Líamos onte no Guardian a reseña dunhas teorías que inciden nalgo que xa tiñamos albiscado por aquí: a posibilidade de que o Estado do Benestar sucumba non só ás presións neoliberais senón á propia carencia de enerxía implícita no irreversible descenso enerxético.
Segundo Steven Toft, director da empresa de consultoría Crucible, a provisión de servizos público pode que tocara teito e que o chamado Estado do Benestar sexa un fenómeno puntual na historia, que terá durado apenas unha xeración. Tras a II Guerra Mundial o gasto público medrou máis dun 400% en países como o Reino Unido.
Segundo outro blogueiro e consultor, Adil Abrar, estamos no Peak State (o Teito do Estado), usando termos análogos ao Peak Oil (Teito ou Cénit do petróleo), que estaría na base do declinar irreversible do Estado. Ao haber cada vez, a partir de agora, menos petróleo, máis custoso de obter e —xa que logo— que achegará menos enerxía neta á sociedade, os recursos dispoñibles para o conxunto da economía, da sociedade, e dentro delas o aparato estatal centralizado, serán cada vez menores.
A maioría da xente, explican no artigo, asume que unha vez que remate a crise economica, e a economía volva medrar outra vez, as cousas volverán á normalidade. Porén, a teoría do Teito do Estado predí un futuro ben distinto.
As perspectivas para as finanzas públicas do Reino Unido son xa escuras. Pagar a débeda do país, que o FMI estima que será de preto do 100% do PIB para 2014, calcúlase que leve décadas. Se engadimos a iso a débeda privada, o futuro é aínda máis negro.
Como advirte un recente informe baixo o título de Reflections on Public Service Reform in a Cold Fiscal Climate, o mantemento dos servizos públicos no seu nivel actual é insustentable, e precísase un redeseño do sistema para facer o máis posible con menos recursos: isto implicaría eficiencia, innovación, colaboración…
Pero as posibilidades desas estratexias están limitadas polos propios límites do planeta, comezando polo Peak Oil: a vida tras o Teito terá que ser máis austera, especialmente para os que dependan dos servizos públicos.
O principal problema que se advirte neste tipo de estudos é que os cidadáns non están preparados para isto, e a medida que as posibilidades de prestarlles servizos minguan, as súas expectativas e demandas medran. A xente non está preparada para os axustes á baixa necesarios en moitos campos da vida. Esta será a principal dificuldade á que terán que facer fronte os responsables públicos, meirande mesmo que a dificuldade inherente a sacaren o mellor partido posible dos minguantes recursos físicos e enerxéticos.
6 reflexións sobre “O ‘Teito do Estado’? O declive terminal do Estado do Benestar”