A burla das noticias sobre a evolución das explotacións agrarias galegas

(Un artigo de Xoán R. Doldán.)

A noticia difundida recentemente por Galiciaé acerca da evolución da superficie agrícola en Galiza é unha auténtica burla. Ou non saben o que escriben e por iso acaban por dar unha imaxe falsa, ou dan unha imaxe falsa a mantenta.

Dato destacado: Galicia es la Comunidad autónoma en que más aumentó la superficie agrícola utilizada por explotación, entre 1999 y 2009, al pasar de las 5,59 hectáreas a 8,15, con una variación del 45,88%, frente a la media estatal del 18,47%.”

Imaxe de Wikimedia Commons

Semella un dato positivo, a idea que se transmite é que a evolución foi moito máis favorábel en Galiza porque o crecemento do tamaño medio das explotacións foi superior (un 45,88%! fronte ao 18,47% estatal).

Claro que alguén podería pensar que isto ten que ver só co feito de que as explotacións galegas son moito máis pequenas e, polo tanto, calquera pequena variación en termos absolutos pode significar cambios significativos en termos relativos. Por se esa é a idea a que chegamos xa nos din que estamos no certo: as explotacións galegas, en termos absolutos aumentaron pouco máis de 2,5 has por termo medio, mentres que as estatais aumentaron en case 4 has., por iso as explotacións galegas seguen a ser das máis pequenas de todo o Estado.

Onde está logo o gran engano?, onde a burla?.

Os censos agrarios (como todos os censos) fanse cada dez anos, polo tanto os dous últimos que temos son este de 2009 e o anterior de 1999. Pois ben, vexamos que pasou nese tempo segundo datos do INE:

Evolución das explotacións agrarias galegas 1999-2009

O número de explotacións galegas con terras pasaron de ser 268.995 hai dez anos a ser, segundo o último censo, 79.481, é dicir agora temos apenas o 29,5% das explotacións que había hai dez anos!!!, ou dito doutro, apenas sobreviven algo menos de unha explotación de cada tres que había hai dez anos!!!.

Ulo o dato positivo?. De acordo con esta caída o normal sería que as explotacións galegas multiplicaran o seu tamaño por máis de 3, para sermos exactos deberían ter aumentado o seu tamaño nun 236,6% pero só aumentou nun 45,88%. Por que?. Porque neses dez anos se abandonaron en Galiza 1.129.823 has de terras, o 55,2% das terras que comprendían as explotacións agrarias con terras en 1999. Malia isto a Superficie Agraria Utilizada (SAU), que é a suma de terras labradas e terras para pasteiros permanentes non se reduciu significativamente (apenas un 7%) sendo a caída fortísima en Outras terras (terras ermas, matogueiras ou con superficie forestal) onde a caída é dun 80%. Dito doutro xeito, confirmase unha fenda que viña de décadas atras entre a vocación agrario-gandeira das explotacións galegas e a superficie forestal, onde esta xa non ten cabida como parte integrada da actividade agraria senón ao marxe dela, desaparecendo plenamente o papel integrado que había tradicionalmente no agro galego. Se en 1999 o 93% das explotacións agrarias tiñan parte do terreo dedicado a Outras terras (supoñendo o 66% da superficie total das explotacións), en 2009 son o 72% das explotacións (co 29% da superficie total).

Por outra parte, a explotacións que fican activas aumentaron a súa especialización na actividade gandeira. De facto, mesmo cando a SAU case non mudou si o fixo a súa estrutura interna. As terras labradas (cultivos herbáceos, barbeitos, hortos familiares ou cultivos leñosos) reduciron a súa extensión en case o 23%, mentres que os pasteiros permanentes aumentaron algo máis do 2%.

Cal debería ser o titular da noticia?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.