(Traducido de urxencia por Xoán R. Doldán, do orixinal en francés publicado no blog de Le Monde, Oil Man – Croniques du début de la fin du pétrole)
“Erro fatal” da Unión Europea.
A directora da Política Xeral de Transportes da Comisión Europea advertiu que Europa comete un «erro fatal» tardando en reducir a súa dependencia do petróleo.
Marjeta Jager declarou, no decurso dunha conferencia sobre o ‘teito do petróleo’ organizada o 3 de maio polo grupo ecoloxista no Parlamento Europeo en Bruxelas: «Se tardamos en reaccionar, no futuro non moi afastado, poderemos vernos forzados a reducir drasticamente a nosa mobilidade, e importar solucións tecnolóxicas doutras rexións do mundo.»
Esta declaración indica máis que unha ruptura co contido do libro branco do transporte publicado en febreiro pola Comisión de Bruxelas, segundo o cal non é posíbel reducir a mobilidade dos europeos, sinala un despacho de EurActiv [V.F.] que informa da conferencia.
O responsábel do carbón e do petróleo na Dirección Xeral da Enerxía da Comisión Europea, Jan Panek, recoñeceu a existencia de « incertezas » concernentes ás « cifras sobre as reservas » e a « dispoñibilidade » futura de petróleo.
O Sr. Panek non quixo dicir até que punto a Unión Europea ten confianza nos datos oficiais fornecidos polos países do Golfo Pérsico, e, en particular, pola Arabia Saudita, na elaboración dos seus modelos prospectivos e os seus plans de urxencia. Preguntámonos que podería xustificar tal rexeitamento…
Referíndose a eventuais escasezas de petróleo, o Sr. Panek conformouse con advertir: « Non tivemos moitas no pasado, mais poderemos coñecer máis no futuro. »
En novembro, o comisario europeo da enerxía, Guenther Oettinger, declarara: « A cantidade global de petróleo dispoñíbel, acho, ten pasado o seu pico máximo. » Foi após a publicación dun informe da Axencia Internacional da Enerxía segundo o cal a produción mundial de petróleo convencional alcanzara o seu « teito histórico » en 2006, e non aumentaría « nunca ».
A Unión Europea comprometeuse a reducir o 20 % das súas emisións de gases de efecto invernadoiro para 2020, en comparación ao nivel establecido en 1990 (emisións debidas principalmente ao consumo de enerxías fósiles, e sobre todo ao petróleo).
Consumo de petróleo en miles de barrís por día (fonte: BP)
1990 | 2000 | 2009 | |
---|---|---|---|
UE | (*)13925 | 14692 | 14143 | Francia | 1910 | 2007 | 1823 |
Alemaña | 2708 | 2763 | 2422 |
(*) excluída Eslovenia
En 2009, o consumo de petróleo da Unión Europea era superior nun 1,5 % ao seu nivel de 1990. Alemáns e franceses foron os bos alumnos, xa que os seus consumos anuais tiveron unha baixada en relación a 1990. Fica lonxe de ser unha diminución do 20 %. Porén, Francia e Alemaña son os maiores consumidores de petróleo na UE.
É improbábel que Europa chegue a ter unha redución considerábel da súa dependencia do petróleo, mentres que os vehículos de gasolina e gasóleo siga na ser o modo de transporte claramente dominante.
En Francia, as primas e os bonos ecolóxicos, medidas estrela do ‘Grenelle de l’environnement’ (1) levaron a unha reactivación record das vendas de automóbiles.
[Nos Estados Unidos, nun rexistro relacionado, un editorial do New York Times critica a ofensiva liderada por numerosos parlamentarios republicanos e demócratas a favor dun impulso ás extraccións off shore de petróleo. Mesmo cando estas extraccións se triplicasen non paliarían o impacto, nin sobre os prezos da gasolina, nin sobre a dependencia das importacións de cru, destaca o xornal.]
(1) Nota do trad.: A expresión « Grenelle de l’environnement » é utilizada para se referir ao lugar dos encontros de traballo entre representantes do Estado francés, colectivos locais e ONG ecoloxistas en outubro de 2007, onde se procuraba definir unha estratexia política para o ambiente.
2 reflexións sobre “A Directora europea de Transportes advirte de que a UE está a cometer un «erro fatal» ao non reducir a súa dependencia do petróleo”