardiáns coidadosos do que quede.
A enerxía eo todo
Esta é a razón pola que, na miña propia vida, me centro primeiro e principalmente en facer que o meu uso e fluxo de enerxía sexan tan redundantes, resilientes e tan baixos como poida. Coido que é tamén o axeitado para o mundo, pero tamén opino que vai resultar ser moi bo criterio económico tamén para min. Debemos converternos na mudanza que desexamos ver. Imaxino que se non podo mudar a miña propia vida, entón non ten sentido escribir ou dar charlas sobre isto como algo que outra xente debería considerar.
Cando tiven a oportunidade na charla que dei no parlamento británico, dei unha “solución” (máis ben unha “resposta”, pero á xente gústalle a palabra “solución”): propuxen crearmos unha organización nacional ou mesmo internacional para estudar a enerxía neta e os fluxos de enerxía. Debería estar extremadamente ben financiada para atraer aos mellores e máis brillantes, de maneira que puidésemos responder a preguntas tan sinxelas como: “Deberíamos illar retroactivamente as estruturas existentes, ou deberíamos construír un novo sistema de tranvía lixeiro?” Xa que só coñecemos a parte económica desa cuestión, non podemos responder á pregunta máis importante de todas: “Que é o que ofrece o meirande retorno enerxético para a enerxía investida?”.
Volvín da miña viaxe ao Reino Unido cunha perspectiva trascendental e nova da nosa situación sen amaño. Estou se cadra aínda máis firmemente convencido de que a nosa mellor oportunidade para predicir o futuro repousa nunha razoable comprensión de como se organiza a economía e o papel da enerxía en mantela organizada dese xeito.
Para ampliar:
- Peak Oil and Economic Growth (PDF da presentación de Martenson aos parlamentarios británicos)
- Podcast e MP3 desa presentación.
- Tanto Escocia como o Reino Unido no seu conxunto levan tempo analizando a situación do Teito do Petróleo a nivel dos seus parlamentos e gobernos. E non son os únicos países en estudar esta gravísima cuestión.
2 reflexións sobre “Como é o conto en realidade (Chris Martenson)”