David Murphy e Charles Hall, dous científicos coñecidos polos que seguimos o blog máis respectado a nivel mundial acerca do Teito do petróleo, presentaron no recente congreso anual de ASPO-USA un estudo no que confirman o que xa se tiña advertido repetidamente: a causa do Teito do petróleo, é imposible seguir crecendo economicamente. Ou dito doutra maneira: desta crise non imos saír. Será a Crise, a derradeira.
A continuación resumimos a súa argumentación, sobre a que podedes ler máis nun artigo publicado hai un mes en The Oil Drum e nunha entrevista radiofónica realizada a David Murphy tras a súa presentación no devandito congreso:
É factible volver a longo prazo ao crecemento económico?
- Todas as teorías económicas explicativas dos ciclos e que tentan achegar receitas para saír das recesións, asumen que é posible volver a unha economía cuxo PIB medre.
- Por primeira vez na Historia preténdese volver ao crecemento nun contexto de subministro decrecente da principal fonte enerxética do sistema económico.
- Existe unha gran correlación entre o crecemento económico e o consumo de enerxía.
- Recesión de 1973: altos prezos do petróleo -> menor consumo de petróleo -> menor PIB -> RECESIÓN.
- Recuperación de 1975: baixos prezos do petróleo -> meirande consumo de petróleo -> meirande PIB -> RECUPERACIÓN.
- Non é soamente o acceso á enerxía o que permite o crecemento económico, senón que a enerxía sexa asequible (barata).
- Xa que logo, para ter crecemento económico precisamos que se dean 2 condicións:
- Ter os recursos enerxéticos precisos.
- Telos a un prezo barato.
- Se non se dá algunha desas condicións o crecemento económico non é plausible a longo prazo.
- Os custos económicos do petróleo medran exponencialmente en función (inversa) do seu EROI (calidade enerxética: enerxía neta que obtemos de cada tipo de petróleo). É dicir, a petróleo máis difícil de obter -> prezos máis caros.
- O EROI do petróleo está a caer inevitablemente -> só podemos agardar prezos cada vez máis caros a longo prazo.
A nosa economía está a funcionar actualmente así (xa nolo explicaba Xoán Doldán hai algún tempo):
- O crecemento económico aumenta a demanda de petróleo.
- A maior demanda fai que se extraia novo petróleo, máis difícil de obter, cun menor EROI.
- Esa crecente dificuldade de extraer petróleo, tradúcese nun prezo máis alto.
- Custos máis altos do petróleo, fan que a economía se ralentice e mesmo se contraia.
- A contracción económica fai que diminúa a demanda.
- A demanda máis baixa, fai que baixen os prezos (NOTA de Véspera de Nada: aínda que quedan nun nivel máis alto do inicial do ciclo).
- Os prezos máis baixos do petróleo, permiten que comece un novo ciclo de crecemento.
A diferenza dos ciclos que coñeciamos ata o de agora, a tendencia de fondo destes ciclos volátiles non é a medrar o PIB, senón a estancarse ou mesmo a caer.
Entramos nun paradoxo do crecemento: manter un crecemento económico requere que extraiamos petróleo de novas fontes, pero as únicas que van quedando son as que implican uns custos máis elevados, e polo tanto as que impiden o crecemento económico.
Xa que logo, os que pretenden descartar o problema do Teito do petróleo dicindo que existen enormes reservas no fondo do mar, nos Polos, nas areas bituminosas, etc. non se decatan de que en termos de crecemento económico, simplemente dispormos de petróleo non é suficiente: debemos ter petróleo barato se queremos que a economía medre, e a realidade é que se nos está acabando o petróleo de calidade, o petróleo barato.
Este estudo demostra que os límites ao crecemento existen e xa son palpables a escala mundial. Negalos só traerá máis sufrimento do necesario ás nosas sociedades: debe recoñecerse publicamente que é imposible seguir a medrar e estabelecer novas metas para unha economía diferente, que encaixe dentro das posibilidades enerxéticas do planeta, e por suposto ao servizo do conxunto da Humanidade e da súa supervivencia.
4 reflexións sobre “Demostran que é imposible volver ao crecemento económico”