Xoán Doldán explícanos como funciona o mercado que determina o prezo pagado por cada barril de petróleo. Algo moi oportuno, vista a desinformación circulante e os picos actuais dos prezos, que se engaden a unha tendencia ascendente continuada:
Malia que os economistas nos emperremos en que isto noso é unha ciencia só o é nalgunha cousas e cando se quere, noutras somos magos da chistera, noutros feirantes que vendemos pocións, noutras vestimos bata branca, montamos clínica e facemos de médicos sen estarmos titulados. Así que algo de ciencia e algo de fantasía, pesando máis unha cousa ou outra segundo cada quen. Por iso os prezos como case todo en economía, non obedecen a leis fixas do mercado do que saibamos todo, predicíbeis e mensurábeis. Dependerá de moitas cousas: existe información perfecta?. Nunca, de modo que canto menos perfecta máis inestabilidade na predición. Existe libre concorrencia nos oferentes?. Nunca, de modo que segundo se regule ou determine pode suceder unha ou outra cousa. Calquera pode ser demandante?. Nunca, depende entre outras cousas da capacidade adquisitiva de cada quen e do acceso ao mercado, o que influirá dun ou doutro modo nos prezos. Existe sempre racionalidade na elección? Nunca, a suposta racionalidade non é outra cousa que unha suma de elementos subxectivos e obxectivos non sempre previsíbeis.
E aquí temos o petróleo. Oferta oligopolista do petróleo cru, que predetermina prezos base. Oferta oligopolista no refinado, que predetermina prezos base. Oferta oligopolista na distribución, que predetermina prezos base. Intervención dos estados en orixe e en destino, con taxas, impostos. Produto estratéxico sometido a estratexias de xeopolítica mundial. Información distorsionada polos produtores, os refinadores, os distribuidores, os estados, as axencias de intelixencia. Mercados puramente especulativos, desde os bolsistas até os de futuros, que fixan prezos non en función de condicións obxectivas de oferta dispoñíbel e demanda previsíbel, que tamén, senón ademais en función de alteración artificial da oferta, inxectando petróleo ou retirándoo segundo convén co único obxectivo de xogar cos prezos e buscar máximos beneficios, e alteración artificial da demanda, incrementándoa ou reducíndoa mediante compras extemporáneas que anticipan consumos futuros incrementándoos ou reducindo demanda presentes deixando de facer novas compras ao poñer no mercado compras xa feitas no pasado. Facemos unha ecuación con todas estas variábeis e vas ver ti o que sae!
O que acho menos cuestionábel son dúas cousas:
- a previsión da oferta por mor da redución de extracción por causa do teito do petróleo, e
- o comportamento que ao longo das últimas décadas ven manifestando a evolución dos prezos.
Con estes dous elementos vemos que:
- Toda crise na oferta provocou un incremento dos prezos elevada e que, aínda que logo houbera unha caída dos prezos, o prezo medio a posteriori quedou fixado nun nivel superior ao que había antes da crise. Deste modo as sucesivas crises foron elevando ese prezo medio.
- Que a crise a que nos enfrontamos e moito máis grave que calquera outra coñecida antes.
- Que independentemente do que suceda no mercado diario os prezos medios irán elevándose cada vez máis mentres que o petróleo sega a ser unha peza fundamental do noso modelo enerxético.
- Que os prezos que resultaban anormalmente altos no pasado pasarán a ser prezos correntes.
- E que seguirá habendo que especule, manipule, desinforme…
Unha reflexión sobre “Como se determina o prezo do barril de petróleo?”