Cómo o ‘can de garda’ do petróleo mundial fallou na súa misión

A AIE enganou aos gobernos da OCDE por presións dos EUA. Esa é a conclusión dunha documentada investigación realizada por Lionel Badal que completa as revelacións xa feitas por medios británicos e das que xa nos fixéramos eco neste blog. O artigo que a continuación reproducimos traducido por Xoán Doldán e Manuel Casal, ven confirmar o que xa advertíramos en novembro pasado: todas as políticas dos países europeos estanse a basear en datos falseados!

Plataforma petroleira no Mar do Norte

As repercusión disto son enormes. Todas as actuacións da economía pública e privada dun país precisan enerxía. As planificacións de empresas e gobernos toman como base os datos que en relación á dispoñibilidade e custos da enerxía fornece a AIE, en cumprimento da súa función. Agora resulta que eses datos no relativo ao petróleo —soporte de máis do 90% do transporte, e vital en case todas as áreas da economía, incluíndo a produción e distribución de alimentos— eran intencionalmente enganosos e agachaban un feito que científicos independentes levaban anos tentando comunicar: o Teito do petróleo é unha realidade e estamos xa inmersos nel.

A continuación ofrecemos a tradución íntegra do artigo do investigador Lionel Badal, realizada e publicada co permiso do autor. O artigo foi publicado orixinalmente no blog do xornalista francés Matthieu Auzanneau en LeMonde.fr.


Cómo o can de garda do petróleo mundial fallou na súa misión

A Axencia Internacional da Enerxía leva enmascarando o Teito do petróleo desde 1998

25 de maio de 2010

Unha realidade incómoda

Hai 12 anos, a Axencia Internacional da Enerxía (AIE) descubriu que o teito do petróleo poría en perigo a prosperidade e a estabilidade das nosas sociedades. Si, eles sabían diso. Mentres que algúns funcionarios da AIE intentaron informar ao mundo sobre este acontecemento para mudar o xogo, parece que os demais tiñan prioridades diferentes.

En 1998, o equipo de traballo da AIE no influinte World Energy Outlook (WEO) fixo unha avaliación detallada e autorizada sobre o futuro da produción de petróleo. O equipo estaba composto polos mellores expertos do mundo da enerxía, entre eles Jean-Marie Bourdaire, coordinador do estudo, Ken Wigley, Keith Miller e o home que máis tarde se convertería en Xefe economista da AIE, o Dr. Fatih Birol.

Mediante o uso de bases de datos confidenciais e complexas técnicas, chegaron a unha conclusión dramática: o teito do petróleo, o momento en que a produción mundial de petróleo comeza o seu declive irreversíbel, podería acontecer ben antes de 2020, preto de 2014.

Gráfica do WEO 1998 da AIE

Colin CampbellAínda que a AIE afirma publicamente estar libre de calquera inxerencia externa, o equipo estaba baixo intensa presión e vixilancia. Como lembra o veterano xeólogo Dr. Colin Campbell, que aconsellou á AIE no WEO de 1998, nun punto Bourdaire tivo que deixar de chamalo da súa oficina na AIE cando a cuestión claramente se tornou “tan delicada” que non podía ser visto en contacto con el.

Formada tras as turbulencias da crise do petróleo de 1973 polos países ricos da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE), a AIE, un autoproclamado “can de garda do petróleo mundial” (1) , e o seu informe insignia, o WEO, son considerados como a fonte máis autorizada de información no sector enerxético. Para dicilo nas palabras da Axencia:

“Os gobernos e a industria en todo o mundo teñen vido a confiar no WEO ao fornecer unha base consistente sobre a que poden formular políticas e deseñar planes de negocio.” (2)

No entanto, en 1998, o membro máis influinte da Axencia, os EE.UU., non gustou nada do que viña no seu estudo. Un problema estrutural co petróleo identificado polo equipo da AIE poñía inequivocamente en dúbida a sustentabilidade do modelo económico actual. Durante o estudo, o equipo da AIE decatouse de en que medida o crecemento económico correlacionaba coa dispoñibilidade de enerxía abundante e barata. Así, unha vez que a produción de petróleo parase de crecer e aparecesen as tensións, o crecemento económico sería moito máis difícil de manter, se non imposíbel. O equipo da AIE foi realmente pisando ovos.

A fin de suavizar a rechamante mensaxe, a AIE engadiu un “saldo contábel” chamado “petróleo non convencional non identificado” que aparece de repente e sube partindo da nada en 2010 a 19,1 mb/d en 2020 (achegando convenientemente o suficiente como para anular a escaseza). O único problema era que os recursos de petróleo non convencional eran ben coñecidos. Este “punto de equilibrio” era na realidade unha clave para: a escaseza. O “saldo contábel” nunca existiu e nunca o fará. Un ex-membro do equipo da AIE a cargo desta WEO confirmoumo. Interesante tamén que a Energy Information Administration (EIA), o ramo de estatística do Departamento de Enerxía de EE.UU. (DOE), vai usar un subterfuxio similar en 2009, cando fala de “proxectos non identificados” enchendo a fenda do declive da produción. (3)

Felizmente, a historia non termina aí. Campbell tiña estado en contacto con un experto ambiental británico, o Dr. David Fleming, que por acaso era un colaborador habitual da revista Prospect. Como tal, cando o WEO 1998 (4) foi publicado, Campbell, que era plenamente consciente da mensaxe que contiña, explicoullo a Fleming. O 20 de abril de 1999, Fleming escribiu un artigo profético titulado “A próxima crise do petróleo?” (5). O artigo dixo claramente o que o equipo da AIE non puido escribir no seu informe:

“O último número do anuario WEO da Axencia Internacional da Enerxía, é un exemplo diso. Ten unha historia para contar, que vai afectar gravemente o futuro de cada home e muller na terra… A perspectiva dun choque do prezo do petróleo no inicio da próxima década altera profundamente a axenda económica e política actual. Os supostos de crecemento económico continuo e a baixa taxa de desemprego van ser botados por terra… Entón, porque a AIE non está a berralo? Como é o organismo político máis influinte no negocio petroleiro, atópase nunha posición delicada. Non pode desembuchalo sen máis. Non pode dicir: ‘Estamos vendo un grande e permanente déficit de petróleo, para o que non podemos ofrecer solucións’… A AIE revelou a situación mediante unha forma codificada.”

Da súa Sede en París, a AIE tiña activado unha potente e, no entanto, inoportuna alarma. Un sobresalto estaba a piques de sacudir aos autores do WEO 1998.

Parte II – A sombra dos EE.UU.

Conforme o revelado polo Dr. Colin Campbell, cando o informe foi publicado “a AIE, evidentemente, comezou a ter problemas serios” (6). Entón que aconteceu tras as paredes da Axencia?

Primeiro de todo, os elementos de alto rango do Goberno dos EE.UU. alporizáronse cando oíron o que tiñan feito un par de funcionarios europeos co WEO 1998. Cifrada ou non a mensaxe, o que saía da axencia con sede en París era inaceptábel para eles. O tipo de crise estrutural salientado no WEO 1998 ía ser enterrado e axiña.

Alén diso, é importante saber que o WEO 1998 saíu apenas un par de meses despois do International Energy Outlook (IEO) 1998, publicado desta vez pola Energy Information Administración (EIA) dos EE.UU. Ao contrario da AIE, a EIA nunca se preocupou en facer escenarios de produción de petróleo, os seus estudos sempre consistiron na modelización da demanda e, a continuación, supor que a produción a seguiría. Moi sinxelo, pero totalmente dubidoso. Deixando isto de lado, no IEO 1998, a EIA chegou a conclusións alentadoras e até declarou que:

“Os prezos do petróleo agárdase que se manteñan relativamente baixos, e os recursos non se prevé que limiten os aumentos substanciais na demanda de petróleo até 2020… En 2020, o consumo mundial de petróleo estímase que superará os 115 millóns de barrís por día.” (7)

Iso, claro, acabou por ser pura fantasía, máis a EIA engadiu:

“Hoxe existe un consenso xeneralizado de que os recursos non son unha restrición chave nos aumentos satisfactorios da demanda petroleira mundial para 2020.”

Ben, para grande desagrado da EIA, poucos meses despois a AIE diría e demostraría todo o contrario. Un pode imaxinarse a satisfacción que debeu ser para a EIA e o seu departamento anfitrión, o DOE. Un artigo de 2006 sobre as previsións da produción de petróleo e as metodoloxías do Dr. Roger Bentley (Universidade de Reading) e o profesor Godfrey Boyle (Open Univesity) falaba en termos similares de “a presión política dos EE.UU. e Canadá” (8) despois da publicación do WEO 1998.

Motivado polo que só pode ser descrito como a incompetencia e a arrogancia, elementos da Administración dos EE.UU., a continuación exercen unha forte presión sobre os dirixentes da AIE. Que é o que querían? O coordinador do WEO 1998, Bourdaire, tería que deixar a axencia. Mentres tanto, Wigley xubilouse e Miller tamén saíu da AIE. O equipo da AIE que escribira o WEO 1998, foi derrubado e o seu único “sobrevivente”, o Dr. Fatih Birol, que tiña agora o control do WEO, podería aprender moito destes acontecementos.

Na verdade, o WEO 2000 que el proxectou e dirixiu suprimiu calquera advertencia sobre un problema estrutural co petróleo:

“O Outlook (2000) ve a base mundial de recursos de petróleo suficientes para atender a demanda durante o período da proxección… Basta agardar que non se dea ningunha crise de abastecemento”.

A crise de abastecemento aconteceu. A pesar da crecente demanda, prezos máis elevados e grandes investimentos, entre 2005 e 2008, e por primeira vez na historia, a produción de petróleo convencional petrolífera deixou de crecer (9). Como prevía o equipo da AIE en 1998, estas tensións conduciron a un forte choque dos prezos do petróleo que enfraqueceu os alicerces dunha xa fráxil economía mundializada (10).

Mais, como conseguiu a Axencia explicar a súa reviravolta espectacular no WEO 2000?

Jean LaherrèrePor unha feliz coincidencia, en 2000, o Servizo Xeolóxico dos Estados Unidos (USGS) publicou unha extremamente optimista “Avaliación do petróleo mundial” que sería utilizada pola AIE de 2000 a 2006. Segundo o ex-funcionario da AIE que coñecín “a USGS anunciou reservas xigantescas baseadas nunha metodoloxía que é un auténtico lixo”. De facto, pouco despois da súa publicación, Jean Laherrère, o ex-subdirector de Total e un consultor de petróleo de renome, fixo unha análise pormenorizada da avaliación USGS e concluíu que:

“O debate anterior demostra que o novo estudo do USGS non respectou as probas dos últimos descubrimentos, tanto en termos de cantidades como en ratios… En suma, o novo informe USGS é enganador. É tamén representativo dos padróns normais desa altamente respectada organización” (11)

Laherrère engadiu, “Un fica a preguntarse se non hai unha segunda axenda oculta” (12) detrás das cifras do USGS. Dez anos máis tarde, agora sabemos que as estatísticas reais foron un 60% inferiores do que o USGS prognosticara (13).

É importante salientar que a ONG anticorrución Global Witness (GW), identificou outro feito perturbador na utilización da AIE da avaliación do ano 2000 do USGS. En 2005, veteráns xeólogos do USGS publicaron unha actualización da avaliacion de 2000 na que advertían de que os descubrimentos reais eran moito máis baixos do que o estudo orixinal esperaba. Pero tal e como foi descoberto por GW, a Axencia ignorou esta actualización mesmo cando foi publicada antes do WEO 2005. GW tamén revelaría que “a correspondencia coa AIE confirmaba que a Axencia estaba ao tanto da baixa taxa real de descubrimentos” pero non fixo nada. GW engadiu:

“Xa que unha das funcións principais da AIE é fornecer aos gobernos con información precisa a partir da cal poidan facer plans económicos, representar os datos desta maneira falsa era intelectualmente deshonesto… A excesiva confianza da Axencia, malia seren cribeis os datos, análises externas e fundamentos subxacentes que concordaban en suxerir unha aproximación máis precautoria, ten provocado un impacto mundial desastroso” (14)

Bentley e Boyle tamén foron quen de detectar “graves erros técnicos” no WEO 2000. (15)

Aínda que a AIE dixo aos seus estados membros no 2004 que os prezos do petróleo “asumíase que permanecerían sen variacións ata 2010, e entón comezarían a subir progresivamente ata acadar os 29$ en 2030” (16), no mundo real, os prezos comezaron a subir de maneira dramática. A medida que os prezos acadaban niveis record ano tras ano, os escenarios que fixera a Axencia viraban cada vez máis absurdos e difíciles de defender. Cando os críticos (17) comezaron a poñer en cuestión a fiabilidade dos informes da AIE, a posición do economista en xefe volveuse crítica.

Así foi que finalmente se decidiu que a AIE publicaría no WEO do 2008 unha análise detallada campo-a-campo das perspectivas da produción mundial de petróleo. En decembro de 2008 Birol recoñeceu que os WEO anteriores non estaban baseados máis que nunha “asunción global” (18), a cal, non era de estrañar que resultara ser demasiado optimista e polo tanto enganosa. De feito, unha década despois do equipo da AIE de 1998, a avaliación mundial que fixo a AIE no 2008 chegou a unha conclusión igual de triste (19). E unha vez máis, resultou que elementos da administración estadounidense (20) interviran para modificar a avaliación pesimista feita pola AIE.

As seguintes citas fornecen interesantes perspectivas da incómoda relación da administración USA cara o Teito do Petróleo:

“Hai, coido eu, abondosas evidencias, e algunha xente do DOE chegaron mesmo a dicilo explicitamente, de que a xente na xerarquía do DOE, baixo ambas as dúas administracións, entendía que había un problema e suprimiron o traballo nesa área… A mensaxe do teito do petróleo definitivamente son malas novas. Simplemente non hai maneira de adozalas…” (21) Dr. Robert Hirsch, autor principal dun informe sobre o Teito do Petróleo (22) para o Laboratorio nacional de tecnoloxía enerxética, do Departamento de Enerxía (DOE).

“(Steven Chu, Secretario de Enerxía dos EUA) era o meu xefe… El sábeo todo acerca do teito do petróleo, pero non pode falar do tema. Se o goberno anunciase que o teito do petróleo estaba a ameazar a nosa economía, Wall Street afundiría. El simplemente non pode dicir nada sobre iso.” (23) David Fridley, científico en temas de enerxía, Laboratorio Nacional Lawrence Berkeley do Departamento de Enerxía (DOE).

Parte III: O que non queren que saibas

Nas partes anteriores, vimos como a AIE foi silenciada cando emitiu unha sutil alarma acerca do futuro da produción mundial de petróleo. Unha cuestión crucial queda por aclarar: por que ten tanta importancia? Como pode ser este feito tan importante?

Ben, no seu rol de fonte de información con maior autoridade, a AIE enganou aos gobernos e empresas europeos declarando ata 2008 que os prezos do petróleo permanecerían baixos. Non o fixeron. Facendo isto, a Axencia fixo que as enerxías renovabeis parecesen pouco competitivas comparadas co petróleo. Como dixo o parlamentario suízo e membro da comisión parlamentar de enerxía daquel país, o Dr. Rudolf Rechsteiner, a AIE estivo de feito “retrasando o cambio a un mundo renovábel” (24). É de salientar que o denominado “can de garda do petróleo mundial” actuou cada vez máis como un celoso cabildo da industria do petróleo (25).

Así e todo, a AIE había pagar un alto prezo por isto cando unha competidora IRENA (Axencia Internacional da Enerxía Renovábel) foi posta en marcha en Xaneiro de 2009. O porqué disto?

Hans Jorgen Koch, subsecretario do ministerio danés de enerxía e mudanza climática, dixo que se tivera que crear IRENA pola simple razón de que a AIE non estaba facendo nada para actuar contra a mudanza climática e apoiar ás renovabeis. “Durante dez anos a AIE estivo subestimando a competitividade das fontes de enerxía renovábel”, afirmou. (26)

E agora a cuestión chave: foi a AIE simplemente incompetente ou estivo enganando deliberadamente aos seus estados membros europeos? Un artigo da BBC de 2004 achega un elemento de resposta:

“En público, o Sr. Birol nega que a oferta non vaia ser quen de cubrir a demanda crecente, especialmente procedente das boiantes economías dos EUA, China e India. Pero despois do seu discurso, pareceu trocar de canción… Cando BBC News Online lle fixo a pregunta de se ese xigantesco medre na produción era realmente posíbel ou máis ben un simple desexo, el negouse a contestar. ‘É vostede da prensa? Isto non é para vostede. Isto non é para a prensa.'” (27)

Por que había o economista-xefe da AIE agachar información crucial á prensa e ao público?

Aínda preocupa máis o feito de que cando o The Guardian destapou a historia do confidente da AIE (28) en novembro de 2009, Campbell publicou unha carta aberta a Terry Macalister, editor da sección de enerxía do xornal británico. Nela explicaba os feitos que rodearon o WEO de 1998 e afirmaba:

“Eu expliqueille isto (a “mensaxe codificada” do WEO 1998) a un xornalista (David Fleming) quen contactou co elemento dentro da AIE que agradeceu que esta importante mensaxe agachada saíse á luz.” (29)

Despois de ter lido aquilo con grande interese, inmediatamente quixen saber quen podía ser o “elemento dentro da AIE”. Para a miña sorpresa, Campbell contoume que ese “elemento” era Birol, quen aínda non ostentaba o cargo de poderoso economista-xefe da Axencia. Para verificar a información, reuninme con Fleming o 4 de decembro de 2009 en Londres. Fleming, un ecoloxista moi respectado, confirmoume a información.

Fatih Birol, economista xefe da AIESegundo explicou cando publicara o seu artigo en 1999, enviara unha mensaxe de email a Birol preguntando se aceptaría comentar o artigo. Birol chamouno e preguntoulle se aceptaría atoparse dunha maneira discreta. A petición de Birol, xuntáronse en segredo no Club Oxford and Cambridge de Londres para tomaren un té. Fleming lembraba perfectamente que entraron nunha sala silenciosa e cando Birol tomou asento, mesmo pareceu ollar sobre os seus hombros para comprobar que ninguén podería escoitar o que estaba a piques de dicir.

Entón, segundo Fleming, Birol díxolle: “Hai seis persoas no mundo que entenden isto” e parece que se estaba a referir a xente como Campbell. Fleming engadiu que Birol fixo esta confidencia sobre o seu artigo: “Ten razón”. Disque afirmou que o “petróleo non-identificado non-convencional” era en efecto un código, e que a OPEP non era probábel que nunca puidese cubrir a diferenza. Durante a conversa, Birol explicou que a AIE se vira na necesidade de facer aquilo e mesmo se queixou da interferencia dos EE.UU., ou así o lembra Fleming.

Fleming aínda gardaba unha boa impresión de Birol de cando falaran. Durante o seu encontro, Birol foi “moi perspicaz” e polo visto mesmo ofreceu a súa axuda. Cando lle preguntei a Fleming polo estado de ánimo que amosara Birol, e se lle parece ou non ansioso ou nervioso, Fleming dixo que “para nada”. Pareceulle “inxenioso” e “en boa forma”. Mesmo lembraba un chiste que fixera Birol: “Este é un club encantador, pero non moi animado que se diga”, un bo chiste segundo lembrou Fleming. [N.doT.: xogo de palabras entre lovely e lively]

A miña pregunta: por que o economista-xefe da AIE estivo dicindo publicamente desde 2000 que a produción mundial de petróleo podía medrar ata 2030, sempre e cando investísemos dabondo, mentres que en 1999 polo que se conta, secretamente, confirmaba que a produción mundial comezaría a declinar contra o 2014? Foi por que veu o que lle sucedeu ao seu anterior xefe cando tentou con valor informar aos estados membros da AIE da gravidade da situación?

Teño contactado co personal asistente de Birol na AIE e preguntado se querería comentar algo acerca do encontro con Fleming; a miña solicitude aínda está por contestar.

Un informe (30) encargado polo Departamento de Enerxía dos EE.UU. concluiu que precisaríamos 20 anos para prepararnos para o Teito do Petróleo, xa que de non o facermos afontaríamos “custos económicos, sociais e políticos sen precedentes”. Xa perdemos 12 anos vitais, cando máis imos perder antes de que comecemos a prepararnos para este acontecemento sen precedentes?

Tal e como tiven a ocasión de dicir recentemente na miña presentación sobre o Teito do Petróleo e a AIE diante da Comisión Europea, precísase urxentemente unha pescuda independente e exhaustiva sobre as accións da Axencia. Asemade, precísase considerar a posíbel creación dunha Axencia Europea da Enerxía verdadeiramente independente e trasparente.

O tempo estase a acabar.


Lionel Badal estuda un posgrao no King’s College de Londres (Departamenteo de Xeografía) e desde hai agora máis dun ano, ven traballando no tema do Teito do Petróleo. Lionel describe o seu traballo ata o momento con estas palabras: “A medida que entrevistaba expertos de ambas as dúas bandas do debate, o meu traballo íase convertendo axiña máis nunha pescuda dentro da industria do petróleo. O 10 de novembro de 2009 o xornal The Guardian publicou o artigo sobre o confidente da AIE que estaba maiormente baseado na miña investigación (“As cifras chave do petróleo foron distorsionadas por presión dos EUA, afirma un confidente”). O 22 e 23 de febreiro de 2010 solicitáronme para facer varias presentacións acerca do tema (“O teito do petróleo e a AIE”) no parlamento alemán a deputados, xornalistas e científicos (incluído un asesor político de British Petroleum). O xornal alemán Die Zeit escribiu sobre isto e máis recentemente, The Ecologist publicou un artigo acerca da miña investigación: “Como un estudante de 22 anos destapou a fraude do Teito do petróleo”.”


[Nota dos tradutores: aínda que no texto mantivemos o termo produción empregado polo autor, en realidade debería falarse de extracción, xa que o petróleo non se produce, senón que se extrae dunhas reservas finitas.]