Por que pode ser inevitable a morte da civilización

Vimos de realizar a tradución dun artigo publicado hai agora 2 anos por Debora MacKenzie que ten a cada paso maior actualidade. Velaquí o texto:


Por que pode ser inevitable a morte da civilización

O Día do Xuízo. A fin da civilización. Na literatura e no cinema son abondosos os relatos de pragas, fame negra e guerras que estragan o planeta para deixar só uns poucos supervivintes arrabuñando unha existencia primitiva do medio das ruínas. Todas e cada unha das civilizacións que houbo na historia colapsaron, despois de todo. Por que había ser diferente a nosa?

Nos típicos escenarios escatolóxicos adoitar haber un golpe demoledor: un xigantesco asteroide, unha guerra nuclear a escala planetaria ou unha pandemia catastrófica (vid. “Acabará unha pandemia coa civilización?” [NdT: artigo da mesma autora publicado tamén en 2008 en New Scientist]). Porén, hai outra posibilidade arrepiante: e se a propia natureza da civilización fai que a nosa, como todas as demais, estea destinada a colapsar tarde ou cedo?

Uns poucos investigadores levan anos facendo afirmacións dese tipo. De maneira preocupante, recentes revelacións producidas en campos como a teoría da complexidade fan pensar que poden ter razón. Semella que unha vez que unha sociedade se desenvolve alén dun certo nivel de complexidade, vira cada vez máis fráxil. Co tempo chega a un punto no que mesmo unha perturbación relativamente menor pode facer que todo se derrube.

Algúns din que xa chegamos a este punto, e que é tempo de comezarmos pensar en como poderiamos xestionar o colapso. Outros insisten en que aínda non é demasiado tarde, e que podemos -debemos- actuar agora para manter a raia o desastre.

Mala xestión medioambiental

A Historia non está da nosa parte. Pensemos en Sumeria, no antigo Exipto e mais nos Maias. No seu exitoso libro de 2005 Colapso, Jared Diamond, da Universidade de California en Los Ángeles, botáballe a culpa da caída da civilización Maia e outras a unha mala xestión medioambiental, e advertía de que poderiamos ir polo mesmo camiño a non ser que optásemos por deixarmos de destruír os nosos sistemas de soporte medioambiental.

Lester Brown do Earth Policy Institute de Washington DC concorda. El leva tempo explicando que os gobernos deben prestar máis atención aos recursos medioambientais vitais. “Non é que haxa que salvar o planeta. É que hai que salvar a civilización”, advirte.

Outros pensan que os nosos problemas son máis profundos. Desde o momento en que os nosos antergos se estabeleceron en certos lugares para construíren cidades, tivemos que ir atopando solucións para os problemas que o éxito traía consigo. “Durante os pasados 10.000 anos, a resolución de problemas produciu unha crecente complexidade nas sociedades humanas”, di Joseph Tainter, arqueólogo da Universidade Estatal de Utah en Logan, e autor do libro O colapso das sociedades complexas en 1988.

Se a colleita falla porque a chuvia está mal repartida, construímos canles de rego. Cando se obstrúen polos sedimentos, organizamos equipos de dragaxe. Cando unha meirande colleita leva a unha meirande poboación, construímos máis canles. Cando hai demasiadas para ilas reparando informalmente, instalamos unha burocracia de xestión, e poñemos impostos á xente para custeala. Cando se queixan, inventamos os inspectores fiscais e un sistema para rexistrar os pagamentos. Este conto sabíano ben os Sumerios.

Rendementos decrecentes

Hai, así e todo, un prezo que pagar. Cada capa extra de organización impón un custo en termos de enerxía, a moeda común de todos os esforzos humanos, desde construír unha canle ata educar escribas. E a complexidade crecente, tal e como se decatara Tainter, produce rendementos decrecentes. A comida extra producida por cada hora extra de traballo -ou joule de enerxía investido por hectárea cultivada- decrece a medida que o investimento medra. Isto obsérvase mesmo hoxe en día no número minguante de patentes por dólar investido en investigación a medida que medra ese investimento en investigación. Esta lei dos rendementos decrecentes aparece por todas partes, dinos Tainter.

Para seguiren a medrar, as sociedades deben seguir resolvendo os problemas a medida que xorden. Porén, cada problema resolto significa máis complexidade. O éxito xera unha poboación máis grande, máis tipos de especialistas, máis recursos que manexar, máis información que manipular, e, ao final, un rendemento menor para o que investimos.

Co tempo, di Tainter, chégase a un punto no que toda a enerxía e recursos dispoñibles para unha sociedade son precisos soamente para manter o seu nivel de complexidade existente. Daquela, cando o clima muda ou hai unha invasión de bárbaros, as institucións, xa estiradas máis alá do posible, rachan e a orde civil colapsa. O que xorde é unha sociedade menos complexa, que se organiza a unha escala menor ou que é tomada baixo control por outro grupo.

Tainter ve os rendementos decrecentes como a razón subxacente do colapso de todas as civilizacións antigas, desde as primeiras dinastías chinesas ata a cidade-estado grega de Micenas. Estas civilizacións dependían da enerxía solar que podía ser colleitada por medio da comida, a forraxe e a madeira, e mais do vento. Cando isto se ten estirado ata o seu límite, as cousas derrúbanse.

Un proceso ineludible

A civilización industrial occidental fíxose máis grande e máis complexa do que ningunha outra antes, por medio da explotación de novas fontes de enerxía, especialmente o carbón e o petróleo, pero estes teñen límites. Hai cada vez máis sinais de rendementos decrecentes: a enerxía requerida para conseguir cada novo joule de petróleo está aumentando e aínda que a produción mundial de alimentos aínda está a medrar, precísase unha constante innovación para contrarrestar a degradación ambiental e as pestes e enfermidades que van evoluíndo: os medres do produto por unidade de investimento en innovación son cada vez menores. “Ao ser inevitable a aparición de problemas”, advirte Tainter, “este proceso en parte é ineludible”.

Ten razón Tainter? Unha análise de sistemas complexos levou a Yaneer Bar-Yam, director do New England Complex Systems Institute en Cambridge, Massachusetts, á mesma conclusión á que Tainter chegou desde o estudo da Historia. As organizacións sociais viran progresivamente máis complexas a medida que se requere delas que fagan fronte tanto a problemas medioambientais como aos retos procedentes de sociedades veciñas que tamén se van facendo máis complexas, explica Bar-Yam. Iso ao final leva a un salto fundamental no xeito de se organizar a sociedade.

“Para facer funcionar unha xerarquía, os xestores non poden ser menos complexos que o sistema que están a xestionar”
, di Bar-Yam. A medida que a complexidade medra, as sociedades engaden máis e máis capas de xestión pero, ao final da xerarquía, un individuo ten que estar pendente de todo o invento, e isto comeza converterse en imposible. Nese punto, a xerarquía dá paso a redes nas que a decisión está distribuída. Nós estamos nese punto.

O salto ás redes descentralizadas levou á extendida crenza de que a sociedade moderna é máis resiliente cós vellos sistemas xerárquicos. “Eu non prevexo un colapso na sociedade a causa da complexidade aumentada”, di o experto en prospectiva e consultor industrial Ray Hammond. “A nosa fortaleza reside no noso sistema de decisión altamente distribuído.” Isto, di, fai que as sociedades occidentais modernas sexan máis resilientes ca aquelas como a vella Unión Soviética, onde a decisión se tomaba de maneira centralizada.

Conectividade crecente

As cousas non son tan simples, di Thomas Homer-Dixon, especialista en ciencia política da Universidade de Toronto, Canadá, e autor en 2006 do libro The Upside of Down: Catastrophe, Creativity and the Renewal of Civilization. “Inicialmente, unha conectividade e diversidade que medran son útiles: se a unha vila lle falla a colleita, pode conseguir comida doutra vila onde non haxa ese problema”.

Segundo aumentan as conexións, porén, os sistemas en rede viran cada vez máis estreitamente enganchadas. Isto quere dicir que os impactos dos fallos poden propagarse: canto máis estreitamente dependan esas dúas vilas a unha da outra, tanto máis sufrirán se unha delas ten un problema. “A complexidade leva a unha meirande vulnerabilidade en certas maneiras”, di Bar-Yam. “Isto a maioría da xente non o entende.”

A razón é que a medida que as redes viran máis apretadas, comezan transmitir os shocks máis que absorbelos. “As intricadas redes que nos conectan estreitamente -e moven xente, materiais, información, diñeiro e enerxía- amplifican e transmiten calquera shock”, di Homer-Dixon. “Unha crise financeira, un ataque terrorista ou a aparición dunha enfermidade teñen efectos desestabilizadores case instantáneos, dunha punta a outra do planeta.”

Por exemplo, en 2003 amplas zonas de Norteamérica e de Europa sufriron apagóns cando fallaron nodos aparentemente insignificantes das súas respectivas redes eléctricas. E este ano China sufriu un apagón semellante despois de que unha intensa nevarada afectase as liñas eléctricas. As redes estreitamente xunguidas como estas crean o potencial para a propagación de fallos a través de moitas industrias críticas, di Charles Perrow da Universidade de Yale, unha autoridade líder en accidentes e desastres industriais.

A crise do crédito

Perrow di que a interconectividade no sistema mundial de produción ten chegado a un punto onde “unha crise en calquera sitio cada vez significa máis unha crise en todos os sitios”. Isto é especialmente certo nos sistemas financeiros mundiais, onde o enganche é moi estreito. “Agora temos unha crise de débeda co principal xogador, os EUA. As consecuencias poderían ser enormes.” [NdT: O artigo foi publicado en Abril de 2008, uns meses antes do punto álxido da crise das subprime.]

“Unha sociedade en rede compórtase como un organismo pluricelular”, di Bar-Yam, “os danos aleatorios son como mochar unha ovella.” Se a ovella sobrevive ou non, dependerá da parte que lle mochemos. A aínda que podemos ter bastante claro cales son os anacos que lle fan falta a unha ovella, non está claro -e pode que nin sexa predecible- que anacos da nosa civilización conectada densamente en rede son críticos, ata que sexa demasiado tarde.

“Cando facemos a análise, case todas as partes son críticas se perdes abondo delas”, di Bar-Yam. “Agora que podemos facer preguntas acerca deste tipo de sistemas de formas máis sofisticadas, estamos a descubrir que poden ser moi vulnerables. Iso significa que a civilización é moi vulnerable.”

Entón que podemos facer? “O aspecto chave en realidade é se respondemos ou non con éxito ás novas vulnerabilidade que temos”, di Bar-Yam. Isto significa asegurármonos en primeiro lugar de que a nosa ovella mundial non resulte ferida, algo que pode ser difícil de garantir a medida que o clima muda e os recursos mundiais de combustible e minerais se van esgotando.

Un sistema estreitamente enganchado

Científicos doutros campos tamén están advertindo de que os sistemas complexos son proclives ao colapso. Ideas semellantes teñen emerxido do estudo dos ciclos naturais nos ecosistemas, baseados no traballo do ecólogo Buzz Holling, agora na Universidade de Florida en Gainesville. Algúns ecosistemas vanse facendo máis e máis complexos ao longo do tempo: a medida que unha parcela dunha nova fraga medra e madura, as especies especialistas poden reemprazar a outras máis xeralistas, a biomasa acumúlase e as árbores, insectos e bacterias forman un sistema cada vez máis ríxido e máis estreitamente enganchado.

“Convértese nun sistema extremadamente eficiente para permanecer constante diante dun rango normal de condicións”, di Homer-Dixon. Pero unhas condicións inusuais -unha praga de insectos, o lume ou unha seca- poden disparar mudanzas dramáticas a medida que o impacto se espalla en cadea polo sistema. O resultado final pode ser o colapso do vello ecosistema e o seu reemprazo por un novo máis simple.

A mundialización está resultando ter o mesmo teso enganche e o máximo axuste dos nosos sistemas a un rango estreito de condicións, afirma. A redundancia está sendo sistematicamente eliminada a medida que as empresas van maximizando beneficios. Algúns produtos son elaborados só por unha única fábrica en todo o mundo. Financeiramente ten sentido, xa que a produción en masa maximiza a eficiencia. Por desgraza, tamén minimiza a resiliencia. “Temos que ser máis selectivos á hora de incrementar a conectividade e velocidade dos nosos sistemas críticos”, di Homer-Dixon. “Ás veces os custos superan os beneficios.”

Hai unha alternativa? Poderiamos ter en conta estas advertencias e comezarmos descender con coidado da escada da complexidade? Tainter só coñece unha civilización que conseguira declinar sen caer. “Despois de o Imperio Bizantino perder a maior parte do seu territorio a mans dos árabes, simplificaron a súa sociedade enteira. As cidades case desapareceron, a alfabetización minguou, a súa economía virou menos monetizada e trocaron o seu exército profesional por unha milicia labrega.”

Conxurando o perigo do colapso

Botar man do mesmo truco será difícil para unha sociedade máis avanzada como a nosa. Así e todo, Homer-Dixon pensa que deberiamos tomar medidas xa. “O primeiro, temos que promover a produción distribuída e descentralizada de bens vitais como a enerxía e a comida”, di. “O segundo, temos que recordar que a ineficiencia non significa sempre malgastar. Unha empresa fabricante que manteña un gran stock pode que perda algo de diñeiro en almacenamento, pero pode seguir a funcionar mesmo se os seus subministradores quedan temporalmente fóra de xogo.”

A industria eléctrica nos EUA xa comezou identificar puntos da rede que carecen de redundancia e están solucionándoo nalgúns deles, apunta Homer-Dixon. Os gobernos poderían promover que outros sectores segan o exemplo. O problema é que nun mundo de feroz competencia, as empresas privadas sempre incrementarán a eficiencia a non ser que os gobernos lles subvencionen a ineficiencia en interese público.

Homer-Dixon dubida que poidamos librarnos totalmente do colapso. Apunta ao que el chama estreses tectónicos que apuxarán o noso sistema ríxido e tesamente enganchado fóra do rango de condicións ao que se está axustando cada vez máis. Este tipo de estreses inclúe o crecemento da poboación, a fenda crecente entre os ricos e os pobres do mundo, a inestabilidade financeira, a proliferación armamentista, a desaparición de fragas e caladoiros de pesca, e mais a mudanza climática. Ao impoñermos novas solucións de tipo complexo caeremos no problema dos rendementos decrecentes, xusto cando esteamos quedando sen enerxía barata e abondosa.

“Este é o reto fundamental que afronta a Humanidade. Precisamos permitir unha crise saudable do funcionamento natural das nosas sociedades dun xeito que non produza un colapso catastrófico, senón que leve a unha renovación saudable”, di Homer-Dixon. Isto é o que sucede nas fragas, que son unha mestura de parcelas de crecemento vello e outras áreas novas creadas pola enfermidade ou o lume. Se o ecosistema dunha parcela colapsa, é colonizado e renovado por fraga máis nova procedente doutra parcela. Debemos permitir un derrube parcial aquí a acolá, seguido por unha renovación, afirma, máis que facer todo o posible para evitar o derrube aumentando a complexidade de tal maneira que a crise resultante disto sexa aínda peor.

Puntos de non retorno

Lester Brown pensa que estamos quedando sen tempo rapidamente. “O mundo xa non pode permitirse perder outro día. Precisamos unha Gran Mobilización, como tivemos cando a guerra”, di. “Houbo tremendos progresos nestes últimos poucos anos. Por primeira vez, comezo albiscar como podería xordir unha economía alternativa. Pero agora temos unha carreira de puntos de non retorno: cal virá antes, un salto á tecnoloxía sustentable ou o colapso?”

Tainter non está convencido de que mesmo a nova tecnoloxía poida salvar a civilización a longo prazo. “Por veces penso que iso é unha perspectiva de futuro ‘baseada na fe'”, explica. Mesmo unha sociedade reforzada con novas e baratas fontes de enerxía co paso do tempo afrontaría novamente o problema dos rendementos decrecentes. A innovación por si mesma podería estar suxeita aos rendementos decrecentes, ou se cadra a límites absolutos.

Os estudos acerca da maneira en que as cidades medran realizados por Luis Bettencourt no Laboratorio Nacional de Los Álamos, Nuevo México, apoian esta idea. O traballo do seu equipo suxire que se requere unha taxa de innovación cada vez máis rápida para manter as cidades medrande e para prever o estancamento ou o colapso, e que a longo prazo isto non pode ser sustentable.

O que está en xogo é moito. Historicamente, o colapso sempre levou a unha caída na poboación. “Os niveis actuais de poboación dependen dos combustibles fósiles e da agricultura industrial”, di Tainter. “Elimina iso e haberá unha redución na poboación da Terra que é demasiado horrible de imaxinar.”

Se a civilización industrializada efectivamente cae, as masas urbanas -a metade da poboación mundial- será a máis vulnerable. Moito do noso coñecemento gañado duramente hase perder, tamén. “A xente que ten menos que perder son os granxeiros que practican a agricultura de subsistencia”, observa Bar-Yam, e para aqueles que sobrevivan, as condicións poderían de feito mellorar. Se cadra ao final os mansos si que han herdar a Terra.

[Publicado nas páxinas 32-35 do nº 2.650 da revista británica de divulgación científica “New Scientist”, do 2 de Abril de 2008.]

3 reflexións sobre “Por que pode ser inevitable a morte da civilización