(Tradución do último post de Matthieu Auzanneau no seu blog de Le Monde, co título de Vers un avenir « terrible » sans changement de cap (Agence internationale de l’énergie) feita por Xoán Doldán.)
Cara un futuro “terríbel” sen mudar o curso (Axencia Internacional da Enerxía)
O mundo móvese cara un futuro “terríbel” sen mudar radicalmente o seu curso, indo cara unha “enorme” elevación da demanda de enerxía, advertiu o martes o ministro australiano da enerxía, que presidiu unha reunión interministerial da Axencia Internacional da Enerxía en París (AIE).
A escaseza de petróleo e o cambio climático: “terríbel” dilema, diante da promesa dunha demanda de enerxía que, segundo a AIE, aumentaría un 47% até 2050.
A AIE revisou á alza nun 15% as súas previsións das necesidades de investimento mundial en enerxía: 1,5 billóns de dólares ao ano, o 2,6% do PIB mundial na actualidade. Unha cuarta parte destes investimentos debería dedicarse ao petróleo, “que se torna cada vez máis caro de extraer”, dixo Fatih Birol, economista xefe da AIE.
A AIE, encargada de aconsellar aos países ricos da OCDE, estima que cada ano, a produción de campos de petróleo maduros declina de 2,5 a 3 millóns de barrís por día. Isto significa que o equivalente á produción de Iraq debe destinarse cada ano só para compensar (declaración un pouco menos alarmista á que emitiu a compañía Shell).
Fatih Birol alerta
«O 90% de crecemento da produción virá de Oriente Medio. Se en cinco anos, os investimentos en infraestruturas non se concentran nesta rexión, haberá importantes implicacións para os prezos do petróleo, que se dispararán.»
Segundo o economista xefe da AIE, a porta que evitaría un quecemento global superior a 2° C pode estar a fecharse, segundo informa o Wall Street Journal.
O diario de negocios de Nova York di:
«A reunión concluíu coa constatación de que o carbón será esencial para atender o crecemento da demanda, e que a única esperanza de conter o aumento de temperaturas é agardar a invención de tecnoloxías máis baratas para capturar CO2 que “finalmente permitan usalo de maneira máis benigna ao ambiente”.»
2 reflexións sobre “Axencia Internacional da Enerxía: O mundo móvese cara un futuro “terríbel””