Empresarios demandan ao goberno británico un plan de continxencia para o Teito do petróleo

ITPOES - capa do novo informe presentado hoxeO ITPOES, lobby industrial británico que conta entre os seus membros con coñecidos empresarios como Richard Branson ou Brian Souter, volveu reclamar do goberno británico un plan para facer fronte ao impacto do Peak oil.

Nun informe presentado hoxe e titulado Peak Oil – implications of the Gulf of Mexico oil spill advirten de que a combinación dunha demanda de petróleo en auxe e os retrasos no subministro a raíz do accidente do Golfo de México, poderían poñer o barril de petróleo nos 100$ de aquí a 5 anos, con impactos devastadores para as economías dos EE.UU. ou do Reino Unido, así como doutras partes do mundo. O informe estima que preto do 30% do novo petróleo que se extraia para o 2015 virá de augas profundas.

O lobby reclámalle ao goberno que acelere o desenvolvemento de tecnoloxías enerxéticas verdes que permitan ao país reducir a súa dependencia do petróleo axiña, e para isto indican que é preciso ir máis rápido do que apuntan os obxectivos na loita contra a mudanza climática.

O informe ven explicar que o desastre do Golfo de México veu empeorar as perspectivas de medre dos prezos do cru, xa que se calcula que retrasou novos proxectos extractivos uns 6 meses e engadiu presión sobre o subministro mundial. Segundo Branson, fundador do grupo empresarial Virgin, o desastre aumentou as probabilidades dun oil crunch nos vindeiros 10 anos, algo do que xa outras instancias oficiais teñen advertido, comezando pola propia AIE ou os servizos de prospectiva dos exércitos estadounidense e alemán, por non mencionar empresas, científicos e organizacións independentes.

Advirten de que cuestións como a dependencia case absoluta do transporte con respecto ao petróleo fan que malia estar nunha época de recortes e austeridade, o Reino Unido non se pode permitir deixar de incentivar as enerxías alternativas e un cambio no comportamento enerxético se quere protexer os negocios, os cidadáns e o medio ambiente.

Segundo Branson, as consecuencias para o emprego, o medre económico e a estabilidade do país poden ser equivalente ás do credit crunch do 2007. E esta vez hai que previlo, advirte. O informe avisa: Estámonos quedando sen tempo.