Propostas para unha Coruña sen petróleo

Hórreo no Parque de Santa Margarida (A Coruña)Por solicitude de Esquerda Unida elaboramos hai uns meses un bosquexo de medidas básicas para a cidade de A Coruña se preparar para un futuro sen petróleo.

Agora queremos dalo a coñecer, convidando a todos os partidos que presenten candidaturas ás vindeiras eleccións municipais ao incorporaren aos seus programas de goberno municipal. Tamén consideramos que será de utilidade e interese para o resto de cidades galegas, xa que moitas medidas poderían ser doadamente aplicables tamén nelas.

Propostas de política municipal para o concello de A Coruña preparar a cidade fronte o Teito do petróleo

Asociación Véspera de Nada por unha Galiza sen petróleo, Febreiro-Marzo de 2011. Versión aberta.

Refinaría da Coruña (cores invertidas). Fonte: Wikimedia Commons

Economía

  • Incorporar unha avaliación de sustentabilidade e resiliencia fronte ao Teito ao proceso de selección de empresas de nova creación asesoradas polo concello. [T]
  • Dar charlas a empresas de nova creación e ás xa existentes sobre o Teito e as súas consecuencias, enfocándoas sobre todo ás consecuencias para os negocios e a economía local. Incidir no concepto de resiliencia. [T]
  • Promover a creación de empresas sustentables e resilientes mediante un programa específico. Apoiar iniciativas empresariais non dependentes do petróleo. [T]
  • Fomentar a reconversión de empresas dependentes directa ou indirectamente do petróleo. Elaborar unha guía para esa reconversión, subvencionar auditorías de dependencia, ofrecer asesoramento para o proceso de adaptación, etc.
  • Fomentar a reorientación das empresas produtiva cara o consumo local. [T]
  • Apoiar economicamente proxectos empresariais que fornezan produtos substitutivos aos importados. [T]
  • Favorecer a creación de empresas de servizos que non impliquen elevados consumos materiais e de enerxía. [T]
  • Crear unha moeda complementaria local respaldada polo concello coa colaboración das agrupacións de empresas e comerciantes. Ofrecer como referencia lexitimadora outras moedas locais que levan tempo funcionando (Totnes Pound, Ithaca Hours, Toronto Dollars, etc.). Defender a súa contribución para fornecer liquidez a empresas con capacidade pero escasas de financiamento (sistema de crédito mutuo).
  • Crear un banco de tempo municipal de amplo alcance, complementario coa moeda local. Defender os seus beneficios sobre todo para mobilizar a parados, estudantes, xubilados, etc. [T]
  • Crear bancos municipais de alimentos e produtos de primeira necesidade. Os alimentos deberían vir preferentemente dos hortos urbanos (vid. infra) e de produtores das cercanías.
  • Crear bancos de terra en zonas urbanas e perirurbanas para poñer en contacto a propietarios de fincas potencialmente produtivas e a urbanitas interesados na produción hortícola.
  • Revisar política de compras municipais priorizando o abastecemento en mercados e produtores locais. Apoio ás redes locais de distribución de alimentos, e ás cooperativas de consumo ecolóxico e local. [T]
  • Reforzar o comercio de proximidade, sobre todo o alimentar e de produtos de primeira necesidade. Contribuír ao estabelecemento de redes locais de subministro. [T]
  • Definir un área ao redor da Coruña de especial promoción agrícola-gandeira ecolóxica, e de cultivo e recolección de moluscos e de pesca artesanal. [T]
  • Revisar todos os planos de investimento público municipal baixo un escenario permanente de petróleo caro.
  • Estudar a creación dunha empresa municipal de electricidade. [T]
  • Fomentar economicamente e burocraticamente a xeración eléctrica para autoconsumo, tanto de familias como de empresas e outras entidades. [T]
  • En todas aquelas medidas en las que se traballe con fontes locais e resilientes, cuantificar o aforro para o municipio (e para os veciños) que implica usaren esas fontes, como medio para demostrar que as medidas melloran de feito a economía do municipio nesta época de dificuldades.
  • Fomentar a integración dos parados, sobre todo os de longa duración, en novos oficios e servizos “para a resiliencia”. Ofrecer incentivos para a recuperación de oficios que impliquen reparación, mantemento, e reciclaxe local de materiais usados. Integrar os puntos limpos da cidade con estes servizos. [T]

Urbanismo

  • Revisar a normativa urbanística para en clave de Teito:
    • Desincentivando a construción de espazos de lecer, consumo ou servizos na periferia.
    • Facer posible para todos os coruñeses/as residir traballar, comprar, pasear, ter espazos de lecer no mesmo barrio ou nun contiguo.
    • Repensar a estrutura da cidade para volver a un modelo de usos mesturados, diversos e densos e a vida en proximidade: residencia, escola, traballo, lecer, comercio e trasporte cara ao exterior a menos de 10′ andando.
    • Fomentar a instalación de paneis solares nos edificios, miniturbinas eólicas e outros sistemas de autoabastecemento enerxético, subvencionando a súa instalación ou achegando créditos. Procurar que se faga por medio de empresas locais que traballen neste sector e con moeda local. [T]
    • Promover o illamento das vivendas, o seu aproveitamento solar pasivo e penalizar o seu consumo enerxético. [T]
    • Promover a residencia no centro das cidades: aluguer de casas baleiras, aluguer de cuartos.
  • Nova política de espazos verdes:
    • Aumentar o seu número e extensión. [T]
    • Remodelar os espazos verdes existentes non históricos cara aproveitamentos en forma de hortos urbanos.
    • Recuperar hortos até hai pouco (ou aínda) produtivos (por exemplo: San Pedro de Visma, Elviña, A Zapateira…).
    • Fomentar a agricultura urbana ecolóxica mediante campañas, cursos, incentivos diversos, cesión de espazos e apeiros, subvención de sementes, etc.
    • Aproveitar fincas non utilizadas (públicas ou privadas) para a creación de hortas urbanas comunitarias.
  • Aplicar reformas bioclimáticas e de eficiencia enerxética aos edificios municipais. [T]
  • Implantar sistemas de tratamento de residuos sólidos e de augas residuais sostibles e autosuficientes, reconvertendo as plantas municipais. Aproveitar o residuo seco obtido tras o tratamento de augas residuais para a agricultura. Compostar e reciclar ao máximo, establecendo plantas de procesamento local dedicadas a esta función. [T]

Transporte

  • Poñer en marcha medidas diversas para penalizar e desincentivar o uso do transporte privado (coche).
  • Penalizar o acceso en coche a áreas da cidade onde existe alternativa para acceder con transporte público. Priorizar o acceso a pé ou en bici.
  • Crear ou ampliar estacionamentos anexos as estacións de autobuses e tren (aproveitando que están relativamente próximas podería estudarse crear un compartido por ambas as dúas), para promover que a xente saia/entre da cidade por eses medios.
  • Limitar as zonas de aparcamento no centro, dando como alternativa o estacionamento nos arredores promovendo a comunicación mediante transporte público.
  • Implantar tarifas diferenciadas de estacionamento, en función dos lugares de maior sobrecarga de tráfico de automóbeis.
  • Crear unha rede de carrís bici ampla e útil que permita percorrer toda a cidade. Facilitar e promover o uso da bicicleta. [T]
  • Darlle en toda a cidade preferencia a bicis e autobuses fronte a outros vehículos. Sobre estes, preferencia aos peóns. Dar prioridade na planificación do uso do solo e dos sistemas de transporte, así como no seu financiamento, aos peóns e aos ciclistas.
  • Aumentar o número e frecuencia do transporte público. [T]
  • Modificar o maior número posible de buses urbanos para funcionaren con aceite reciclado. Promover unha rede de recollida de aceite usado doméstico, nos negocios de restauración, comedores de centros públicos e de traballo, industriais, etc. para reciclalo nunha planta local que abastecería estes buses. [T]
  • Abaratar as tarifas do transporte público para todos os cidadáns, facéndoo gratuito ou case a colectivos máis desfavorecidos.
    Facer un estudo para avaliar a posible eficiencia enerxética dun sistema de microbuses baixo demanda complementario ás liñas permanentes. Estudar en cada liña e horario se é máis eficiente a substitución de buses por microbuses máis frecuentes.
  • Incentivar un transporte de mercancías dentro da cidade que optimice percorridos para aforrar combustible (empregando p.ex. sistemas informatizados), con camións máis pequenos alimentados con aceite vexetal local na medida en que vaia estando este dispoñible, e mediante trens para a saída/entrada de mercancías fóra da cidade.

Fiscalidade

  • Revisar todos os tributos municipais para penalizar aquelas actividades que obstaculicen a transición enerxética, e rebaixando ou anulando as taxas a aquelas que a favorezan.
  • Aumentar de maneira importante as taxas de vehículos a motor para os coches, con excepcións debidamente xustificadas cando non exista alternativa de transporte municipal.
  • Aceptar pagamento dos impostos municipais na moeda complementaria municipal.
  • Reducir a fiscalidade aos comercios de proximidade e pequenas tendas, sobre todo de alimentación e produtos necesarios.
  • Penalizar a publicidade de marcas e empresas non locais, dando prioridade ás locais. Fomento dun cambio cultural con respecto ao consumo.
  • Favorecer fiscalmente as empresas que faciliten o teletraballo para evitar o desprazamento dos seus traballadores de fóra da cidade. [T]
  • Favorecer fiscalmente o aluguer e compartición de equipamento como alternativa á venda, e para favorecer a ampliación da vida útil dos produtos e maquinaria. [T]

Difusión e concienciación cidadá. Outros

  • Colaborar activamente para que se realicen charlas, xornadas, actividades formativas, actividades escolares, proxeccións de documentais… vencelladas con: [T]
    • O Teito do petróleo.
    • O aforro enerxético.
    • A resiliencia comunitaria.
    • Habilidades útiles nun mundo sen petróleo.
    • Agricultura natural/ecolóxica/tradicional.
    • Permacultura.
    • Decrecemento.
    • Autoprodución e conservación de alimentos.
    • Compostaxe caseira.
  • Fomentar a cultura de que só é preciso poseer aquilo que é verdadeiramente persoal, e que o resto é máis eficiente compartilo (bens comunitarios) mediante aluguer e outros sistemas.
  • Crear un centro municipal de referencia permanente sobre estas cuestións, a modo de granxa-escola urbana, centro de experimentación e difusión, centro de demostración de técnicas sustentables, etc. Preferiblemente ubicalo nalgún espazo xa existente e infrautilizado ou utilizado para outras cuestións menos prioritarias. Podería crearse unha especie de Axencia Municipal para a Transición Enerxética. [T]
  • Facer reunións urxentes con todo tipo de asociacións, empresas, centros de ensino, medios de comunicación local, etc. explicando claramente os posibles escenarios aos que se enfrontarán. Facer unha moción pública sobre o asunto, marco para todas as actuacións incluídas neste documento e outras que houber.
  • Unirse á rede de Cidades en Transición (Transition Towns).
  • Declarar A Coruña zona libre de tranxénicos: prohibición dos transxénicos para conservación da biodiversidade e a independencia de empresas e insumos de fóra.
  • Adoptar o Oil Depletion Protocol.
  • Instalar paneis concienciadores en lugares estratéxicos da cidade con lemas sobre o Teito do petróleo e a prol do aforro enerxético. Instalar nun lugar de moito paso de vehículos un panel LED alimentado por enerxía solar que amose o prezo do barril de petróleo de maneira actualizada e gráficas da súa evolución en diferentes periodos (1 mes, 6 meses, 1 ano, 5 anos).
  • Crear unha unidade equestre da policía local e outra que utilice bicicletas para os seus desprazamentos, tal e como xa existen (tanto dun tipo como do outro) noutras localidades do mundo.

(As medidas marcadas con [T] suporían claramente creación de novos postos de traballo. O resto de medidas poderían tamén crealos dun xeito máis indirecto, e sobre todo axudarían a conservar ou reconverter os postos xa existentes.)

Proposta elaborada pola Asociación Véspera de Nada
por unha Galiza sen petróleo
, con achegas de Antonio Turiel do Oil Crash Observatory. A esta versión online engadíronselle algunhas ligazóns para ampliar información sobre algúns conceptos.