Hoxe, 21 de agosto, a Humanidade entra en déficit ecolóxico

A día de hoxe temos gastado todos os recursos que produce anualmente o planeta, e xa que logo viviremos ata fin de ano xerando un déficit que pagaremos no futuro, ou roubándolles aos nosos fillos, que é outra maneira de velo.

Este é o déficit ineludible que condicionará no futuro inmediato á nosa especie, moito máis relevante para a humanidade que os déficits monetarios. Porén, non veremos esta nova nos telexornais nin nas cabeceiras dos principais xornais. A nosa sociedade segue miope perante os condicionantes físicos da súa subsistencia, cega diante dos límites dun planeta finito, cuxos recursos xa sobrepasamos vivindo de prestado. E isto non pode durar.

Día da débeda ecolóxica 2010

A New Economics Foundation británica ven facendo este cálculo do déficit ecolóxico anual desde hai varios anos, e constantan que a data en que entramos en números vermellos cada vez se adianta máis. De feito o adianto é dun mes enteiro este ano con respecto ao anterior, malia a recesión económica mundial, o que tamén reflicte unha mellora no sistema de estimación que empregan conxuntamente con Global Footprint Network, unha organización de pescuda ecolóxica estadounidense.

Os responsables deste informe sinalan absurdos como as 131.000 toneladas de chicle que o Reino Unido exportou en 2009 a España mentres se importaban 125.000 desde España.

Débeda ecolóxicaOu que o esgotamento de caladoiros de pesca, de bosques ou de biodiversidade aínda conte como medra do PIB dos países europeos. Alertan sobre os efectos negativos de contar o sobreconsumo de recursos como algo positivo nos balances económicos, e compárano cunha familia que vende as xoias da familia para pagar as facturas das súas tarxetas de crédito e pensa que as súas finanzas van ben. Se una persoa gastase en 9 meses todos os seus ingresos dun ano debería estar moi preocupada, afirman. De feito alertan sobre os sinais de esgotamento que envía a natureza (entroutros, a mudanza climática) e que indican que non podemos proseguir con este sobreconsumo, que xa vivimos fóra das nosas posibilidade: a Natureza vainos embargar.

Xa que logo fan un chamamento para realizarmos unha Gran Transición que reconstrúa a economía sobre outros fundamentos, liberándonos do sobreconsumo e sen socavarmos os ecosistemas dos que depende a supervivencia da nosa especie.

6 thoughts on “Hoxe, 21 de agosto, a Humanidade entra en déficit ecolóxico