(Reflexión de Xoán Doldán García a raíz da seguinte gráfica realizada por Casdeiro.)
Casdeiro:
O cuadrado exterior é o total do orzamento público, é dicir o diñeiro que ten o Estado para gastar. E o amarelo o que destina ao pagamento da débeda pública (os famosos bonos, etc.). Na situación que estamos a presenciar o total dos ingresos diminúe como consecuencia da recesión (e xa sabemos que en última instancia, polo Peakoil), mentres que nos obrigan a que lles entreguemos cada vez máis pola débeda (o famoso diferencial, p.ex.). O destino disto está claro: ao final o Estado será simplemente unha máquina de cobrar aos contribuíntes vía impostos para entregárllelo aos investidores, deixando se cadra parte do orzamento para pagar aos policías que controlen á poboación, e outros mecanismos de control máis sutís. A redución da complexidade darase así, en efecto, no Estado —o colapso do que xa temos falado—, máis a favor dos que xa sabemos e para traxedia da maioría.
Xoán Doldán:
Análise perfecta. Nos pseudodebates e pseudoentrevistas cos candidatos dos partidos maioritarios, durante estas semanas sempre se formulaba a seguinte cuestión: Se a parte do orzamento público destinado a pagar as obrigas pola débeda (non só a débeda senón cada vez máis os intereses asociados a ela) é algo ineludíbel (sic) e se o que resta, neste escenario de redución de ingresos, é para pagar funcionarios, pensións, sanidade e educación, por onde se vai a recortar para cumprir cos obxectivos de déficit que acabamos de constitucionalizar?. A resposta inmediata a esta pregunta que semellaba retórica era clara: non queda marxe de manobra para reducir o gasto que non pase por tocar eses catro epígrafes, au algún deles, xa que doutro modo o resto da acción do goberno queda reducido a 0.
Na miña perspectiva hai algúns erros, intencionados, na argumentación:
- Asumir que o status quo é inamovíbel, tanto no que di dos mecanismos de débeda como de financiamento do estado (vía débeda ou vía fiscal, por exemplo, esta última cada vez máis abandonada en favor tan só dos impostos indirectos e non os que gravan o capital, as rendas altas, o patrimonio ou as grandes fortunas)
- Asumir que o mercado (os mercados como din) e, en particular, o mercado especulativo da débeda, malia todo, segue a ser un indicador fiábel do estado da economía.
- Asumir que a organización capitalista segue a ser viábel de se corrixir certos fallos.
- Asumir que a perda de soberanía dos estados en favor de organismos supranacionais non é un problema senón a solución: unha política economíca común (sic sic) para toda a UE.
De ser certos todos estes supostos está claro que non quedaría máis remedio que:
- Despedir funcionarios e/ou diminuir os seus ingresos; e/ou
- Reducir o gasto sanitario (por exemplo convertindo gasto público en gasto privado, mediante vías directas ou indirectas de privatización); e/ou
- Reducir o gasto en educación (por vías semellantes ás da sanidade); e/ou
- Reducir o estado social (pensións, prestacións por desemprego, bolsas de estudos etc etc)
De non ser certos os anteriores supostos, caberían outras vías pero terían que ser rupturistas co status quo e coa lóxica do capital.
O medo ao descoñecido, aínda podendo ser mellor, é maior que o mal coñecido. Mañán, 20N, daremos nova vida aos demos coñecidos e rememoraremos aos vellos fantamas que están de aniversario. O estado policial, desvestido das cores do benestar, e o mercado coa súa man invisíbel e a súa patada na porta visíbel, serán cada vez máis o que nos traen estes novos gobernos europeos que, sen ataduras sociais, sentan directamente e sen agachalo, aos seus empregados.
O próximo mes (até antes de Nadal) anunciaranos a nova malanova.
9 reflexións sobre “O que está a pasar: reflexión sobre o rumo dos Estados capitalistas en vésperas da cita electoral española”