Un dummie pregúntalle ao noso compañeiro Manuel Amigo acerca do Cénit do petróleo:
Dummie: E logo esto do teito de petróleo, que ven sendo?
Manuel Amigo: Pois pouca cousa: o teito do petróleo ven sendo o evento que marca o comenzo do fin da civilización industrial.
D: Estás de carallada, nonsí?
M.A.: Non, verás: o petróleo barato é o sangue do sistema. Todo o que che rodea e xera riqueza e benestar está impregnado de petróleo, dende os alimentos que comes ata a pintura do ataúde no que te enterrarán e non só en forma de carburante para tractores, colleitadores e camións para o reparto da comida ou o coche fúnebre que che fará o derraideiro servizo, senón tamén na fabricación de fertilizantes, fitosanitarios, envases ou mesmo nos medicamentos que non foron quen de curarte.
D.: Carallo, ho! E logo que pasa? Seica se fai todo con petróleo, ou?
M.A.: Pois todo todo non, pero case que todo. E se non se fai con algunha aplicación directa dalgún derivado do petróleo seguro que en algún momento ten que ser transpotado por algún medio de transporte que consume petróleo.
D.: É igual! Seguro que aínda queda petróleo a ghodelo e o que pasa é que as petroleiras nos fan ver que queda puco para cobrar máis.
M.A.: Queda moito petróleo por baixo do solo… e aí vai quedar, porque o petróleo bo e fácil de extraer (por iso era barato) hai tempo que se acabou. O que queda agora é o cativeiro ou o que está en sitios onde extraelo é un chisco complicado coma no medio do mar ou nos polos. Aínda por riba, o petróleo está metido en buracos a quilómetros de profundidade enchoupando unhas rochas porosas como esponxas: para sacalo fan cousas incribles, dende inxectar millóns de toneladas de auga, a quentalo queimando gas… Por iso che digo que aí
vai quedar porque é carísimo e estúpido extraelo.D.: Nin caro nin hostias! Se fai falla, haberá que poñer os cartiños e sacalo, ou?
M.A.: O problema non é que sexa caro, home: o problema é que é estúpido, ho! Se por cartos fora os señoritos da garavata daríanlle ao maquinillo de facer billetes e… alegría! O problema é que é estúpido porque costa máis enerxía buscar o petróleo con barcos e submarinos, fabricar e montar as plataformas, instalalas e mantelas, perforar a milleiros de metros de profundidade ou mesmo mover e quentar millóns de toneladas de areas bituminosas para exprimirlle unhas pingueiras de petróleo… cá enerxía que ese mesmo petróleo che vai dar. É dicir: gastan máis enerxía en extraer o petróleo cá que vai dar ese mesmo petróleo… un negocio de merda, vamos.
D.: Bueno, haiche moitas enerxías alternativas que están aí. O que pasa é que as petroleiras teñen as patentes e…
M.A.: Para o carro! Non hai nada no mundo que poida substituír o petróleo, porque o petróleo foi unha beizón da Natureza, pura enerxía solar concentrada durante millóns de anos no carbono dos carballos e bichocos antediluvianos, un concentrado que nos permite facer cousas que ningún outro combustible pode facer coa mesma eficacia. O malo é que os seres humanos no canto de dosificar esa eficacia e facer un uso racional dunha cousa que sabiamos finita (o petróleo en USA empezou a declinar no 70 e Hubbert avisouno moito antes) pois dedicámonos a facer multimillonarios a eses poucos seres ¿humanos? que se adican a aproveitarse da debilidade do ser humano e de xeito totalmente inconsciente e suicida ofrecéronnos a todos vivir como se fósemos ricos, consumindo cousas e servizos das que podiamos perfectamente prescindir, e entramos todos o trapo e acabamos comendo a enerxía que lles tiñamos que deixar aos nosos fillos ademais de nos cargarmos o planeta onde terán que vivir, totalmente contaminado e co clima perigosamente alterado. Pero non todo ían ser malas novas: tamén lles imos deixar unha débeda financeira cos mesmos que nos convenceron de crecer ata o infinito e mais alá que pagarán mediante algun tipo de escravitude (o ser humano eche unha máquina que traballa bastante eficientemente: non te podes facer unha idea do moito traballo que pode facer cunha cunca de caldo e as pertinentes correadas).
D.: Entón estamos fodidos, pero que moi fodidos…
M.A.: Home, claro que estamos, ou! De onde carallo pensas que xorde esta crise que estamos a desfrutar? O chiringuito este é tan estúpido que só é sostible se crece constantemente: se non se crece non se poden pagar as débedas e moito menos os intereses das débedas. Entón se o petróleo comenza a escasear e a subir de prezo, as empresas teñen máis gastos, venden menos e botan xente ao paro. Isto fai que vendan aínda menos: entón quebran e botan a toda a xente á rúa. Así os ricos que lles prestaron os cartos quédanse con todo: empresas, casas, negocios, terreos e… débedas que hipotecan o futuro de varias xeracións.
D:. Pero os politicos na telvisión falan decote de “recuperar la senda del crecimiento” de que “estamos haciendo los ajustes necesarios para retomar la senda de la recuperación”. Polo que ti dis iso non e posible.
M.A.: Pois temo que non: vas ter que te ir afacendo a que vivirás en crise toda a túa puta vida. Como xa che expliquei é fisicamente imposible que xamais a economia mundial volte a medrar. Non sei se me expliquei con claridade de abondo. Eche como se mercas un porco pra cebar pra o tempo e cada semana lle botas un pouco menos de comer, pensas que vai engordar?
D.: Entón por que carallo o din?
M.A.: Porque eles non traballan pra ti: o seu soldo págalo ti cos teus impostos, pero traballan para os mesmos que se fixeron ricos facéndonos crer que podiamos vivir coma os ricos e así dilapidar o petróleo que agora non temos. Pero se temos unha débeda que lles temos que apoquinar, entón como traballan pra eles fan cousas que beneficien aos seus xefes, como facilitarlles ao máximo o cobro desa débeda a base de rescataren entidades financeiras que colaboraron co engano cos cartos de todos; reducir os gastos dos estados e comunidades pra garantirlles o cobro aos ricos; reducir os servizos sociais e mesmo botar funcionarios para garantirlles o cobro aos ricos; malvender empresas estatales viables e rendibles aos ricos …para garantirlles o cobro aos ricos; aumentar a carga impositiva aos pobres e reducírllela aos ricos para… garantirlles o cobro aos ricos; recortar, reducir, regular, recortar, reducir, regular… para garantirlles o cobro aos ricos.
D.: Pero non é xusto…
M.A.: E a ti quen carallo che dixo que o mundo fose xusto?! Se fose xusto esa débeda que xeraron os ricos sabendo perfectamente que acabaría sendo impagábel porque os recurso finitos da terra o impedirían, convertiríase inmediatemente nunha débeda odiosa que ninguén tería por qué pagar porque os
ricos non actuaron de boa fe cando nos venderon unha débeda que sabían que ía ser imposible de devolver.D.: Entón, non hai solución? Estamos mortos e enterrados?
M.A.: Home, non hai cousa que non teña solución. É mais: este é un problema curioso pois a propia consecuencia do mesmo é a súa solución. Non, non é unha adiviña, verás. A falta do sangue do sistema produce decrecemento, e esa e a solución precisamente: o decrecemento. Pero resulta que os ricos teñen que xestionar este decrecemento de xeito que a eles non lles coste un euro ou, millor ainda, que lles reporte uns beneficios brutais, monstrosos, bestiales… e por suposto garantirlles un futuro próspero preservando con todo cuidado esa débeda que lles asegurará millóns de traballadores escravos e o acceso ás posesións que eses debedores (sexan países ou sexa o último mono) non van poder pagar: terras cultivables, auga, materias primas, etc. E estano a facer de xeito impúdico e diante dos nosos fociños con todo tipo de colaboradores necesarios, pero iso si: estano a facer moi ben; penso que chegarán mesmo a usurpar o goberno dalgún país cando a miseria e a fame inducida por eles mismos na poboación deixe en evidencia os gobernos que non poderán cubrir as necesidades básicas da xente precisamente por estaren arruinados por seguirlles o xogo aos ricos… E esa é a solución que se está a poñer en práctica neste preciso momento, a solución dos ricos: empobrecernos de xeito político, non hai outra.
Esperar que algún dirixente político imbuido de patriotismo, honor e vergonza se rebele contra o sistema é como esperar que unha pedra saia voando por si mesma desafiando a lei da gravidade. Así que por ese lado témolo moi cru.
Outra cousa é que nos rebelemos nós, pero rebelarse non é saír á rúa a que un funcionario che encha a cabeza de hostias coa porra. Rebelarse é reducir voluntariamnte o consumo de todo, producir o teu alimento e o dos teus de xeito autónomo, facer unha transición persoal e ao teu redor, explicándolle a todo o mundo a gravidade do que acontece, aumentar a tua resilencia, a dos teus, a do teu barrio, a do teu pobo, a de túa cidade, informarse sobre moedas locais, software libre, producir a tua propia enerxía, voltar ao campo se che é posible, facer un cambio de valores, non pagar impostos, sacar os cartos do banco, poñer de patiñas na rúa a estes políticos corruptos e vendidos, apagar a televisión, autoxestionar servizos públicos básicos, crear bancos de alimentos, axudar aos parados mediante traballos no ben común, etc. etc. Estas tamén son solucións pero hai que ter moitos collóns ou ovarios para levalas a cabo por iso é moi probable que simplemente asumamos con resignación as que nos propoñen os ricos.
Hala, ata máis ver.
9 reflexións sobre “O Teito do petróleo explicado para parvos, por Manuel Amigo”