Denantes escravos ca mortos?!

Overshoot (Extralimitación): as bases ecolóxicas dun cambio revolucionarioHai uns días que me botei a ler o famoso “Overshoot” que William Catton escribiu no 1980, e que a cada ano que pasa está de maior vixencia.

E lendo nel acerca dos escravos enerxéticos (todos creo que coñecemos a metáfora, popularizada por diversos autores) e acerca da Historia da Humanidade coa lúcida perspectiva ecolóxica que Catton lle dá… dei en xuntar 2 cuestións, que ata o de agora non vencellara eu: a futura (cercana?) desaparición deses escravos que nos fornece a enerxía fósil e a sobrepoboación.

Se partimos das seguintes premisas acerca do futuro (5, 10… 20 anos?):

  • Redución importante da enerxía fornecida polo petróleo, polo esgotamento das reservas (Teito do petróleo ou peak-oil) e pola caída da TRE
  • Insuficiencia doutras fontes de enerxía para substituir a tempo, completamente e en todos os sectores esa perda.
  • Sobrepoboación (é un feito desde hai décadas) a nivel mundial.

…non parece lóxico pensar que se substitúan boa parte (ou todos) deses escravos virtuais que nos fornece actualmente o petróleo, por escravos de carne e oso? Falo, claro está, do retorno da escravitude. Porque as elites do actual capitalismo non parece crible pensar que renuncien a seguir explotando minas (por poñer un exemplo) simplemente porque xa non hai combustible barato para mover as máquinas, sobre todo cando haberá millóns de seres humanos doutro xeito inútiles para o sistema, xa que non terán capacidade adquisitiva como consumidores nin haberá suficientes postos de traballo nunha economía en proceso de desindustrialización.

Escravos en Minas Gerais (Brasil), 1770Dentro desa lóxica, as democracias (ou esa pantomima que temos hoxe en día e que chamamos así) deberían ir sendo baleiradas de contido, e as posicións máis extremistas de dominación substituirían as actuais de explotación capitalista, para facilitar o retorno desa escravitude. Podemos pensar en que, como foi case sempre o caso, uns pobos escravicen a outros, pero tamén en que dentro de cada sociedade haxa persoas (persoas privadas previamente de liberdade? inmigrantes? persoas endebedadas?) que entren dentro desa neo-escravitude.

Pode soar moi duro, pero en termos enerxéticos coido que ten todo o sentido do mundo temer un futuro así. A algún pode terlle mesmo ecos de The Matrix, pero non falamos de ciencia ficción, senón de afrontarmos a realidade da situación ecolóxica actual que vive a Humanidade en base a milenios de experiencia histórica.

Aínda que hai precedentes antigos de abolicionismo do escravismo, os intentos só lograrán éxito a partir de fins do século XVIII e comezos do XIX. De modo, que algúns estudiosos, ligan este éxito á difusión do maquinismo como consecuencia da Revolución industrial. (Wikipedia)

Con esta cuestión gostaríame encetar un debate cos demais membros da nosa asociación e outros lectores/comentaristas do noso blog. Cal é a túa opinión? Pensas que o futuro descorrerá por aí?

13 reflexións sobre “Denantes escravos ca mortos?!