Sorprendeunos que unha das principais axencias de noticias mencionase —aínda que un tanto agachado dentro dunha nova que tocaba diversos temas e na boca non dun responsable político senón dun líder ecoloxista— nos medios de masas o pasado día 30 de decembro o concepto do Teito do petróleo:
“El portavoz de Ecologistas en Acción, Luis González, (…) En tercer lugar, ha destacado que la Agencia Internacional de la Energía ha reconocido en 2011 que en 2006 se superó el pico del petróleo, es decir, que se ha gastado la mitad de las reservas de crudo.”
A coletilla de “se ha gastado la mitad de las reservas” parece restarlle gravedade ao asunto, como dando a entender que podemos botar aínda moitos anos chuchando petróleo… como se o problema fosen as reservas e non o fluxo, e como se esa segunda metade das reservas ofrecese a mesma enerxía neta cá primeira, cousa que non é en absoluto así.
O dato trasmitido tampouco é exacto xa que o que recoñeceu a AIE foi que pasáramos naquel ano o Teito pero do petróleo convencional, o cal non significa o Teito de todo o petróleo.
A noticia, que saibamos, foi trasmitida por Antena3, ABC, Noticias de Navarra e El Economista.
Algo é algo neste desolador panorama de pensamento único e negacionismo enerxético. O concepto vaise trasladando moi lentamente á sociedade… moito máis lentamente có ritmo ao que queimamos esta materia non renovable e vital para as sociedades industrializadas.