Serias advertencias de Siemens a Irlanda sobre o impacto do Teito do petróleo na súa economía

Aínda que sen mencionar expresamente o Teito do petróleo polo seu nome, a empresa Siemens ven de lanzar un serio aviso á economía irlandesa. Segundo as súas previsións —calificadas como optimistas polo ODAC, quen trasmitiu onte a noticia no seu boletín semanal— os altos prezos do petróleo e do gas natural restarán un 7,5% ao crecemento potencial do PIB do país.

Logo Siemens

Galiza debería ollar no espello irlandés e aplicarse o aviso. A nosa dependencia do petróleo importado é análoga á irlandesa, que é dun 80%. Se unimos estes cálculos aos avisos dos xeológos e outros expertos sobre a inminencia dun declive irreversible da oferta de petróleo, comprenderemos que a recuperación económica, en termos de aumento do PIB, é totalmente imposible.

O informe advirte de que:

Os prezos do petróleo é probable que aumenten a medida que os subministros minguen e as economías emerxentes consuman máis, ao tempo que os prezos poderían dispararse de súpeto debido a raíz de desastres naturais, tensións políticas ou guerras.

E engade que a xente máis pobre será a máis afectada, e moitas industrias, como o sector turístico, han sufrir dunha maneira desproporcionada a medida que a xente renuncie ás viaxes de lecer.

As recomendacións do director de operacións de Siemens para Irlanda, Werner Kruckow, inclúen investir en:

  • Aforro enerxético: edificios e fábricas máis eficientes enerxeticamente, p.ex.
  • Anovar a rede eléctrica irlandesa.
  • Enerxías renovables: p.ex. ondimotriz e eólica.
  • Maximizar a electrificación de coches, trens e autobuses.

O ODAC sinala que o informe da empresa reflicte claramente os seus intereses comerciais, pero dalle a benvida nun momento en que as políticas públicas se están a basear en supostos enerxéticos irreais.