Esta semana tivemos a ocasión de participar nun momento decisivo para o camiñar do noso país cara a sustentabilidade: o concello de Teo en aplicación da resolución aprobada en agosto do 2009, constitui o Comité Técnico que ha estudar ata que punto o concello e os cidadáns se van ver afectados pola escaseza e carestía do petróleo (consecuencia de ter chegado este ao seu punto máximo de extracción a nivel mundial) e que tamén elaborará un Plan de medidas conducentes a minimizar as consecuencias deste feito.
Este Comité é o primeiro en toda Galiza e en todo o Estado Español en afrontar o traballo que xa outros municipios de países como Estados Unidos de América, Reino Unido ou Australia levan facendo desde hai algúns anos, unha vez tomaron conciencia da proximidade do fenómeno do peak-oil. Así dentro das denominadas Transition Towns e Post-Carbon Cities son cada vez máis as localidades pequenas, vilas medianas e grandes cidades que teñen desenvolto estudos de vulnerabilidade e plans de acción como os que agora pretende elaborar este comité teense.
A xuntanza foi o día 27 e dela deu conta o web do propio concello.
Lamentablemente, un feito de tanta trascendencia non foi recollido axeitadamente polos principais medios de comunicación galegos, que aínda fan ouvido xordos a un problema que leva meses ocupando páxinas nos xornais doutros países, como The Guardian no Reino Unido ou La Vanguardia en Catalunya.
Por suposto desde Véspera de Nada iremos informando dos avances deste grupo que de maneira aberta irá implicando a máis especialistas e tamén a persoas e colectivos do propio concello.
Para nós é unha grande responsabilidade, pero que asumimos con entusiasmo, poder colaborar co primeiro concello galego que olla de fronte a esta inminente e grave problemática. Agardamos poder achegar informacións e suxestións prácticas ao concello e aos seus cidadáns, entre os que tamén temos previsto facer difusión dun problema que malia ser aínda tan descoñecido entre o público, hanos afectar profundamente a todos e en todos os aspectos da vida. Sabemos que a participación de Xoán Ramón Doldán García, unha das persoas que máis leva feito por difundir o problema do Teito do petróleo no noso país, e que fai parte da denominada Economía Ecolóxica, dotará aos resultados deste Comité dunha perspectiva científica e social de primeiro nível.
Podemos aledarnos de que hoxe temos xa a primeira localidade galega que deu o primeiro paso para liberarse da dependencia do petróleo.
9 reflexións sobre “O Concello de Teo forma un comité para avaliar a vulnerabilidade fronte ao Teito do petróleo e planificar medidas paliativas”