As ‘crenzas’ dos economistas

Ás reflexións de Xoán Doldán en torno á concepción da Economía neste periodo histórico imos engadir as de George Mobus, enxeñeiro de sistemas e autor do interesante blog Question Everything. Polo seu interese, traducimos integramente o seu recente post titulado What economists believe: Left-Leaning Economists Say Spend-Baby-Spend:

George MobusCreo que Robert Reich é un dos máis intelixentes e elocuentes economistas que temos hoxe. Foi Secretario de Traballo na administración Clinton. Tan listo é que aconsellaría ao presidente incrementar a débeda pública para estimular o crecemento económico. Está ben acompañado por outros alumeados da Economía. Paul Krugman ven demandando un substancial aumento do estímulo gubernamental nos EUA desde hai bastante tempo.

Ambos os dous brillantes homes sonvos keynesiáns ata o miolo. É coñecido que John Maynard Keynes dixera que o gasto público podería ser empregado como instrumento para estimular o medre económico. O presidente republicán Richard Nixon adoptou a idea de que o goberno dos EUA deberían intervir nas condicións de mercado para evitar que a economía embotar e sinalou, ironicamente: “Agora todos somos keynesiáns”.

Hoxe, por riba disto, temos a Ben Bernanke, director da Fed [Reserva Federal] pedindo que NON diminúa o gasto do goberno. Iso manterá a economía no camiño á recuperación.

Ben, se o goberno tivese o diñeiro para gastar, entón ese enfoque parece que funcionaría. Mesmo aínda que o país tivese que entrar nunha débeda temporal para pagar a factura, estaría ben feito. Pero iso era antes; e agora é agora. O problema agora cos chamamentos de Reich e Krugman para un meirande estímulo é que a única maneira en que o goberno dos EUA pode gastar diñeiro neses estímulos é meténdose nunha débeda moito máis profunda. E como teño sinalado en varias ocasións, hoxe en día temos un verdadeiro problema con calquera clase de débeda. Pagar as débedas mañá (o plan) depende enteiramente do crecemento da economía real (fabricar cousas) e iso depende de aumentados fluxos de enerxía nun futuro para facer ese traballo. E velaí onde nos metemos no problema grave: o fluxo de enerxía vai declinar no futuro. Vid. The Future of Capitalism, Profits, and Growth.

E que tipo de economía pretenden estes economistas progresistas que se estimule para volver a medrar? Eles queren crear traballos para que os consumidores teñan cartos para saír a gastar de novo. En que o gastarán? Non importa, mentres gasten. O PIB é a marca que mide a saúde da economía. En tanto que o PIB medrar mes tras mes, todo estará ben. E vimos vivindo nunha economía dirixida polo consumo (máis do 70%!), e esa é a única caste de economía que poderíamos revivir. Así que o que estes economistas pretenden que suceda é que o goberno se endebede aínda máis para dar ás empresas incentivos monetarios de tal xeito que poidan contratar xente para que esa xente volva ter ingresos e así poidan saír mercar cousas e sobre todo servizos de tal xeito que outra xente poida ter de novo traballo e ter ingresos e así estes tamén poidan comprar cousas e… Esa é a fórmula do éxito.

Como todos os economistas neoclásicos estes tipos cren na versión de ciclo pechado da economía. O diñeiro produce diñeiro e mentres o subministro de diñeiro teña unha boa velocidade (por suposto acelerada) sen disparar a inflación, daquela a vida será boa. E iso é todo o que ten o seu modelo.

Aínda non se decataron do papel vital da enerxía como verdadeira moeda da actividade económica. Aínda non se dan de conta de que a diminución da enerxía neta que xa comezou vai converter en imposible facer MÁIS traballo no futuro tal que se poida pagar a débeda que temos contraída hoxe. En serio que non entendo por que eles non o entenden. Son listos dabondo. Teñen acceso a eses mesmos datos. Pero polo visto son auténticos crentes e só prestan atención aos datos e modelos nos que xa cren.

Unha vez máis quero afirmar que o inxenio (intelixencia + creatividade), que é unha características que moitas veces admiramos e gabamos, non abonda para entender a realidade que goberno o mundo. É á realidade física á que deberiamos prestar atención. E deberíamos deixar a un lado as crenzas ideolóxicas a prol do coñecemento científico desa realidade (mesmo se é un coñecemento provisional sempre será mellor ca unhas simples crenzas). Xa que logo, que é o que evita que homes e mulleres brillantes coma estes economistas dean coa comprensión da economía biofísica? É unha falta de sapiencia, ou polo menos unha inaxeitada sapiencia para manexar os complexos problemas que pretenden resolver. E se eles son o mellor que temos, que dicir da media!

Sei perfectamente que hai moita xente agora mesmo padecendo. Hai tempo que non teñen ingresos nesta situación económica. Crédeme cando vos digo que o meu corazón está con eles (teño amigos e familia nesta situación). Non me produce ningunha ledicia o sufrimento dos demais. Estou seguro de que a vós tampouco. Pero temos que afrontar unha realidade moi dorosa. Endebedarnos aínda máis hoxe non soamente empeorará as cousas nun futuro non moi afastado se o que planeamos é revivirmos unha economía baseada no consumo. Se estivese nos zapatos de Obama non estaría pelexando por crear empregos senón por facer unha lei de educación (se é que nos imos endebedar) que fose un investimento para algo realmente útil para a xente. Nomeadamente financiaría cursos de permacultura para todos os desempregados. Abofé. O mellor que lle podes ensinar á xente é como cultivar o seu propio alimento. Para os que están coa auga ao pescozo polas súas hipotecas, impulsaría un xubileo bancario, perdoando todas as débedas hipotecarias que a xente non puidese pagar. Claro que iso lles había doer aos bancos, así que pode que iso fixese que me asasinasen (!) pero temos que entender que esas débedas non van ser pagas nunca baixo ningún tipo de circunstancias, así que por que non deixar que os parados conserven as súas casas e aprendan a ocuparse de si mesmos? Por que favorecer aos banqueiros por riba dos cidadáns?

Ben, por suposto que a realidade politica vai evitar nada parecido a un enfoque racional para minimizar o sufrimento. Resulta irónico que os banqueiros ao final van acabar sufrindo máis aínda se obteñen unha saída a curto prazo dos nosos líderes políticos actuais. Imaxino que iso pode reconfortarnos. É moi simple. A débeda non se pode pagar a non ser que se consiga facer máis traballo no futuro do que se fai cando se crea a débeda. E iso non pode suceder porque xa pasamos o teito do petróleo e mais o teito da enerxía neta. E os nosos brillantes economistas non acaban de pillalo.