Hai un par de días sorprendíamonos lendo no blog financeiro Buttonwood’s notebook que fai parte do web de The Economist, unha reseña dun informe que falaba sobre o Teito do petróleo. Isto non soamente ven confirmar a impresión que se está xeralizando entre o movemento pola concienciación sobre o peak-oil de que este asunto está saíndo por fin á luz pública nos grandes medios, senón que analizando o contido do devandito informe hai outras boas novas: os propios axentes financeiros están comezando a recoñecer a realidade e os perigos de fondo que ameazan a economía mundial.
A reseña do informe titulado Dangerous Exponentials, publicado pola axencia de brokers Tullett Prebon e elaborado por Tim Morgan conta aos lectores de The Economist feitos para nós xa ben coñecidos, pero que non se adoitan ler con tanta claridade nese tipo de medios:
- Desque o sistema monetario internacional rachara co patrón ouro en 1971 hai certas variables a medrar exponencialmente: a débeda pública, a masa monetaria e a inflación.
- A poboación e a enerxía consumida a nivel mundial tamén levan tempo medrando exponencialmente, de feito medran en paralelo desque o sistema económico comezou a empregar masivamente o carbón e despois o petróleo.
- Cítase a Chris Martenson cando di que a poboación actual do planeta só se sostén grazas aos combustibles fósiles, nomeadamente o petróleo.
- O carbón (e despois o petróleo) permitiu fuxir do destino previsto por Malthus, permitindo producir comida con menos agricultores e desprazar a man de obra sobrante cara a crecente industria.
- Aínda que se van descubrindo novos recursos petroleiros (areas bituminosas, petróleo baixo augas profundas) o problema que fallan en ver a inmensa maioría dos economistas e dos políticos é que o seu rendemento enerxético é cada vez menor e o seu custo económico cada vez meirande.
- A riqueza da humanidade é unha función da TRE, e está caendo.
- A base das sociedades industrializadas non só está na dispoñibilidade de enerxía abondosa, senón de enerxía barata.
- As fontes alternativas de enerxía son insuficientes para invertir esta tendencia.
- O autor advirte de que o resultado desta tendencia é unha catástrofe económica.
- Os economistas ortodoxos (por contraposición aos ecolóxicos) non se fixan nos rendementos enerxéticos, e iso supón un verdadeiro burato negro que anula todo o seu aparato habitual de análise das dinámicas económicas e sociais.
Estamos diante do comezo do necesario troco de paradigma do pensamento económico? Aínda parece lonxe pero este tipo de pasos apuntan nunha boa dirección.
2 reflexións sobre “O Teito do petróleo nun blog de The Economist: os brokers comezan a falar claro”