O goberno británico convoca un cumio coas empresas, ante a preocupación polo ‘Peak oil’

Ministerio británico de EnerxíaPolo seu interese traducimos unha nova aparecida onte no xornal británico The Guardian: Energy minister will hold summit to calm rising fears over peak oil

Lord Hunt convoca os empresarios do Reino Unido para debater sobre a resposta gobernamental a calquera descenso brusco na produción mundial de petróleo.

O ministro de enerxía, Lord Hunt, vai reunirse cos empresarios mañá [por hoxe, día 22] en Londres nun intento de acougar os crecentes temores acerca das consecuencias que podería ter un corte súpeto do subministro de petróleo.

Nunha viraxe política significativa, o goberno aceptou abordar un maior traballo sobre o asunto de se o Reino Unido necesita tomar medidas para evitar o trastorno masivo que podería traer unha chegada rápida ao “peak oil”, o punto que marca o comezo do descenso terminal na produción mundial de petróleo.

Jeremy Leggett, o director executivo da empresa de enerxías renovables Solar Century, figura sobranceira do Grupo de traballo da industria británica sobre o peak oil e a seguridade enerxética, afirmou que o encontro, que terá lugar no Instituto da Enerxía, amosaba un novo e benvido sentido da urxencia.

“O goberno pasou de compartir a postura de BP – ‘quedan 40 anos de subministro, os mecanismos de prezos funcionan, non hai por que preocuparse’- a dicir ¡Contra!'”, dixo. “BP e outros están dicíndonos iso, pero moitos de vós, Virgin, Scottish and Southern, e outros estádesnos dicindo algo totalmente distinto. Non sabemos a quen crer. Fagamos unha avaliación axeitado do risco coa industria”, engadiu.

Ao encontro espérase a asistencia de executivos das empresas membros do Grupo de Traballo, incluíndo Virgin, Arap, Stagecoach, Scottish and Southern Energy, e Solar Century así como outros empresarios.

Oil CrunchA decisión de manter estas conversas veu despois de que o Grupo de Traballo da industria británica sobre o peak oil e a seguridade enerxética publicara o pasado mes un informe provocador, The Oil Crunch: a Wake-up Call for the UK Economy (A Crise do Petróleo: unha chamada de alarma para a Economía do R.U.), no que advertían dos perigos dun falso sentimento de seguridade.

Sir Richard Branson, fundador do Grupo Virgin, cuxas empresas de ferrocarril, aéreas e de viaxes son moi sensibles aos prezos da enerxía, advertiu de que a crisis que ven podería deixar pequena a crise do crédito. “Nos vindeiros cinco anos imos ver outra crise: a crise do petróleo. Desta volta, temos a ocasión de prepararnos. O reto é empregarmos ben ese tempo”, asegurou.

O goberno tiña minimizado previamente os riscos do Teito do petróleo despois de que un informe de Wicks no verán pasado descartara de feito a idea de que a demanda mundial puidese de contado sobrepasar a oferta.

Unha voceira do Departamento de Enerxía e Mudanza Climática confirmou a pasada noite que Hunt e un grupo de persoas alleas ao goberno pero relacionadas coa política enerxética ían manter conversas privadas e a porta pechada no Instituto da Enerxía. Pero a voceira minimizou a importancia da reunión, dicindo que o goberno sempre tomou os temas de subministro seriamente e que se reúne con diferentes membros da industria de maneira regular. “Facemos isto todo o tempo; é un encontro normal”, insistiu, engadindo que non había ningunha mudanza prevista na política do ministerio.

O tema do peak oil [Teito do petróleo] saltou o pasado novembro cando confidentes procedentes da Axencia Internacional da Enerxía explicaron que o problema tiña sido agachado deliberadamente durante un longo periodo. BP e outras empresas petroleiras insisten en que hai pouco perigo de que o mundo quede sen petróleo porque áreas novas como Brasil, e máis recentemente Uganda, están sempre abertas a ser desenvoltas. O director executivo de BP, Tony Hayward, cre que a demanda caerá a medida que suban os prezos, evitando calquera grave trastorno a causa do Teito do petróleo.

Pero a demanda disparada en China, India e Oriente Medio fixo subir o prezo do cru a máis de 80 dólares/barril e os prezos da gasolina no Reino Unido están preto de niveis record.

Amrita Sen, un analista petroleiro de Barclays Capital, cre que o prezo do cru podería pasar de contado os 100$ este ano e chegar a preto de 140$ para o 2015. Francisco Blanch, do Bank of America Merrill Lynch, especula con que podería chegar a 150$ en catro anos.

Leggett advirte de que todos estes escenarios poderían ser demasiado optimistas. El está convencido de que o Reino Unido debe prepararse tan axiña como sexa posible para unha siutación na que o petróleo sexa tan caro que existan graves atrancos para o comercio internacional e que a mundialización colapse.

O peak oil ou Teito do petróleo soía ser preocupación dunha pequena minoría, pero xa se creou un grupo parlamentar [no Reino Unido] para seguir o asunto e cada vez máis empresarios comezan a se preocupar por el.

Ian Marchant, director executivo de Scottish and Southern Energy, é un dos que cre que a demanda mundial de petróleo está a piques de sobrepasar a capacidade de producilo. No lanzamento do informe acerca do Oil Crunch, dixo: “Occidente leva malgastado moitísimo petróleo e o prezo vai subir: temos que para isto xa e comezar a usar o petróleo como un recurso escaso.”