O prezo do petróleo volve marcar (en euros) o récord histórico de 2008

Ofrecémosvos traducido un artigo publicado o pasado martes no blog Oil Man de Le Monde, no que se nos fai ver como a depreciación do euro fronte ao dólar desde 2008 fixo que —contados na moeda europea— esteamos de novo nos maiores prezos da historia. A tradución de urxencia é de Xoán Doldán:

En euros, o prezo do petróleo cru iguala os rexistros de 2008

Calculado en euros, o prezo do cru situouse no récord de 2008. O prezo do barril de Brent do Mar do Norte superou os 88 euros a semana pasada, un nivel alcanzado apenas unha vez hai tres anos e medio, no auxe da crise do petróleo.

Evolución do prezo do barril de Brent, en dólares e en euros
Brent, en euros, volta para as alturas de 2008 [Petromatrix] [ftalphaville.ft.com]

A caída do euro fronte ao dólar e a continuidade, a pesar da crise económica global, dos prezos elevados do petróleo “combinaranse nun bico da morte para a demanda europea de petróleo, mais tamén para o consumo europeo en xeral (…) xusto cando as medidas de austeridade entrarán en vigor”, profetiza o gabinete de análise suíza Petromatrix, citado polo site do Financial Times.

A cotización do Brent está estancada alén dos 110 dólares, mais aínda lonxe dos 140 dólares superados a mediados de 2008. “A zona do euro atópase completamente disociada do resto do mundo en termos de custos de enerxía”, di Izabella Kaminska, do Financial Times.

En 2011, a factura petroleira da Unión Europea ascendeu a 402.000 millóns de dólares, contra 280.000 millóns en 2010. Un salto que debe moito á fraqueza do euro fronte ao dólar. 402.000 millóns de dólares (315.000 millóns de euros) é case o importe da débeda pública grega.

O director xeral de Total, Christophe de Margerie, advertiu o ano pasado que é “inevitábel” que o prezo dun litro de super chegue a 2 euros. “A verdadeira cuestión é: cando? Esperemos que isto non aconteza moi rapidamente, en caso contrario as consecuencias serán dramáticas”, dixo ao Parisien. No momento da entrevista, en abril de 2011, o prezo do Super 95 foi de 1,53 euros por litro. Fica preto agora do 1,60 euros de media [en Francia].

Segundo o economista-xefe da Axencia Internacional da Enerxía (AIE), Fatih Birol, os altos prezos da enerxía “se persistiren nos próximos meses, poderían facilmente estrangular calquera recuperación económica.”

A Unión Europea vai superar aos Estados Unidos no primeiro posto dos importadores de cru en 2015, e será á súa vez superado por China en 2020, prevé a AIE. Isto “colocará á UE e China na primeira liña diante da seguranza enerxética”, subliña Fatih Birol.

Mentres tanto, o refinador suízo Petroplus, nun estado de case colapso, está lonxe de ser hoxe o único ameazado pola redución das marxes, observa Olivier Jacob da Petromatrix.

Neste contexto, a intención dos países europeos para impor un embargo de petróleo iraniano é temeraria (se non “xesticulatoria“). Se houber novas sancións occidentais contra o seu programa nuclear, Teherán ameaza bloquear o Estreito de Ormuz, a través do cal transita unha quinta parte da produción mundial de cru. Sen considerar este extremo, a tensión dos custes do petróleo é suficiente para levar a unha rúa sen saída a estragia da Unión Europea contra Irán.

As sancións adoptadas polos Estados Unidos contra o banco central iraniano prometen ser eficaces: afectan á capacidade de Irán para recibir o pagamento das exportacións de petróleo en dólares.

Estas sancións son capaces de levar a un punto aínda máis incerto a partida de “a que non te atreves” que van xogar Irán e os Estados Unidos, metidos (como Francia), nun ano electoral. O empate por afogamento non está claro. Cabe agardar sorpresas desagradábeis tamén aquí.

3 reflexións sobre “O prezo do petróleo volve marcar (en euros) o récord histórico de 2008

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.