Compartimos cos nosos lectores unhas reflexións do noso compañeiro Xoán R. Doldán, acerca das dificultades que atopamos os que tentamos concienciar acerca do Teito do petróleo a persoas aínda instaladas nun paradigma e modelo mental do mundo e da economía totalmente convencionais:
O escepticismo e a incredulidade será durante bastante tempo o gran problema co que nos atoparemos na divulgación do teito do petróleo. A idea do progreso continuado está fixado a ferro no noso cerebro e custa moito asumir que algo así poida suceder. O mellor dos mundos posíbeis, o fin da historia que remataba no capitalismo, foron fábulas que encerraban un discurso moral que asumía o discurso dominante do poder, a supervivencia do que mellor competía (o máis competente, que ese é o sentido primeiro da palabra), o forte (física, intelectual ou moralmente -dentro da moral capitalista-) tiña garantido o trunfo. Baixo estas premisas, o fracaso é unha cuestión individual e non colectiva (os famosos “perdedores” das películas ianquis, porque perderon na contenda), e a crise é algo resolúbel individualmente. Lembremos esa famosa sentencia que de cando en vez oímos a calquera: “non traballa o que non quere” “o que sobra é traballo”…mesmo dita en tempos coma este, e que converte aos afastados do mercado en culpábeis da súa circunstancia.
Moitos destes escépticos están na miña profesión (sic) e trato con eles a diario.
E agora vimos xente coma nós é dicimos: este mundo non é o mellor dos posíbeis, mesmo é bastante malo, mesmo esa abundancia material na que vivimos nestes anos (unha parte do mundo) foi unha fantasía, un atrezzo dunha representación que está a finalizar ou xa finalizou e que nos resistimos a abandonar. O capitalismo conseguiu unha bonanza para unha pequena parte da humanidade condenando ao resto e condenando ás xeracións futuras, chegando a poñer en grave perigo á xeración presente, e agora vai tocar volver a pousar os pés no chan e pensar en vivir cos recursos que realmente podemos utilizar sen facer perigar aos que veñan, e toca repartir cos que nunca gozaron desta bonanza. Debemos admitilo, en rigor somos uns agoireiros, e iso non gusta.
Creo que temos que ser conscientes (eu o primeiro) desta resposta. Non é doado chegar a asumir certas cousas que nós xa asumimos. E penso que temos que xogar con un discurso que sexa contundente á hora de explicar cara onde vai todo isto, pero tamén que deixe aberta unha certa esperanza. O outro sería como pedir que ademais a xente se resignase, cousa que tamén é condenada nesta sociedade. Realmente existe un dobre discurso: o que se resigna deixa de loitar sendo, polo tanto, condenado por non sobrepoñerse a unha situación persoal e saír “triunfante” na loita, e, por outro, cando é ineludíbel a súa marxinación no sistema pídeselle que se resigne porque a loita xa se convertería nunha loita antisistema e iso é considerado pura delincuencia. Acho que temos que incidir en que existe unha certa inevitabilidade no fin de (cando menos) o sistema enerxético actual e con el o fin de (cando menos) o actual modo de produción (que é o mesmo que dicir o fin do capitalismo). Incidir en que isto significa un cambio de civilización, ou sexa, do conxunto dos carácteres propios da vida material e cultural dun pobo civilizado ou dun período determinado na historia da sociedade, neste caso ese pobo somos nós e ese período histórico e este. E como todo cambio de civilización (e xa houbo uns cuantos ao longo da historia, o capitalismo supuxo un deses cambios) o tránsito non estará exento de problemas. Sabedores deles toca concienciarse e rebelarse para marcar o camiño por onde deberemos ir e non por onde nos queren levar aqueles que se resisten a seguir mantendo os privilexios dunha pequena caste en detrimento de todos os demais, e o que virá é unha incógnita pero desvelala depende de todos nós e o que haxa será distinto pero non necesariamente peor porque as normas e valores de que nos dotemos apreciarán (lit. poñeremos prezo) outras cousas que agora non apreciamos e desprezarán (lit. quitar ou reducir o prezo) outras que agora valoramos moito.
2 reflexións sobre “O escepticismo e a incredulidade diante do teito do petróleo”