‘As reservas mundiais de petróleo están infladas un terzo’, afirma o ex-asesor en xefe do goberno británico

Sir David KingSir David King, quen fora asesor científico en xefe do goberno británico, ven de afirmar que as cifras acerca das reservas mundiais de petróleo están esaxeradas nun terzo.

Segundo publicou hai uns días o xornal británico Telegraph, o ex-asesor do goberno e unha equipa de investigadores da Universidade de Oxford advertiron de que as estimacións sobre o petróleo convencional deberían rebaixarse a 850 ou 900 mil millóns de barriles de petróleo (lembremos que o mundo consome cada día máis de 80 millóns). Opinan que, como consecuencia, para 2014 ou 2015 a oferta xa non dará satisfeito a demanda mundial e se producirán desabastecementos.

A causa das cifras infladas que habitualmente manexan os gobernos e os organismos oficiais como a AIE é, segundo explican, que durante os anos 80 os países da OPEP aumentaron inxustificadamente as cifras declaradas para gañaren cotas de mercado. Afirman que isto é un segredo a voces pero que aínda así, as previsións oficiais que aseguran que hai petróleo aínda para moitos anos, agachan esa realidade.

Reservas declaradas da OPEP

Para empeorar a perspectiva do petróleo que lle queda á civilización industrial, acusan aos organismos oficiais de elaborar estatísticas dando por seguro que petróleos non convencionais como as areas bituminosas de Canadá van poder ter unha explotación técnica e economicamente viable, algo que eles e outros expertos poñen en dúbida.

O ex-asesor de Blair e de Brown aconsella aos gobernos prestaren máis atención aos expertos independentes á hora de definiren as súas políticas enerxéticas e recoñecer a importancia crítica das cifras manipuladas da OPEP. King afirma estar moi preocupado porque os gobernos occidentais non estean tomando en serio o problema do peak oil ou teito do petróleo mentres países como China están facendo todo o posible por acaparar tantas fontes de enerxía como lles é posible.