Líamos hoxe que o parlamento británico ven de sacar un informe á luz pública onde se suxire un sistema de racionamento enerxético para facer fronte á previsible futura escaseza de combustibles, e de paso cumprir os obxectivos de redución de CO2.
O sistema proposto no informe polo think-tank The Lean Economy Connection para poñer isto en práctica, denomínase TEQ e funcionaría a base de tarxetas electrónicas que irían contabilizando os créditos de enerxía que cada cidadán tería e que serían de balde, pero que se irían gastando cada vez que se mercase un combustible, gastando máis se son enerxías non renovables. Aparte, terían que pagar o prezo do combustible. Cando se rematasen, os cidadáns terían que mercar outras cotas doutros cidadáns que gastasen menos. Isto poñería un tope á demanda en tempos onde a escaseza de oferta podería disparar os prezos nun mercado enerxético como o actual, ao tempo que aseguraría un abastecemento mínimo a todos os cidadáns.
Habería un comité estatal encargado de repartir semanalmente as cotas TEQ: un 40% de balde para os cidadáns e un 60% que sería subastado a modo dos bonos do Estado.
O informe foi encargado polo All Party Parliamentary Group on Peak Oil, a comisión parlamentar británica sobre o Teito do petróleo. Outra vantaxe do sistema proposto sería incentivar os modos de vida de baixo consumo enerxético e que usasen preferentemente enerxías renovables. O Reino Unido marcouse un obxectivo de reducir as súas emisións de anhídrido carbónico para 2020 nun 32% con respecto ás que producía en 1990. O informe considera que non é realista pensar en acadar ese obxectivo sen limitar o consumo enerxético, mesmo aínda que as enerxías renovables se desenvolvesen ao máximo.
En Australia tamén se está a experimentar cun sistema análogo.
O Financial Times fíxose eco da nova, salientando a súa relación co Peak oil.
3 reflexións sobre “O Reino Unido está a considerar o racionamento de combustibles”