O inevitable colapso do sistema financeiro (e o que nos fan pagar namentres)

Recentemente houbo dous artigos que comentamos na nosa asociación e que apuntan no mesmo sentido: o inevitable colapso do actual sistema monetario e financeiro mundial, a non moi longo prazo.

Un deles foi publicado no blog do economista británico Richard Murphy baixo o título É hora de prepararse para o inminente colapso bancario (e as súas consecuencias).

O outro é un repaso ás consecuencias do Teito do petróleo feito por Euan Mearns para o prestixioso web de análise do peakoil, The Oil Drum. Neste artigo explícase que:

O Teito do petróleo pode ameazar o sistema bancario e financeiro mundial xa que o esquema Ponzi de crecemento baseado na expansión do crédito requere un fluxo crecente de enerxía barata para alimentar a economía real. Cando ese fluxo de combustible barato secou, a economía real fallou e fixo emborcar o sistema mundial bancario de reserva fraccionaria que está no corazón deste esquema Ponzi.

O noso compañeiro Xoán Doldán, novo presidente de Véspera de Nada, explícanos qué significa isto no contexto actual, en termos moi clariños:

Está claro que o sistema financeiro e monetario actual está caput. Non se pode manter como até agora nin de coña. Hai precedentes en diferentes momentos. Bretton Woods foi un exemplo de posguerra mundial na que se impuxo o novo líder mundial ligando a cotización do ouro e do dólar. Cando este sistema fracasou a mediados dos 70 substituíuse polo actual onde o ouro foi mandado a facer puñetas cando o dólar xa non podía manter a súa cotización con respecto ao metal. Así que liberouse a cotizacións das moedas e a súa flexibilidade cambiaria, dando lugar a un sistema monetario onde xa non había soporte material nin reservas de ouro ou divisas que garantisen a convertibilidade. O diñeiro convertido en pura mercadoría onde o sentido da súa compra-venda obedecería a cuestión fundamentalmente especulativas. Cando nos anos 90 se eliminan as restricións aos movementos de capitais ábrese a espita da multiplicación dos pans e dos peixes das formas de diñeiro e da especulación incontrolada, onde calquera mecanismo de control monetario e financeiro por parte dos países pasa a ser pura fantasía. No caso da UE isto agrávase na medida en que moitos países perden a súa propia moeda e os poucos resortes de control que ficaban nas súas mans.

Agora sabemos que separar o financeiro da base material da economía foi posíbel durante un tempo pero é imposíbel no medio ou longo prazo. De momento o poder financeiro e os seus empregados e representantes, que non son outros que os representantes políticos nos diferentes parlamentos, están a “reformar” a economía para expropiar mentres poidan o patrimonio que fica en mans dos Estados e das institucións públicas, ao tempo que acrecentan os mecanismos de opresión e explotación das clases traballadoras, familias e pequenos empresarios, para cubrir as enormes perdas ocasionadas no casino capitalista. É a súa guerra e nós as súas vítimas, así que o farán mentres poidan ou mentres os deixemos. Eles non pararán até que haxa non só síntomas de resistencia senón unha resistencia real manifestada en todos os ámbitos. Poderán manter certo tempo o sistema financeiro e monetario baixo esa continua opresión e expropiación pero co obxectivo de acrecentar a concentración do capital financeiro.

Desde a perspectiva do conxunto dos pobos a solución é outra e non coincide con esta nin con outras que se poidan formular desde o poder actual para reconducir o sistema. E esa saída alternativa debería pasar por recuperar a soberanía perdida en materia monetaria e financeira, en gravar, controlar e reconducir os movementos financeiros internacionais, en evitar e penalizar a emisión de diñeiro bancario, na recuperación de formas de emisión de diñeiro vinculadas á base material da economía, etc. Evidentemente todo isto significa cambiar o rumbo xeral da economía actual e da que se promoveu todos estes anos que, compre non esquecelo, é o que nos trouxo á(s) crise(s) que estamos a vivir hoxe.

7 reflexións sobre “O inevitable colapso do sistema financeiro (e o que nos fan pagar namentres)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.